DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 13 de novembro de 2009 Páx. 17.574

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 9 de novembro de 2009 pola que se determinan as distincións e recompensas que se concederán ao persoal dos corpos de policía local durante o ano 2009.

A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, establece no seu artigo 74 que os membros dos corpos de Policía Local de Galicia poden ser distinguidos ou recompensados de acordo co que se determine regulamentariamente.

Consonte con esta previsión, o Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que desenvolve a citada lei, establece no seu artigo 98 que a consellería competente en materia de seguridade concederá mediante orde a placa colectiva e a placa individual, así como a medalla ao mérito da policía local.

De acordo co anterior, por vez primeira, a unidade directiva competente en materia de coordinación procedeu a estudar as propostas achegadas, seguindo o procedemento que establece o artigo 99 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, para a concesión destas distincións. As propostas feitas pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, como unidade directiva competente en materia de coordinación, atópanse amplamente documentadas, emitiuse informe sobre elas e foron valoradas positivamente pola Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia e sometidas á resolución e ao ditame desta consellería.

Na súa virtude, en uso das facultades outorgadas pola disposición derradeira primeira do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, por proposta da unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais, e logo do informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia, na súa sesión do 30 de xullo de 2009, ao abeiro do disposto no artigo 17.1º a) da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Aprobar, de acordo co previsto no artigo 99.5º do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, a relación de persoas propostas como candidatas á placa individual e á medalla ao mérito da policía local, ás que se lles outorga algunha destas distincións.

Segundo.-Publicar estas relacións nos seguintes anexos a esta orde:

Anexo I. Concesión da placa individual ao mérito da policía local.

Anexo II. Concesión da medalla ao mérito da policía local.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2009.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO I

Concesión da placa individual ao mérito da policía local

ao policía Enrique Toucedo Garrido, do corpo de Policía Local do Concello de Vigo

Vistos os feitos descritos na proposta para a concesión da placa individual ao mérito da policía local, unha vez emitido informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais, na súa xuntanza do 30 de xullo de 2009, e logo de valorar e ponderar os méritos e as circunstancias alegadas na dita proposta, esta consellería resolveu concederlle a placa individual ao mérito da policía local, pola súa intervención nun acto de servizo, evidenciando un sobresaliente e excepcional valor, con risco grave e inminente para a propia vida, ao policía local do concello de Vigo Enrique Toucedo Garrido.

Así mesmo, de acordo co previsto nos artigos 101 e 102 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, esta concesión acreditarase mediante o correspondente diploma, e constará no Rexistro de Distincións e no Rexistro das Policías Locais de Galicia, e darase conta dela ao Concello de Vigo para os efectos do seu expediente persoal.

ANEXO II

Concesión da medalla ao mérito da policía local ao policía Juan Miguel Covelo Costas, do corpo de Policía Local

do Concello de Vigo

Vistos os feitos descritos na proposta para a concesión da medalla ao mérito da policía local, unha vez emitido informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais, na súa xuntanza do 30 de xullo de 2009, e logo de valorar e ponderar os méritos e as circunstancias alegadas na dita proposta, esta consellería resolveu concederlle a medalla ao mérito da policía local, pola súa intervención nun acto de servizo, manifestando calidades de valor e lealdade profesionais, con posibilidade de risco grave para a súa integridade, ao policía do concello de Vigo Juan Miguel Covelo Costas.

Así mesmo, de acordo co previsto nos artigos 101 e 102 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, esta concesión acreditarase mediante o correspondente diploma e constará no Rexistro de Distincións e no Rexistro das Policías Locais de Galicia, e darase conta dela ao Concello de Vigo para os efectos do seu expediente persoal.