DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Mércores, 25 de novembro de 2009 Páx. 18.229

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 10 de novembro de 2009 pola que se declara de interese galego a Fundación Michel Salgado e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 6 de agosto de 2009, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 29 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se clasifica de interese social a Fundación Michel Salgado, adscribíndose á Consellería de Traballo e Benestar, departamento a que corresponde o exercicio das funcións de protectorado.

A fundación, segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, ten por obxecto fins sociais con especial dedicación á infancia e aos colectivos máis desfavorecidos. O seu propósito fundamental é fomentar a igualdade de oportunidades á infancia, nenos, nenas e adolescentes en Galicia, abarcando varios ámbitos tales como:

Desenvolver actividades culturais e deportivas que fomenten a igualdade de nenos en xeral e, sobre todo, axudar especialmente aos pertencentes a colectivos desfavorecidos por problemas económicos, sociais, físicos ou psíquicos.

Fomentar a igualdade entre nenos e nenas promovendo a non discriminación por razón de sexo, raza, idade, cultura ou relixión e o respecto á diversidade a través de programas, proxectos e accións de cooperación nacional para o desenvolvemento.

Cooperación entre entidades sociais para unir esforzos no logro de obxectivos.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e de conformidade cos requisitos establecidos no artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e demais normativa de xeral e pertinente aplicación, logo do informe favorable emitido con data do 2 de setembro de 2009 pola Asesoría Xurídica e do informe emitido con data do 7 de setembro de 2009 pola Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, ao abeiro do artigo 52.3º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Michel Salgado, ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Michel Salgado no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo e Benestar, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Terceiro.-A fundación cumprirá co disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego e demais normativa de desenvolvemento e de xeral aplicación, en especial coa obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e coa ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos. Así mesmo, estará obrigada a presentar ao protectorado as contas anuais e xustificar a través da memoria anual o cumprimento da finalidade fundacional, así como a presentar un plan de actuación con anterioridade ao inicio de cada exercicio económico, en que queden reflectidos os obxectivos, as actividades que prevexa desenvolver durante o exercicio seguinte xunto cunha previsión das partidas de ingresos e gastos e unha memoria explicativa deste, e a realizar as preceptivas comunicacións ao protectorado nos supostos legalmente establecidos.

Cuarto.-Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Traballo e Benestar no prazo dun mes ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza no prazo de dous meses, contados en ambos os dous casos a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 109, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago Compostela, 10 de novembro de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar