DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 27 de novembro de 2009 Páx. 18.321

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 423/2009, do 12 de novembro, polo que se aproba o escudo do Concello de Culleredo, A Coruña.

O Concello de Culleredo, A Coruña, considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica do escudo, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, e no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 73/2006, do 20 de abril.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de novembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar o escudo do Concello de Culleredo, que figura como anexo, organizado do seguinte xeito:

En campo de prata unha ponte de tres ollos a dúas augas de ouro, mazonado e perfilado de sable sobre ondas de azur e prata superado dunha cruz patada de gules acompañada a cada lado dunha vieira de prata perfilada de azur. Ao timbre coroa real pechada.

Santiago de Compostela, doce de novembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "23300D007P010.PDF"