A Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, dedica o seu capítulo I ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, e establece como os seus órganos de dirección e xestión a Dirección e a Comisión de Goberno. Concretamente, nos seus artigos 7 e 8 regula a Comisión de Goberno, as súas funcións, a composición e o procedemento de nomeamento dos seus membros.
Así mesmo, o Decreto 130/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica e funcional do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, regula no seu artigo 4 a Comisión de Goberno como máximo órgano de dirección do instituto, establecendo a súa composición e funcións.
Pola Orde do 8 de setembro de 2008 nomeáronse os membros da Comisión de Goberno do Issga (DOG nº 176, do 11 de setembro).
Con motivo da publicación do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a nova estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia (DOG nº 77, do 22 de abril) e da proposta de novos representantes realizadas por algunhas organizacións sindicais, cómpre efectuar, facendo uso da autorización prevista no artigo 7 da Lei 14/2007, do 30 de outubro, a actualización da composición da Comisión de Goberno do instituto, cos seguintes novos nomeamentos.
DISPOÑO:
Artigo 1º
Actualizar a composición da Comisión de Goberno do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, deixando sen efecto os nomeamentos realizados por Orde do 8 de setembro de 2008, publicada no DOG nº 176, do 11 de setembro.
Artigo 2º
1. A Comisión de Goberno está formada por:
a) Presidencia da comisión, que será o director ou directora xeral con competencias en materia de relacións laborais.
b) Dúas vicepresidencias:
-O secretario ou secretaria xeral da Consellería de Sanidade, en representación e por proposta desta consellería.
-O director ou directora da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, en representación da Consellería de Economía e Industria e por proposta desta.
c) Tres vogais en representación da Administración:
-O director ou directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga).
-A persoa titular da Subdirección Xeral Técnica e de Planificación do Instituto.
-A persoa titular da xefatura do Servizo de Seguridade e Saúde Laboral, por proposta do titular da dirección xeral con competencias en materia de relacións laborais.
2. Como vogais da Comisión de Goberno do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, por proposta das súas correspondentes organizacións sindicais, noméanse as persoas que se relacionan a seguir:
2.a) Pola Unión Xeral de Traballadores de Galicia: Carlos Bellas Cebreiro.
2.b) Polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras: Ascensión Esteban Ceballos.
2.c) Pola Confederación Intersindical Galega: Fernando Sabio Maroño.
3. Noméanse como vogais do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, por proposta da organización empresarial, as persoas que se relacionan a seguir:
Pola Confederación de Empresarios de Galicia:
Antón Arias Díaz-Eimil.
Ovidio Pérez Reñones.
José Antonio Neira Cortés.
Artigo 3º
Realizará as funcións da secretaría da Comisión de Goberno do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, con voz pero sen voto, a persoa titular da Subdirección Xeral de Administración e Persoal do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, actuando como suplente a persoa titular da xefatura do Servizo de Administración xeral deste organismo, nomeadas para o efecto pola dirección do instituto.
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2009.
Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar