DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Mércores, 11 de novembro de 2009 Páx. 17.442

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 405/2009, do 5 de novembro, polo que se modifica o Decreto 385/2009, do 27 de agosto, polo que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de grao nas universidades do sistema universitario de Galicia para o curso 2009-2010.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, transferiulle á comunidade autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada por Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, establece no seu artigo 8.2º que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola comunidade autónoma, ben por propia iniciativa, co acordo do consello de goberno da universidade, ben por iniciativa da universidade mediante proposta do consello de goberno, en ambos os casos con informe previo favorable do consello social.

O artigo 35.2º da Lei orgánica 6/2001 establece que, alén do recollido no parágrafo anterior, as universidades deberán obter a verificación do Consello de Universidades de que o oportuno plan de estudos se axusta ás directrices e condicións establecidas polo Goberno, na súa virtude, polo Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, estableceuse a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais. A verificación positiva da titulación que se autoriza neste decreto foi acordada previamente polo Consello de Universidades.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, e o Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia, téndose acordado no Consello Galego de Universidades do 5 de novembro de 2007 unhas liñas xerais para a implantación dos estudos de grao e de posgrao no sistema universitario de Galicia.

O artigo 3 do Decreto 259/1994, do 29 de xullo, establece que a autorización para a implantación de estudos no ámbito territorial propio da comunidade autónoma farase polo decreto do Consello da Xunta de Galicia. Previamente terá que ser informado polo Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 5 j) da Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades.

No Decreto 385/2009, do 27 de agosto, autorízase a implantación de estudos conducentes aos títulos de grao no sistema universitario de Galicia (SUG), unha vez cumpridos todos os requisitos previos ao acto formal de autorización por parte da Xunta de Galicia.

Logo da publicación no DOG número 182, do mércores 16 de setembro da antedita norma, detectouse a falla de inclusión da autorización para que na Escola Universitaria de Relacións Laborais do Campus de Ferrol, pertencente á Universidade da Coruña, se implanten os estudos conducentes ao título de grao en relacións laborais e recursos humanos, polo que é necesario proceder á modificación do antedito decreto e proceder á inclusión da autorización para a implantación destes estudos, xa que cumpriron todos os requisitos previos ao acto formal de autorización por parte da Xunta de Galicia.

De conformidade co anterior, en aplicación do artigo 8.2º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e do artigo 3.3º do Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta dos consellos de goberno das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, cos informes previos favorables dos consellos sociais respectivos, logo do informe favorable do Consello Galego de Universidades, verificados positivamente os planos de estudos polo Consello de Universidades, en exercicio das competencias sinaladas na Lei 2/2003, do 22 de maio, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do cinco de

novembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do punto segundo do artigo 2º do Decreto 385/2009, do 27 de agosto, polo que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de grao nas universidades do sistema universitario de Galicia para o curso 2009-2010.

Engádese no artigo 2º.-Universidade da Coruña, epígrafe Campus de Ferrol, un punto 6 coa seguinte redacción:

6. Concédese autorización para que na Escola Universitaria de Relacións Laborais se implanten os estudos conducentes ao título de grao en relacións laborais e recursos humanos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-A efectiva impartición das ensinanzas autorizadas neste decreto queda condicionada ao procedemento establecido no artigo 35 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, e no capítulo VI do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de novembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE TRABALLO

E BENESTAR