DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Xoves, 19 de novembro de 2009 Páx. 17.991

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

O artigo 103.1º da Constitución española establece que a Administración pública serve con obxectividade os intereses xerais e actúa de acordo cos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación, con sometemento pleno á lei e ao dereito.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia, establece nos seus artigos 39 e 41 que corresponde á Comunidade Autónoma a creación e estruturación da súa propia Administración pública, dentro dos principios xerais e normas básicas do Estado, exercendo as súas funcións administrativas mediante órganos e entes dependentes da Xunta de Galicia.

Seguindo ese mandato, constitucional e estatutario, de acordo cos criterios de eficacia, austeridade e economía que deben inspirar a actuación das administracións públicas, estableceuse a nova organización administrativa da Xunta de Galicia coa finalidade de impulsar a modernización e a racionalización da xestión pública.

A estrutura da Xunta de Galicia é variada. A diversidade de entes e organismos que integran o sector público autonómico determina que existan símbolos e logotipos diversos que poden producir confusión e falta de identificación, no canto de ofrecer unha visión homoxénea na súa proxección exterior, nas súas manifestacións externas e na súa relación cos cidadáns.

A importancia da comunicación e a transcendencia da imaxe, especialmente nas administracións públicas, así como a necesidade desta institución pública de reafirmar o seu carácter diferencial, unidas ambas a criterios de racionalización e redución do gasto público, fan conveniente aprobar esta normativa, destinada a regular o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia, realizando un esforzo de estandarización, no marco dun programa de imaxe institucional que pretende mellorar e unificar a proxección exterior da Xunta de Galicia.

Cómpre que a imaxe corporativa da Xunta de Galicia actúe como un elemento de cohesión, moderno e homoxéneo, facilmente recoñecible para os cidadáns e para o resto das institucións.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do cinco de novembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Este decreto ten por obxecto aprobar a imaxe corporativa institucional do Goberno e da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e regular o seu uso.

2. Os departamentos da Xunta de Galicia, as delegacións territoriais e todos os entes que integran o sector público autonómico axustaranse ao previsto nestas normas no concernente:

a) Á elaboración e emisión de documentos, modelos normalizados e material impreso.

b) Ás informacións, publicacións, comunicacións ou calquera tipo de expresión en todo tipo de soportes, incluídos os telemáticos e audiovisuais, así como os carteis ou sinalizacións que elaboren ou utilicen.

Capítulo II

Imaxe corporativa

Artigo 2º.-Elementos básicos de identidade corporativa.

1. A imaxe corporativa institucional seguirá a composición, disposicións e tipografías contidas no anexo I.

2. Os elementos básicos da imaxe corporativa institucional do Goberno e da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia son:

a) O símbolo constituído polo Escudo de Galicia.

b) O logotipo corporativo formado pola plasmación tipográfica da expresión «Xunta de Galicia».

3. Para os usos a que se refire o parágrafo seguinte, xunto á imaxe corporativa institucional poderá engadirse a plasmación tipográfica da expresión do nome das consellerías e órganos dependentes delas, así como das delegacións territoriais e xefaturas territoriais dependentes destas, respectando en todo caso a composición, disposicións e tipografías contidas no anexo II.

4. Os usos anteriormente mencionados serán os seguintes:

a) Papelaría oficial.

b) Sinalización de edificios.

c) Portada interior de publicacións específicas das consellerías.

5. Os entes que integran o sector público autonómico estarán suxeitos ao disposto neste decreto, sen prexuízo de que, coa autorización previa da Secretaría Xeral de Medios, poidan utilizar a súa propia imaxe xunto á identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Capítulo III

Uso dos elementos de identidade corporativa

Artigo 3º.-Réxime de uso dos elementos básicos de identidade.

1. O uso da imaxe corporativa institucional do Goberno e da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia é privativo desta, e queda prohibida a súa utilización agás consentimento expreso.

2. A imaxe corporativa institucional deberá figurar en todos os documentos administrativos e comunicacións de tipo xeral expedidos polos departamentos da Xunta de Galicia, as delegacións territoriais e todos os entes que integran o sector público autonómico.

3. Sempre que sexa posible, será obrigatoria a utilización, na impresión de papel, de modelos dixitais coa imaxe corporativa institucional.

Capítulo IV

Publicacións e publicidade institucional

Artigo 4º.-Publicacións e publicidade institucional.

1. Nas publicacións e nos folletos de información ou divulgación en calquera soporte, así como nos anuncios institucionais na prensa, deberá figurar a imaxe corporativa institucional.

2. Nas expresións, informacións e comunicacións que se elaboren en soportes audiovisuais ou telemáticos necesariamente deberá figurar, así mesmo, a imaxe corporativa institucional.

Disposición adicional

Única.

Este decreto desenvolverase a través do manual de normas de identidade visual corporativa institucional que será aprobado mediante orde do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Disposición transitoria

Única.

1. Seguiranse utilizando, ata que se esgoten, as existencias de material impreso anteriores á súa entrada en vigor.

2. Con independencia do establecido no número anterior, a imaxe corporativa institucional aplicarase sempre que se proceda á adquisición, reposición ou reedición de todo elemento que deba exhibila.

3. Mentres non se aprobe o novo manual de normas de identidade visual corporativa institucional, continuarase aplicando o aprobado mediante a Orde do 11 de xullo de 2003, en todo o que non contradiga este decreto.

4. A imaxe corporativa do Xacobeo 2010 empregarase como elemento adicional á imaxe corporativa institucional do Goberno e da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia que agora se aproba, nos termos a que se refire o Decreto 370/2009, do 23 de xullo, polo que se regula a utilización da imaxe corporativa do Xacobeo 2010.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 178/2003, do 20 de febreiro, polo que se aproba o código de identificación corporativa da Xunta de Galicia, e todas as normas de igual ou inferior rango no que contradigan o disposto neste decreto ou se opoñan ao disposto nel.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Santiago de Compostela, cinco de novembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "22700D001P007.PDF"

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE TRABALLO

E BENESTAR