DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Mércores, 25 de novembro de 2009 Páx. 18.230

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 2009 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, polo que se modifican as bases reguladoras dos incentivos económicos para a aprobación de apoios específicos á provincia de Lugo.

Mediante Resolución do 5 de febreiro de 2009 (DOG nº 31, do 13 de febreiro) publicouse a modificación das bases reguladoras dos procedementos de tramitación das liñas de axuda do Instituto Galego de Promoción Económica.

Nos últimos anos a provincia de Lugo veuse afectada pola desaceleración no desenvolvemento das empresas existentes así como por unha menor implantación de novas iniciativas empresariais.O freo no dinamismo do seu tecido empresarial vén orixinado, principalmente, pola súa menor capacidade de atracción de novos proxectos investidores fronte a outras zonas limítrofes de fóra de Galicia e Portugal que poden ofrecer maiores apoios e servizos.

Para os efectos de contrarrestar esta desvantaxe que pode afectar o desenvolvemento económico e social da provincia, considérase prioritario que o Igape, a través das súas liñas de axuda, prime os investimentos que se acometan na provincia de Lugo.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 24 de setembro de 2009, aprobou o programa Impulsa-Lugo, no cal se establecen, entre outras, as medidas transitorias de apoio ao investimento.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 20 de outubro de 2009, acordou a modificación das bases reguladoras dos incentivos económicos para a aprobación de apoios específicos á provincia de Lugo.

Por todo o anterior e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar a modificación das bases reguladoras dos incentivos económicos para a aprobación de apoios específicos á provincia de Lugo feitas públicas mediante Resolución do 5 de febreiro de 2009 (DOG nº 31, do 13 de febreiro), incluíndo a seguinte disposición adicional:

«Disposición adicional primeira:

Para os proxectos presentados ao abeiro do artigo 4º.-Proxectos de investimento empresarial superior a 500.000 € e servizos avanzados intensivos en emprego que se van implantar na provincia de Lugo adoptaranse as seguintes medidas de prioridades específicas:

1. Nas publicacións de crédito asignado ás convocatorias estableceranse reservas de crédito específicas para proxectos que se desenvolverán nesta provincia.

2. Nos criterios de avaliación e selección de proxectos, o criterio localización avaliarase co valor máximo para os proxectos que se van desenvolver nesta provincia.

3. Para proxectos de primeira implantación en Galicia, garántese unha axuda mínima do 20% do investimento subvencionable nos proxectos previstos no artigo 4º.1 e para proxectos de creación de establecementos que non sexan considerados de primeira implantación, ampliación, modernización ou innovación tecnolóxica do mesmo artigo, garántese unha axuda mínima do 15% dos custos subvencionables.

4. Nos proxectos de investimento empresarial o investimento mínimo previsto no artigo 4º.1 da base de incentivos a proxectos de investimento empresarial redúcese a 200.000 €.

5. Elévase o límite máximo de acumulación de subvencións do 30% ao 50% para investimentos que realicen pequenas empresas, e ao 40% para medianas empresas.

6. Estas medidas seranlle de aplicación ás solicitudes non resoltas presentadas desde o 24 de setembro de 2009».

Segundo.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2009.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica