DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 13 de novembro de 2009 Páx. 17.581

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 10 de novembro de 2009 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga que afecta o persoal que presta servizos de limpeza nas institucións hospitalarias do sistema público de saúde da provincia de Ourense, desde as 0.00 horas do día 16 de novembro ás 24.00 horas do día 19 de novembro de 2009, e con carácter indefinido desde as 0.00 horas do día 23 de novembro de 2009.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A folga convocada polos sindicatos CIG, e UGT a partir das 0.00 horas do día 16 de novembro, ás 24.00 horas do día 19 de novembro de 2009, e con carácter indefinido desde as 0.00 horas do día 23 de novembro de 2009, afectará o persoal que presta servizos de limpeza nas institucións hospitalarias do sistema público de saúde da provincial de Ourense: Complexo Hospitalario de Ourense, Hospital de Valdeorras e Hospital de Verín.

Logo da audiencia ao comité de folga, a conselleira de Sanidade

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada afecta a todos os traballadores e traballadoras que prestan servizos de limpeza nas institucións hospitalarias do sistema público de saúde da provincia de Ourense a partir das 0.00 horas do día 16 de novembro, ás 24.00 horas do día 19 de novembro de 2009, e con carácter indefinido desde as 0.00 horas do día 23 de novembro de 2009, deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

A folga que abrangue toda a xornada laboral será indefinida a partir do día 23 de novembro de 2009, polo que se tiveron en conta para a determinación dos servizos esenciais os seguintes factores para a cobertura da seguridade en relación coa hixiene do ámbito sanitario: o risco para os pacientes e traballadores derivado da realización de actividades e uso de materiais que sexan potencialmente contaminantes, a imposibilidade de demorar a prestación de asistencia e o volume de pacientes atendidos.

De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria no centro sanitario, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga, coa atención aos usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

Entrando na análise dos servizos mínimos, establécense os seguintes criterios reitores na determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais:

-Días laborables.

I. Urxencias, laboratorio de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, UCI, área cirúrxica, reanimación poscirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día e diálise: o 100% do persoal.

II. Radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización: 70% do persoal.

III. Restantes áreas: 50% do persoal.

-Días festivos e domingos.

En todas as áreas: 100% dos efectivos de domingos e festivos.

Artigo 2º

A determinación dos profesionais necesarios con base nos criterios anteriores faraa a empresa contratista coordinadamente coa xerencia do centro debendo estar a súa fixación adecuadamente motivada, mediante a designación nominal e individual, que deberá recaer nos profesionais designados de xeito rotatorio.

Os profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados nos taboleiros de anuncios do centro, con antelación ao comezo da folga.

O profesional designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outra/o profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos do centro e exteriorizarse axeitadamente para xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas.

Con tales premisas, no anexo desta resolución recóllense o número de efectivos de servizos mínimos para cubrir as xornadas de folga.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios de cada centro serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2009.

Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "22300D005P015.PDF"