DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Xoves, 12 de novembro de 2009 Páx. 17.535

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 10 de novembro de 2009 pola que se fai pública a ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 30 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009.

A Orde do 30 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009 (Diario Oficial de Galicia número 10, do 15 de xaneiro), establece na súa disposición adicional cuarta, na que se recollen os créditos que financian a orde, que estes importes poderán ser obxecto de modificacións, como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

En consecuencia, como existen outras dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins, cómpre ampliar o importe dos créditos destinados ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da devandita orde, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de persoas beneficiarias posible.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Amplíase o importe total das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009 (Diario Oficial de Galicia número 10, do 15 de xaneiro), na seguinte contía e aplicación orzamentaria, que figura dotada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009:

48.04.322C.470.1, código de proxecto 2009 01001 polo importe de 637.155,83 euros.

Artigo 2º

Esta modificación non afectan o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día de súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar