DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Xoves, 12 de novembro de 2009 Páx. 17.530

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 29 de outubro de 2009 pola que se clasifica de interese para o fomento da economía de Galicia a Fundación Vigo Convention Bureau.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Vigo Convention Bureau, con domicilio en Vigo, praza do Rei s/n.

Feitos:

1. Santiago Domínguez Olveira, vicepresidente da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o sete de agosto de dous mil nove, ante o notario Miguel Lucas Sánchez, con número de protocolo mil seiscentos vinte e un, polo Concello de Vigo, representado por Santiago Domínguez Olveira; Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra, representada por Lino Comesaña Calvo; Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, representada por José García Costas; Confederación de Empresarios de Pontevedra, representada por José Manuel Fernández Alvariño; Fundación Instituto Feiral de Vigo, representada por Arsenio Prieto Martínez, e Universidade de Vigo, representada por Alberto Gago Rodríguez.

3. Segundo consta no artigo catro dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto o desenvolvemento da economía produtiva e o fomento da economía social de Galicia, mediante a potenciación e o desenvolvemento das infraestruturas turísticas e servizos específicos no campo do subsector do turismo de reunións, e a captación de congresos, convencións e viaxes de incentivo para a cidade de Vigo.

4. O padroado inicial da fundación está formado por Abel Caballero Álvarez como presidente; Santiago Domínguez Olveira como vicepresidente; José García Costas como secretario, e Arsenio Prieto Martínez, José Manuel Fernández Alvariño e Alberto Gago Rodríguez como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para o fomento da economía de Galicia da Fundación Vigo Convention Bureau, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese para o fomento da economía de Galicia e a súa adscrición á Consellería de Economía e Industria.

Fundamentos xurídicos:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funciones de protectorado.

De conformidade co exposto e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día vinte e seis de outubro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para o fomento da economía de Galicia a Fundación Vigo Convention Bureau, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Economía e Industria.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2009.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza