DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Mércores, 25 de novembro de 2009 Páx. 18.220

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 16 de novembro de 2009 pola que se clasifica de interese educativo a Fundación Cum Laude.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Cum Laude con domicilio na rúa Fonte dos Caños, nº 16, Ourense.

Feitos.

1. Ángeles Rodríguez Valiño, presidenta do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense, o trece de agosto de dous mil nove, ante o notario Fernando Martínez-Gil Fluxá, con número de protocolo mil cincocentros trinta e oito, Ángeles Rodríguez Valiño e José Manuel Quintáns Vázquez.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto destinar e afectar un patrimonio á promoción e realización, sen ánimo de lucro, de actividades socioeducativas e culturais conforme os principios de desenvolvemento social solidario.

4. O padroado inicial da fundación está formado por Angeles Rodríguez Valiño como presidenta, José Manuel Quintáns Vázquez como vicepresidente, e Águeda Quintáns Rodríguez como tesoureira.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Cum Laude, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese educativo e a súa adscrición á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día nove de novembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Clasificar de interese educativo a Fundación Cum Laude, e adscribila ao protectorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2009.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza