O Decreto 425/1993, do 17 de decembro, modificado polo Decreto 114/2007, do 31 de maio, refunde a normativa vixente sobre permisos de explotación no artigo 7 establece que para o exercicio da actividade extractiva, todas as embarcacións que operen nas augas da Comunidade Autónoma de Galicia ou rexistradas nela, requiren permiso de explotación, e terán que respectar os tamaños, as artes autorizadas, a potencia dos motores, e as zonas e períodos de pesca, segundo a lexislación estatal ou autonómica que lles sexa de aplicación.
A Orde do 6 de abril de 2004, pola que se regulan os procedementos de expedición, renovación, traslado e trasmisión dos permisos de explotación para embarcacións, no seu artigo 6º, punto 2, establece que o prazo máximo para notificar a resolución expresa, concedendo ou denegando o permiso de explotación é de dous meses contados a partir da data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente, transcorrido o cal, de non se ditar resolución expresa, se entenderá desestimatoria.
Logo da experiencia de procesos anteriores de renovación, no que se tiveron que valorar, distintos parámetros para a concesión do novo permiso de explotación, e o elevado número de embarcacións con porto base na comunidade autónoma que están ou estarán inmersos neste proceso, o prazo establecido na mencionada orde estímase escaso para poder resolver con garantías a totalidade das solicitudes.
Por todo o antedito, logo de consultar o sector e, en virtude das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único.-Modificación da Orde do 6 de abril do 2004 pola que se regulan os procedementos de expedición, renovación, traslado e transmisión dos permisos de explotación para embarcacións.
O número dous do artigo 6º queda redactado do seguinte xeito:
«2. O prazo máximo para notificar a resolución expresa é de catro meses contados a partir da data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente, transcorrido o cal, de non se ditar resolución expresa, se entenderá desestimatoria».
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2009.
Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar