DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Martes, 03 de novembro de 2009 Páx. 17.083

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2009 pola que se convoca un curso de Autocad para elaboración de atestados e dispositivos de tráfico, que se desenvolverá a través da internet.

Dentro das actividades programadas para o ano 2009 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso de Autocad para elaboración de atestados e dispositivos de tráfico, que se desenvolverá a través da internet, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: Autocad para elaboración de atestados e dispositivos de tráfico.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 60.

Modalidade: en liña.

Obxectivos.

1. Perfeccionarse nos coñecementos de expresión gráfica.

2. Especializarse no manexo de paquetes de deseño para a confección de atestados ou informes.

3. Adoptar técnicas automatizadas para a representación gráfica nos informes.

Contido.

Parte teórica: funcionalidades do programa Autocad.

Parte práctica: realización de casos prácticos.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as.

Persoal das forzas e corpos de seguridade en xeral, tendo preferencia o dos corpos de policía local de Galicia e da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, e no caso de quedaren prazas vacantes cubriríanse con persoal dos restantes corpos de seguridade que teñan destino na Comunidade Autónoma de Galicia; neste caso por rigorosa orde de entrada de solicitudes.

Prazas ofertadas.

50 prazas.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación.

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 20 de novembro, ás 14.00 horas.

As persoas que desexen inscribirse nesta actividade cubrirán a súa solicitude de participación a través da páxina web da Agasp http://Agasp.xunta.es, na alínea Actividades formativas. cursos con inscrición aberta. non sendo admisibles outros modelos de solicitude. A solicitude cuberta adecuadamente entenderase presentada na Agasp, sen necesidade de remitila documentalmente unha vez que a teñan cuberta. A aplicación comunicaralle ao/á usuario/a a efectividade de ter cursada a solicitude.

Todas aquelas persoas que formalicen a solicitude de participación deberán inscribirse como alumno/a na plataforma de formación en liña da Academia, á cal se accede a través da web http://Agasp.xunta.es na epígrafe de Formación en liña.

Calquera continxencia para formalizar a inscrición será atendida a través do teléfono 886 20 61 24, en horario das 10.00 ás 14.00 horas.

Listaxe de solicitudes seleccionadas.

O día 24 de novembro de 2009 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no taboleiro de anuncios e no sitio web http://Agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios previstos no artigo 20 do Regulamento de réxime interior da Agasp (Orde do 4 de febreiro de 2009. DOG número 30, do 12 de febreiro), en relación co artigo 45 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.

As persoas comprendidas na listaxe disporán de prazo ata o día 27 de novembro para acceder á plataforma e inscribirse no curso.

Rematado este prazo, as persoas seleccionadas non inscritas perderán o dereito a participar no curso, e a academia procedería a cubrir as vacantes coa listaxe das reservas, segundo a orde correspondente. Esta inscrición faraa a academia e comunicarase por correo electrónico á persoa interesada.

O curso estará operativo o día 2 de decembro ás 9.00 horas.

Incompatibilidade.

A participación neste curso resultará incompatible coa admisión do/a alumno/a noutra actividade da Agasp que se desenvolva pola internet ou en edicións anteriores desta mesma temática.

Obrigas das persoas seleccionadas.

As persoas que resulten seleccionadas e confirmen a súa inscrición no prazo previsto no punto anterior, teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.Agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: a través da plataforma de formación en liña.

Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado.

Data de comezo: 2 de decembro de 2009.

Data de remate: 25 de xaneiro de 2010.

Exixencias.

-O alumnado participante, utilizando as funcionalidades para o deseño do programa de Autocad deberá realizar os informes técnicos que se exixen en cada actividade, coidando de que o resultado recolla todas e cada unha das medidas indicadas, requisito indispensable para ser avaliado.

-O alumnado terá que axustarse en todo momento ao calendario que establece a convocatoria do curso para realizar os traballos e os casos prácticos. Non se permitirá o envío de ningún dos traballos fóra do prazo establecido.

-Non realizar algún dos traballos implicará a baixa do/a alumno/a no curso.

-Os casos prácticos serán avaliados de 0 a 10 puntos e establécese en 5 puntos a súa superación. Os que non acaden esta puntuación mínima causarán baixa no curso.

Requirimentos técnicos mínimos para os equipos do alumnado.

As persoas con interese en desenvolver esta actividade formativa deberán dispor do programa Autocad, versión 2000 ou superior, para poder traballar desde os seus propios equipos.

Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning son de nivel básico:

Hardware.

A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

Software.

Calquera navegador web actual (de versión recente) sobre calquera sistema operativo de uso común.

Por exemplo:

-en windows pódense empregar o Mozilla Firefox, o Opera ou o Internet Explorer.

-en Linux pódese empregar o Firefox, o Konqueror ou o Opera.

Comunicacións.

Para acceder á estrutura de xestión do curso abonda unha conexión de baixa velocidade (por exemplo: unha conexión telefónica con módem a 40 Kbps permite interactuar comodamente coa ferramenta de xestión do curso).

Casos prácticos:

Durante o desenvolvemento do curso o alumnado participante deberá realizar unha serie de casos prácticos de acordo cun calendario de presentación; non realizar algún no prazo establecido será sancionada coa baixa no curso. No suposto de que os exercicios non acaden un nivel de esixencia mínimo segundo o criterio do profesor, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso.

Ver referencia pdf "21500D004P009.PDF"

A realización dos casos prácticos farase a través da plataforma de formación en liña.

Certificados e/ou diplomas.

Unha vez rematado o curso e feita a avaliación correspondente, expediranse os diplomas ao alumnado participante, que, segundo o previsto na convocatoria, poderán acadar os seguintes:

Certificado de participación:

Exixencias:

-Participar activamente no curso e realizar satisfactoriamente os seis exercicios prácticos segundo a cualificación indicada.

Certificado de aproveitamento:

Exixencias:

-As indicadas no punto anterior.

-Proba presencial final do conxunto do curso, consistente nun ou en dous exercicios prácticos. Só poderá participar o alumnado con dereito ao certificado de participación.

Proba final e certificado de aproveitamento.

O día 25 de xaneiro ás 11.00 horas (primeira quenda), ou ás 16.00 horas (segunda quenda), o alumnado que opte ao certificado de aproveitamento deberá superar a proba presencial final indicada. Noutro caso outorgaráselles certificado de participación activa. A proba final desenvolverase na sede da Agasp.

5. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro de 2009, esta actividade terá unha baremación de 0,600 puntos no caso de obter certificado de participación, e de 1,200 puntos no caso de obter certificado de aproveitamento.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG número 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 27 de outubro de 2009.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública