DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Mércores, 04 de novembro de 2009 Páx. 17.125

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2009 pola que se convocan as Xornadas sobre ¿Cara a onde vai o Estado autonómico?

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2009, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse as Xornadas sobre ¿Cara a onde vai o Estado autonómico?, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos:

Os diversos e importantes cambios xurídicos e políticos producidos no sistema autonómico español como consecuencia do que se deu en chamar a segunda descentralización aconsellan unha reflexión en profundidade, feita por profesionais do dereito constitucional de primeira liña, tanto sobre a natureza e funcionamento do noso sistema de descentralización territorial como sobre o seu proceso de evolución nas tres últimas décadas e as súas perspectivas de futuro a curto e medio prazo. Este curso pretende, nesa liña, ofrecerlles aos participantes unha panorámica xeral dos cambios acontecidos nos últimos anos no Estado das autonomías español, do debate sobre a coherencia deses cambios coas previsións da Constitución española de 1978 e do xeito en que é previsible que evolucione o sistema español no futuro próximo.

2. Contidos:

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

-Reforma constitucional. Un debate aberto.

-É o Estatuto de Cataluña o que precisa o Estado das autonomías para funcionar adecuadamente?

-Presente e futuro do Estado das autonomías.

-As partes contratantes da segunda parte: a propósito da segunda descentralización.

-A autonomía no País Vasco: evolución e perspectivas.

-Reforma do Senado e modelo territorial.

3. Destinatarios:

Persoal da Xunta de Galicia e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento:

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP); rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 24 e 25 de novembro de 2009.

Duración: 8 horas lectivas.

5. Número de prazas:

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes:

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas; rúa de Madrid, 2-4, CP 15707 Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no rexistro xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es.

-Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedaren prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41-881 99 70 14.

7. Prazo:

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o venres 20 de novembro de 2009.

8. Modificacións:

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia:

Seralles entregado un certificado de asistencia, ao final das xornadas, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa a natureza da actividade e a data de realización.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2009.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "21600D008P013.PDF"