DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Martes, 17 de novembro de 2009 Páx. 17.773

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 407/2009, do 29 de outubro, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, do uso de parte dun local feita polo Concello de Meis á Comunidade Autónoma de Galicia, para a instalación dun punto de encontro de cuadrillas contra incendios e motobombas do distrito forestal XIX de Caldas-Salnés.

O Pleno do Concello de Meis, en sesión do día 30 de setembro de 2008, acordou ceder, a título gratuíto, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, o uso de parte dun local, por un período de vinte anos, para que sexa usado como punto de encontro de cuadrillas contra incendios e motobombas do distrito forestal XIX de Caldas-Salnés, dependente da Consellería do Medio Rural que ten conferida a competencia en materia de prevención e defensa contra incendios forestais.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 16, 17 e 23 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 33, 34 e 38 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da dita lei.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de outubro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase nos termos establecidos polo Concello de Meis a cesión, a título gratuíto, do uso do inmoble seguinte:

Local, cunha superficie de 124 m2. Este local radica dentro do predio rústico mercado do gando, situado no concello de Meis, no camiño da Gándara, parroquia de San Vicente de Nogueira que linda, segundo rexistro: ao norte, estrada asfaltada que a separa de terreos de labrado; ao sur, vía rápida do Salnés VR-G41; ao leste, muro de formigón que o separa da propiedade de José Abal Vidal e ao oeste, camiño de terra.

O inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Cambados (Pontevedra) no tomo 221, libro 26, folio 246, predio 1835 e o local cedido forma parte do predio catastral co número de referencia catastral: 36028A328001250000IX.

Artigo 2º

O destino do inmoble será a instalación dun punto de encontro de cuadrillas contra incendios e motobombas do distrito forestal XIX de Caldas-Salnés.

Artigo 3º

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e nove de outubro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda