DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 13 de novembro de 2009 Páx. 17.586

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 11 de novembro de 2009 pola que se modifica a Orde do 27 de febreiro de 2009 (Diario Oficial de Galicia número 48, do 10 de marzo) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción da recría de gando vacún en Galicia e se convocan axudas para o ano 2009.

O día 10 de marzo (DOG nº 48) a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 27 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción da recría de gando vacún en Galicia e se convocan axudas para o ano 2009.

No artigo 15º establécese «O pagamento das axudas realizarase con xustificación previa polo beneficiario do cumprimento da finalidade para a que foron concedidas, mediante a presentación dunha declaración do cumprimento da actividade obxecto da subvención, antes do 15 de novembro, nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Diversas dificultades de carácter organizativo e técnico, así como atrasos producidos na recepción da documentación provocaron que a fase de instrución se prolongara máis alá das datas inicialmente previstas, afectando, en consecuencia, a resolución do procedemento.

Por tal motivo, cómpre ampliar o prazo de presentación da documentación de xustificación do cumprimento da finalidade para a que foron concedidas as axudas.

O artigo 49 da lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común establece que: «A Administración, salvo precepto en contrario, poderá conceder de oficio ou por petición dos interesados, unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda metade destes, se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiro. O acordo de ampliación deberá ser notificado aos interesados».

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o artigo 15 das bases reguladoras da Orde do 27 de febreiro de 2009 (Diario Oficial de Galicia número 48, do 10 de marzo), pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción da recría de gando vacún en Galicia e se convocan axudas para o ano 2009, quedando redactado como a seguir se expón:

«O pagamento das axudas realizarase con xustificación previa polo beneficiario do cumprimento da finalidade para a que foron concedidas, mediante a presentación dunha declaración do cumprimento da actividade obxecto da subvención, antes do 11 de decembro de 2009 nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural