DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Martes, 17 de novembro de 2009 Páx. 17.788

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2009 pola que se convoca un curso sobre intervención policial.

Dentro das actividades programadas para o ano 2009, en virtude do convenio de formación asinado entre a Academia Galega de Seguridade Pública e o Concello da Coruña, anúnciase a convocatoria dun curso sobre intervención policial, conforme as seguintes bases:

Primeira.-Datos da actividade.

Denominación: Intervención policial.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 18.

Modalidade: presencial.

Obxectivos: actualizar coñecementos e técnicas de intervención policial en diferentes supostos prácticos.

Contido: aikido e defensa persoal. Técnicas de intervención policial.

Segunda.-Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: persoal dos corpos de policía local, pertencentes ao Concello da Coruña e preferentemente aos concellos próximos a aquel.

Prazas ofertadas: 12 prazas, das cales 9 ocuparaas o persoal do corpo de Policía Local da Coruña que desenvolva o seu traballo en unidades operativas e dentro destas con preferencia para o persoal da unidade territorial/quenda de noite, e en segundo lugar, o persoal do grupo de motos e dos servizos de patrullas 092. As 3 restantes para solicitantes doutros corpos de policía local, tendo preferencia os dos concellos próximos ao Concello da Coruña.

Terceira.-Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación: o prazo para de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 23 de novembro de 2009.

Os solicitantes que pertenzan ao corpo de Policía Local do Concello da Coruña deberán facer a súa solicitude a través da Academia de Formación de Policía Local do Concello da Coruña.

Os solicitantes que non pertenzan ao corpo de Policía Local da Coruña formalizarán a solicitude de participación que se encontra na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, en Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, non sendo admisibles outros modelos de solicitude, e remitirana telematicamente.

Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala a/o solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello da que dependan, enviándoa á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 22, por correo postal ou segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Selección e obrigas das persoas seleccionadas: os membros do corpo da Policía Local do Concello da Coruña serán seleccionados pola Xefatura da Policía Local do Concello da Coruña, e aos restantes seranlles de aplicación os criterios do proceso de selección dos cursos da Agasp previstos no artigo 20 do Regulamento de réxime interior da Agasp (Orde do 4 de febreiro de 2009, DOG número 30, do 12 de febreiro), en relación co artigo 45 do Decreto 243/2008, de 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, de coordinación de policías locais).

As persoas seleccionadas pola Agasp teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, de 16 de outubro).

Listaxe de solicitudes seleccionadas: o día 24 de novembro de 2009 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no taboleiro de anuncios e no sitio web http://agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas.

Cuarta.-Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Primeira parte: sede da Policía Local da Coruña.

Segunda parte: instalacións do Ministerio de Defensa, Cuartel de Atocha.

Horario: das 8.00 ás 14.00 horas.

Data de comezo: 1 de decembro de 2009.

Data de remate: 3 de decembro de 2009.

Vestiario, equipamento e material: dado o carácter práctico do curso, a asistencia será con roupa deportiva. Ademais do anterior, os días de técnicas de intervención policial, será necesario dispor de cinto, arma regulamentaria, defensa e grillóns.

Certificado de aproveitamento: ao remate do curso entregaráselle un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Quinta.-Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro, esta actividade terá unha baremación de 0,450 puntos.

Sexta.-Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG número 30, do 12 de febreiro).

Sétima.-Modificacións e incidencias.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como o Concello da Coruña poderán modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 11 de novembro de 2009.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

Pública