DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Martes, 03 de novembro de 2009 Páx. 17.082

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 20 de outubro de 2009 pola que se amplía o importe global máximo para a concesión de axudas a proxectos colectivos de xestión pesqueira para o exercicio 2009, convocadas pola orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 5 de decembro de 2008.

A Orde do 5 de decembro de 2008 pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos colectivos de xestión pesqueira e se establece a súa convocatoria (DOG nº 240, do 11 de decembro), dispón no seu artigo 3º que as axudas a que se refire se outorgaran con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.723A.770.1, código de proxecto 200700564, por un importe máximo de 14.727.000 euros, dos cales 3.685.000 € corresponden á anualidade 2009. Dispón así mesmo que estes importes, así como as aplicacións as se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Con motivo da incorporación de créditos remanentes da anualidade 2008 incrementouse o crédito que é posible destinar á citada finalidade, o que permitirá achegar as axudas a un maior número de beneficiarios.

Por outra banda, en virtude dos decretos 79/2009, do 19 de abril , polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e 312/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Mar, a esta correspóndenlle as competencias e atribucións que con respecto á orde citada lle correspondían á anterior Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Amplíase o importe da contía máxima para a concesión das axudas convocadas pola orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 5 de decembro de 2008, pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos colectivos de xestión pesqueira e se establece a súa convocatoria (DOG nº 240, do 11 de decembro). A contía queda fixada na cantidade de 5.815.369,61 euros para a anualidade 2009, con cargo á aplicación orzamentaria 50.03.723A.770.1, código de proxecto 200700564, da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2009, mantendo invariables os importes máximos fixados para as sucesivas anualidades.

Disposición adicional

Esta modificación non supón apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2009.

Rosa Quintana Carballo

Conselleira do Mar