DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Xoves, 12 de novembro de 2009 Páx. 17.537

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2009 complementaria da Orde do 2 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de axudas destinadas a sufragar os danos causados en vivendas e instalacións complementarias polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro, pola que se amplía a dotación orzamentaria inicialmente prevista nesta.

O Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro, dispón unha serie de medidas para a reparación dos danos e perdas causados polo citado fenómeno meteorolóxico.

O artigo 6 do citado Decreto 13/2009, establece un réxime de axudas por danos causados en vivendas. O artigo 12 establece que as citadas axudas financiaranse con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas e a disposición derradeira primeira faculta os distintos titulares dos departamentos autonómicos para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento do citado decreto.

En aplicación das citadas competencias publicouse a Orde do 2 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de axudas destinadas a sufragar os danos causados en vivendas e instalacións complementarias polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro.

Unha vez pechado o prazo de presentación establecido pola orde de convocatoria, resultou que o importe necesario para satisfacer o número de solicitudes é moi superior aos 500.000 euros establecidos no seu artigo 16.

O artigo 10 da citada orde de convocatoria do 2 de febreiro de 2009 establece que, unha vez esgotados os créditos, se procederá á correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia da citada circunstancia e á inadmisión das posteriores solicitudes. O derradeiro parágrafo do artigo 10 tamén establece que, non obstante esta consellería, de así o considerar, poderá ampliar o crédito previsto á vista das solicitudes presentadas sen que supoña a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Co obxecto de poder amparar un maior número de solicitudes, e posto que a dotación inicial é insuficiente, tramítase o correspondente expediente de ampliación de crédito, polo que é necesario aprobar esta resolución co obxecto de complementar a Orde do 2 de febreiro de 2009, ampliando a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das citadas axudas.

O Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, suprimiu a Consellería de Vivenda e Solo. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asumiu as competencias en materia de vivenda e solo en virtude do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

O artigo 3º.b).3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixou a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, adscribiu o organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en adiante IGVS), á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O artigo 3 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, establece que lle corresponde a este organismo autónomo a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada.

A competencia do presidente do IGVS para ditar a presente resolución resulta do artigo 7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 4 do Decreto 317/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS.

En virtude do exposto anteriormente, e en uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 317/2009, do 4 de xuño, e de acordo coa Lei 9/2007, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Amplíase a dotación orzamentaria que se establece na Orde do 2 de febreiro de 2009 (Diario Oficial de Galicia nº 23, do 3 de febreiro) pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de axudas destinadas a sufragar os danos causados en vivendas e instalacións complementarias polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro.

2. O incremento da dotación será de 1.726.344,52 euros, para a anualidade de 2009, con cargo á aplicación orzamentaria 17.90.451A.780.4 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

3. En todo caso, as axudas financiadas con cargo á dotación orzamentaria prevista nesta resolución axustaranse ao establecido na Orde do 2 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de axudas destinadas a sufragar os danos causados en vivendas e instalacións complementarias polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro.

Disposición adicional

Única.-A ampliación do crédito prevista no artigo único desta resolución non afecta ao prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 2 de febreiro de 2009.

Disposición derradeira

Única.-Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Presidente do Instituto Galego da Vivenda e Solo