DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Mércores, 04 de novembro de 2009 Páx. 17.120

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 28 de outubro de 2009 pola que se fai pública a ampliación dos importes existentes para a concesión das axudas previstas na Orde do 29 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2009, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación, e se procede á súa convocatoria.

A Orde do 29 de decembro de 2008 (DOG nº 7, do 12 de xaneiro de 2009) establece que os créditos que financian as axudas previstas nelas poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

A situación económica actual require do deseño e desenvolvemento de accións urxentes e excepcionais que sexan capaces de mitigar as dificultades económicas polas que a maior parte dos galegos e galegas está a pasar como consecuencia directa dos efectos que a actual crise ten sobre a perda dos seus postos de traballo.

Neste contexto, a Xunta de Galicia puxo en marcha un ambicioso plan de choque contra a crise. Neste plan en que están implicadas diversas consellerías, a Consellería de Traballo e Benestar comprométese a desenvolver as medidas necesarias para facer fronte á actual situación económica reactivando o mercado laboral en Galicia.

En desenvolvemento do dito plan, a Consellería de Traballo e Benestar aposta por prestar especial atención ás traballadoras e traballadores galegos que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, así como por darlles unha nova oportunidade laboral para que poidan reorientar as súas capacidades laborais e aumentar as súas competencias, ao mesmo tempo que adquiriren unha experiencia profesional e obteñen un medio de subsistencia económica para eles e as súas familias.

En consecuencia, como existen dotacións que poden ser utilizadas para o programa de contratación de traballadoras e traballadores desempregados en colaboración con entidades distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro procedentes de remanentes doutras convocatorias e de incorporacións de créditos, cómpre realizar unha terceira ampliación de case medio millón de euros dos créditos destinados ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 29 de decembro de 2008, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de beneficiarios posibles.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Amplíase o importe total das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2008 de acordo coa seguinte desagregación:

Capítulo terceiro (programas de cooperación con administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro) sección I (das subvencións para a contratación de traballadores e traballadoras desempregados/as para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social), nas seguintes contías e aplicacións orzamentarias, que figuran dotadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009:

48.04.322A.403.0: polo importe de 17.753,40 € proxecto 2007 00 667 modalidade 3011.

48.04.322A.440.0: polo importe de 666,72 € proxecto 2007 00 667 modalidade 3011.

48.04.322A.441.0: polo importe de 139,08 € proxecto 2007 00 667 modalidade 3011.

48.04.322A.443.0: polo importe de 26.433,72 € proxecto 2007 00 667 modalidade 3011.

48.04.322A.481.1: polo importe de 105.245,79 € proxecto 2007 00 667 modalidade 3011.

48.04.322A.481.2: polo importe de 327.769,79 € proxecto 2006 00 481 modalidade 3011.

Artigo 2º

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar