DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Mércores, 25 de novembro de 2009 Páx. 18.219

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 13 de novembro de 2009 pola que se clasifica de interese social, laboral e cultural a Fundación Eomaia.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Eomaia con domicilio na rúa López Mora, número 5-5º C, Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. Lucía González Vicente, presidenta do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o vinte e cinco de maio de dous mil nove, ante o notario Marcelino Estévez Fernández, con número de protocolo cincocentos noventa e sete, por Lucía González Vicente, que actúa no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

a) A mellora das condicións de vida e de relación coa sociedade dos seguintes colectivos: mulleres vítimas da violencia de xénero, colectivos en exclusión social ou en risco de exclusión social, titulares de familias monoparentais con cargas, nenos/as. Atención activa, de información e de apoio a estes. Apoio e atención activa á relación de nai-fillo/a ante circunstancias sociais.

b) Fomentar a mellora de calidade nas relacións do neonato co seu contorno.

c) Habilitar espazos en que se poida brindar atención en saude á muller e ao neonato.

d) Mellora das relacións filiais e apoio á resolución de conflitos familiares.

e) Fomento da paternidade comprometida.

f) Apoio a familias en situación de carencias emocionais, económicas e problemas físicos e sociais.

g) Creación de autoemprego dirixido a desempregados, principalmente mulleres, mozos, persoas en risco de exclusión social, minusválidos, entre outros.

h) Promoción da saúde.

i) Fomento dunha cultura de paz nas relacións entre as persoas e o seu contorno.

4. O padroado inicial da fundación está formado por Lucía González Vicente como presidenta, Tomás Rábanos Muro como vicepresidente. José Manuel Vázquez Viejo como secretario, Patricia Álvarez Loureiro como vicesecretaria, Arturo Pimentel Villar, Mónica Dios Viaplana e Rosa María Graña Costas como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social, laboral e cultural da Fundación Eomaia, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese social, laboral e cultural e a súa adscrición á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeneral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 9 de novembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Clasificar de interese social, laboral e cultural a Fundación Eomaia, e adscribila ao protectorado da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2009.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza