DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Mércores, 18 de novembro de 2009 Páx. 17.832

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2009, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se modifica o prazo establecido na disposición transitoria da Orde do 28 de agosto de 2008, de desenvolvemento do Decreto 253/2004, do 7 de outubro, polo que se regulan as actividades de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta, e pola que se establecen os requisitos exixibles aos organismos de control para actuar neste campo.

Antecedentes.

Primeiro.-A Orde do 28 de agosto de 2008, de desenvolvemento do Decreto 253/2004, do 7 de outubro, polo que se regulan as actividades de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta, e pola que se establecen os requisitos exixibles aos organismos de control para actuar neste campo, establece na súa disposición transitoria o prazo dun ano contado a partir da súa entrada en vigor, para que os organismos de control autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia que estean realizando as revisións técnicas de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta presenten ante a dirección xeral competente en materia de industria a documentación exixida no seu artigo 2º.

Segundo.-Entre esa documentación que hai que presentar atópase o certificado de acreditación da Entidade Nacional de Acreditación (Enac), no ámbito de instalacións que utilizan aparellos para a exposición da pel a radiacións ultravioleta.

Que esa acreditación de nova creación require un prazo de tempo superior ao previsto na Orde do 28 de agosto de 2008, como o proba que ata a data ningún organismo autorizado na Comunidade Autónoma de Galicia puido obter o devandito certificado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-Esta consellería é a competente para resolver este procedemento con fundamento no disposto no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 117, do 17 de xuño) e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro), modificada polas leis 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), e 24/2001, do 27 de decembro (BOE nº 313, do 31 de decembro).

Segundo.-Que na propia Orde do 28 de agosto de 2008, na súa disposición derradeira primeira, autorízase o director xeral con competencias en materia de industria para ditar cantas disposicións sexan necesarias en garantía da súa aplicación, supervisión e execución.

Por todo o anteriormente exposto

RESOLVO:

Primeiro.-Prorrogar ata nova disposición o prazo concedido aos organismos de control autorizados que pretendan realizar as revisións técnicas dos aparellos de bronceado, para a presentación do certificado de acreditación da Entidade Nacional de Acreditación (Enac) no ámbito regulamentario de instalacións que utilizan aparellos para a exposición da pel a radiacións ultravioleta.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2009.

Ángel Bernardo Tahoces

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas