DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Luns, 02 de novembro de 2009 Páx. 17.021

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 27 de outubro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2009 axudas ao financiamento de accións de asesoramento para a mellora e o afianzamento da calidade do leite producido e recollido nas explotacións.

As orientacións da política agrícola común avanzan en darlles resposta ás preocupacións e sensibilidade dos consumidores en materia de calidade e seguranza alimentaria, o que implica a necesidade de estimular a adaptación á produción primaria neste sentido.

O Regulamento (CE) nº 853/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de abril, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal (DOCE nº L 226, do 25 de xuño) establece as normas xerais e especificas relativas á hixiene da produción de leite.

No citado regulamento establécense os requisitos que debe cumprir o leite cru no momento da súa recollida nas explotacións, así como a obriga dos centros de recollida, centros de normalización, establecementos de tratamento e establecementos de transformación de lles comunicar aos órganos competentes aqueles casos en que o leite cru recollido nas explotacións non alcance os niveis mínimos de calidade.

Por iso se considera imprescindible orientar os programas actuais cara á consolidación de sistemas de manexo e control que permitan evidenciar nas explotacións o desenvolvemento de prácticas correctas para a produción láctea.

Tamén hai que sinalar que estes programas de mellora de calidade do leite axudarán á consecución dos obxectivos e velarán polo cumprimento dos aspectos relacionados coas condicións hixiénico-sanitarias na produción de leite dentro do marco da condicionalidade e a percepción das axudas derivadas da PAC.

Neste senso, a orde da Consellería do Medio Rural do 29 de xaneiro de 2009, publicada o 30 de xaneiro de 2009, pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e da indemnización compensatoria e se convocan as axudas previstas no contrato de explotación sustentable, no ano 2009, establece no artigo 70 as condicións de concesión dos pagamentos adicionais no sector lácteo. Os gandeiros acollidos ao Programa de mellora da calidade establecido pola Consellería do Medio Rural poderán beneficiarse destes pagamentos.

Por outra banda, é preciso fomentar aquelas iniciativas que establezan programas de aseguramento da calidade asimilables a sistemas de análise de perigos e puntos críticos de control en explotacións que permitan a súa certificación por entidades acreditadas de control e certificación dos alimentos.

O Real decreto 460/2002, do 24 de maio, estableceu as bases reguladoras das axudas estatais destinadas a prestar apoio técnico ao sector produtor de leite para mellorar o control e a calidade do leite producido e recollido nas explotacións.

Ben que os beneficiarios dos programas son os produtores de leite, as axudas deben tramitarse conforme o establecido no Real decreto 460/2002, que establece que as axudas deben ser xestionadas polos compradores autorizados, os centros de recollida, os establecementos de tratamento ou transformación autorizados, así como as agrupacións de produtores, debido á súa capacidade de instrumentar un programa eficaz de asesoramento e mellora da calidade que inclúa un conxunto de produtores.

Neste último real decreto disponse que a tramitación das solicitudes, a súa resolución e o pagamento das axudas lles corresponde aos órganos competentes das comunidades autónomas.

Dada a importancia dos obxectivos desta orde, a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria dará a publicidade oportuna sobre a convocatoria desta e informará os produtores de leite cru de vaca desta comunidade autónoma a través dos medios que considere adecuados, co fin de que a incidencia desta repercuta na máxima cantidade de leite producido no ámbito da comunidade autónoma de Galicia.

Con base no anterior, esta orde ten por obxecto establecer as normas de desenvolvemento dos programas de mellora da calidade do leite e convocalas para a campaña 2009/2010, establecendo o procedemento para a tramitación, resolución e pagamento das solicitudes presentadas de conformidade co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño), e, mentres non se opoña ao disposto na referida lei, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG nº 20), polo que se aproba o regulamento da dita lei.

En consecuencia, de conformidade co artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire o artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño), e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. O obxecto da orde é establecer as bases reguladoras para as axudas en réxime de concorrencia competitiva ao financiamento de accións de asesoramento para a mellora e o afianzamento da calidade do leite producido e recollido nas explotacións de gando vacún e convocalas para o ano 2009/2010.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural: http://mediorural.xunta.es/

3. Finalidade:

a) Mellorar o cumprimento das exixencias establecidas no capítulo I, sección IX do anexo II do Regulamento (CE) 853/2004, do Parlamento Europeo e do Consello de requisitos sanitarios para a produción do leite cru, a hixiene das explotacións produtoras de leite e criterios relativos ao leite cru.

b) Divulgar e avaliar o grao de cumprimento da guía de prácticas correctas de hixiene no sector produtor lácteo, descrita no anexo VII, en concordancia co establecido no anexo XIV do Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro sobre a aplicación dos pagametnos directos á agricultura e gandaría modificado polo R.D. 560/2009, do 8 de abril, e tamén de acordo co previsto no artigo 70.2º a) da orde da Consellería do Medio Rural do 29 de xaneiro de 2009, publicada o 30 de xaneiro de 2009, pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e da indemnización compensatoria, e se convocan as axudas previstas no contrato de explotación sustentable, no ano 2009.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde:

1. Os produtores de leite de vaca que teñan cantidade de referencia asignada na campaña 2009/2010, que cumpran coas obrigas impostas polo réxime de taxa suplementaria e que participen en programas de mellora e afianzamento das condicións hixiénico-sanitarias da súa explotación e do leite obtido nela, sempre que formen parte dalgunha das entidades a que se refire o punto 1 do artigo 3º.

2. Os produtores de leite de vaca que cumprindo cos requisitos do punto anterior, e que durante o Programa de mellora da calidade do leite 2008/2009 para o período comprendido entre o 1 de maio de 2008 e o 30 de abril de 2009 mostrasen o incumprimento continuo ou descontinuo da normativa durante un período maior de 9 meses, que inclúan na súa solicitude un programa de mellora específico para a súa explotación, asinado polo veterinario que colaborará na consecución de melloras.

Artigo 3º.-Solicitantes.

1. As solicitudes de axudas poderán ser presentadas por:

a) Agrupacións de produtores de leite, ben sexan cooperativas ou asociacións de gandeiros, sempre que todos os seus socios cumpran cos requisitos e as obrigas sinaladas no artigo 2º.

b) Compradores oficialmente autorizados polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) para a campaña 2009/2010 e que cumpran, ou polo menos teñan iniciado o procedemento de achega de datos aos rexistros de establecementos e axentes do sector e rexistros de movementos, co establecido no R.D. 1728/2007, do 21 de decembro, polo que se establece a normativa básica de control que deben de cumprir os operadores do sector lácteo e se modifica o R.D. 217/2004, do 6 de febreiro, polo que se regula a identificación e o rexistro dos axentes, establecementos e contedores que interveñen no sector lácteo e o rexistro dos movementos do leite.

Estes deberán comprometerse a un pagamento diferencial demostrable por parámetros de calidade e, ademais, todos os seus socios deben cumprir cos requisitos e as obrigas sinaladas no artigo 2º e comprometerse a ter asinados antes do final do programa no mes de abril de 2010 un número de contratos homologados que supoñan cando menos o 50% da súa recollida.

2. Os programas de mellora e afianzamento deberán afectar:

a) Todas as explotacións integrantes, no caso de que o solicitante da axuda sexa unha agrupación de produtores, excepto aquel explotacións que xa estean incluídas noutro programa de mellora e afianzamento ou aqueloutras que durante o Programa de mellora da calidade do leite 2008/2009 mostrasen un reiterado incumprimento da normativa, segundo o descrito no artigo 2º.2.

b) Todas as explotacións subministradoras, no caso de que o solicitante da axuda sexa un primeiro comprador autorizado, excepto aquelas explotacións que xa estean incluídas noutro programa de mellora e afianzamento ou aqueloutras descritas no artigo 2º.2.

3. Poderanse excluír do cumprimento do anterior punto os seguintes casos excepcionais, debidamente xustificados a xuízo da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria:

a) Unha catástrofe natural grave que afectase de forma importante a unha explotación.

b) A morte ou sacrificio dunha parte significativa do rabaño dunha explotación como consecuencia dunha epizootia oficialmente declarada ou que sexa obxecto de programas nacionais de erradicación.

c) Calquera outra causa debidamente documentada e así considerada pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

Artigo 4º.-Programas de mellora e afianzamento da calidade.

Consideraranse auxiliables aquelas actuacións que vaian destinadas ao asesoramento técnico encamiñado a conseguir os obxectivos referidos no artigo 1º desta orden e que deberán concretar en programas cun contido mínimo estruturado en tres niveis:

1. Nivel básico, que deberá recoller como mínimo as seguintes actuacións:

1.1. Revisión das instalacións de muxidura e refrixeración de leite para todas as explotacións integradas no programa. Estas revisións serán realizadas conforme o descrito no artigo 5º das condicións mínimas das actuacións elexibles e acompañaranse dun cálculo das necesidades de instalación de muxidura e frío segundo os requirimentos da normativa vixente.

1.2. Divulgación do código de boas prácticas para a produción de leite cru de vaca segundo o especificado no anexo VII desta orde, así como a avaliación do seu grao de cumprimento, a través da enquisa de avaliación das condicións para a produción de leite cru de vaca para todas as explotacións integradas no programa segundo o modelo proposto no anexo VIII.

1.3. Actuacións encamiñadas a solucionar incidencias na calidade do leite en explotacións con problemas de incumprimento puntual das exixencias establecidas no capítulo I, sección IX do anexo II do Regulamento (CE) 853/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, de requisitos sanitarios para a produción do leite cru, a hixiene das explotacións produtoras de leite e criterios relativos ao leite cru. A obriga destas actuacións e o seu contido mínimo ateranse ao especificado no artigo 5º das condicións mínimas das actuacións subvencionables.

2. Nivel intensivo:

2.1. Consideraranse programas de nivel intensivo aqueles que teñan como obxectivo a integración das explotacións nun programa de certificación baseado en documentos normativos cuxos requirimentos mínimos sexan os relacionados no anexo VII desta orde.

2.2. A frecuencia das avaliacións ao longo do programa será como mínimo de tres (3) e deberá quedar constancia da emisión dun informe sobre a situación e as recomendacións xeradas en cada unha das avaliacións.

2.3. As follas de control de campo utilizadas para a avaliación dos ditos requirimentos deberán contar polo menos cos puntos relacionados no anexo VIII desta orde.

2.4. O prazo máximo de permanencia nun programa deste tipo será de tres (3) anos. Ao final destes, a explotación deberá integrarse nun programa de certificación ou volver ao nivel básico. Neste último caso non poderá percibir a axuda do programa intensivo durante un prazo de cinco (5) anos.

3. Nivel de certificación:

Consideraranse como programas de certificación aquelas iniciativas que establezan a certificación externa para a implantación dun sistema de aseguramento da calidade hixiénico-sanitaria do leite de acordo, como mínimo, coas condicións establecidas no anexo VII desta orde ou superior e que sexa certificado por unha entidade de certificación externa acreditada pola Entidade Nacional de Acreditación (Enac) ou calquera outro organismo europeo de acreditación fronte á norma 45.011.

4. Para explotacións que desexan integrarse en programas intensivos ou de certificación, será obrigatorio realizar as accións básicas dentro da mesma agrupación.

Artigo 5º.-Condicións mínimas das actuacións subvencionables para programas de mellora de leite cru de vaca.

1. Número de explotacións mínimas nos programas:

1.1. Os programas básicos deberán ser desenvolvidos sobre un grupo mínimo de 70 explotacións ou 1.500 vacas.

1.2. Para programas intensivos ou de certificación, o número de explotacións mínimas no programa será de 10.

2. Revisión de instalacións de muxidura e refrixeración de leite:

2.1. No caso de control de instalacións de muxidura:

a) Realizaranos técnicos autorizados pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

b) Antes da realización da testaxe calcularase a instalación necesaria para cada explotación polos requirimentos da norma UNE 68050/98 e comprobarase se esta cumpre cos mínimos requiridos.

c) En caso de que a instalación non cumpra cos requirimentos da dita norma, realizarase a revisión da instalación de muxidura segundo os requirimentos da norma UNE 68050/89, utilizando os parámetros indicados no anexo IX.

d) Será obrigatoria a gravación das testaxes de puntos de muxidura no programa informático facilitado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria

2.2. No caso de control de equipos de refrixeración de leite:

a) Deberanos realizar técnicos autorizados pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria ou titulados en FP2, rama frigoristas, cubrindo en cada instalación os parámetros indicados no anexo X baixo a normativa correspondente.

b) Será obrigatoria a gravación das testaxes de tanques de frío no programa informático facilitado pola dita dirección xeral.

3. Deberá existir, dentro de cada programa, un responsable con titulación de licenciado en veterinaria que será da parte sanitaria deste e que, por requirimento dos técnicos da DXPA, os acompañará nas inspeccións oficiais de control que se realizarán nas explotacións en programa.

4. Actuacións encamiñadas a solucionar incidencias na calidade do leite.

A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria comunicaralle puntualmente a cada gandeiro e ao seu técnico de calidade do leite a necesidade de poñer en marcha medidas que permitan a resolución o antes posible da situación de incumprimento puntual da normativa. Estas medidas levadas a cabo polo técnico da explotación e polo seu responsable veterinario deberán executarse no prazo máximo de dous meses desde que se lle comunique. O contido mínimo destas actuacións constará das seguintes partes:

a) Unha actuación en relación coa revisión do sistema de muxidura e refrixeración, cun informe de situación e recomendacións, de ser o caso. Admitiranse como válidas para a xustificación das actuacións as revisións realizadas nos tres meses anteriores á data de comunicación.

b) Supervisión da rutina de muxidura con recomendacións, de ser o caso.

c) A identificación dos animais problemáticos en relación cos problemas de calidade do leite da explotación, xuntándolle unha proposta de actuación, de ser o caso.

d) No caso de que a orixe da actuación sexa a presenza de residuos antibióticos no leite das mostras de pagamento por calidade, realizarase unha visita informativa co fin de revisar as posibles causas da dita presenza e emitiranse recomendacións para evitar que esta situación se repita no futuro.

5. No control de execución do programa estas actuacións serán motivo preferente de inspección e comprobación. O reiterado incumprimento dos parámetros analíticos da explotación e da verificación polos técnicos nas visitas de control, levará a que a explotación quede excluída dos programas de mellora da calidade do leite no futuro.

6. Enquisa da avaliación das condicións de produción.

Para a avaliación das condicións de produción de leite cru deberá ser utilizado obrigatoriamente o modelo de enquisa referido no anexo VIII da orde. Será obrigatoria como parte do desenvolvemento do programa a emisión dun informe final por explotación sobre o grao de cumprimento do dito código, así como a emisión de recomendacións sobre todos e cada un dos puntos incumpridos da enquisa.

7. Co fin de obter unha base de datos homoxénea ao remate do programa sobre o grao de cumprimento do código de boas prácticas, as explotacións incluídas en programas intensivos deberán presentar ao final do programa un informe pormenorizado do cumprimento do dito código, podendo utilizar e mesma enquisa que as explotacións no programa básico.

8. Número de visitas no programa.

Establécese un número de visitas mínimo por explotación segundo os seguintes parámetros:

a) Cando menos realizarase unha visita á explotación relacionada coa revisión da maquina de muxidura e o sistema refrixerante do leite.

b) Cando menos realizarase unha vista de comprobación das condicións de produción a través da enquisa que figura como anexo VIII desta orde.

c) Realizaranse cantas vistas sexan necesarias para a elaboración, posta en marcha e seguimento das accións descritas no punto 4 do artigo 5º desta orde.

d) En calquera caso establécese un número mínimo de visitas por técnico de 440 en doce meses.

9. Rexistro de persoal e visitas relacionadas coa calidade do leite nas explotacións.

Será de obrigado cumprimento por todas as explotacións integrantes dos programas o mantemento dun rexistro actualizado de persoal e visitas relacionadas coa calidade do leite na explotación segundo os modelos descritos nos anexos V e VI.

10. Obriga de comunicar puntualmente o desenvolvemento dos programas.

Establécese un tempo máximo de 15 días para a xustificación periódica das accións de asesoramento de cada mes. A documentación xustificativa relativa a estas accións deberá ser entregada por cada un dos técnicos nos primeiros 15 días do mes seguinte, establecéndose unha penalización por cada incumprimento de prazo de entrega non debidamente xustificado dun 5% da axuda ligada ao asesoramento técnico, con independencia das penalizacións derivadas doutros controis realizados ao longo do programa.

Artigo 6º.-Gastos subvencionables.

1. Serán subvencionables as accións de asesoramento técnico dirixido a todos aqueles factores que incidan na mellora e afianzamento da calidade hixiénica e fisicoquímica do leite cru, sobre os que se desenvolverán os programas que deberán prever aspectos citados no artigo 4º desta orde.

2. Ademais serán subvencionables os investimentos que resulten necesarios para levar a cabo os labores de asesoramento descritos nos puntos 1, 2 e 3 do artigo 4º que inclúan a adquisición dos seguintes bens e servizos:

a) A prestación de asistencias técnicas ás explotacións.

b) Os gastos derivados dos sistemas de revisión e control do funcionamento das instalacións de muxidura e do tanque de refrixeración. Auxiliarase un só tanque de frío por explotación.

c) A análise para o control de mamite, que incluirá técnicas de diagnóstico, illamento do xerme causante e sensibilidades antibióticas.

d) A análise da auga que se utiliza na explotación para a limpeza e desinfección dos equipos.

e) Gastos de xestión derivados do programa.

f) Formación do persoal técnico que incluirá cursos e conferencias.

g) Material didáctico de divulgación, como publicacións, folletos e revistas.

h) Formación orientada especificamente á acreditación dos gandeiros produtores como responsables da muxidura.

i) Os gastos asociados á certificación da explotación.

3. Quedan expresamente excluídos os investimentos derivados do funcionamento habitual dunha explotación láctea e os medios de transporte.

Artigo 7º.-Importe das axudas.

1. O importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde non poderán superar o 50% dos gastos derivados do desenvolvemento do programa, e en todo caso as contías máximas por actuación non poderán superar:

a) 14 euros por punto de muxidura controlado respecto á revisión e ao control das instalacións de muxidura.

b) 20 euros por tanque refrixerante, admitindo un tanque de frío por explotación.

c) 10 euros por analise de leite, cuantificando o número máximo de analises como o resultado de multiplicar o número de vacas de cada solicitude por 0,20.

d) 36 euros por analise da auga empregada para o lavado dos sistemas de muxidura e frío da explotación, cun maximo de unha analise por explotación e ano.

e) 100 euros por explotación para os gastos de persoal técnico ligado ás actuacións do programa básico descritas nas alíneas b) e c) do punto 1 do artigo 4º.

2. Os gastos derivados das accións descritas no punto 3 do artigo 4º poderán ser, como máximo, de 2.000 euros por explotación na fase de implantación e de 1.000 euros na fase de mantemento. Os gastos derivados das accións descritas no punto 2 do artigo 4º poderán ser como máximo de 1.500 euros por explotación.

3. O resto dos gastos asociados ao programa segundo o descrito nas alíneas e), f), g) e h) do artigo 6º non poderán supoñer máis do 1% do gasto total do programa.

Artigo 8º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes dirixiranse ao conselleiro do Medio Rural e presentaranse preferentemente no rexistro xeral da Xunta de Galicia, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo co modelo do anexo I.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. A presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado implicará a autorización á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia. Así mesmo de acordo co establecido na disposición primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

4. A presentación do anexo II polo interesado implicará a autorización ao LIGAL ou outros laboratorios que estean autorizados, como laboratorios responsables dos controis analíticos, para que lle faciliten á Consellería do Medio Rural os resultados das análises mensuais de calidade do leite para o pagamento por calidade das súas explotacións. No caso de que o titular da explotación non coincida co titular da cota ou coa persoa física ou xurídica dada de alta no Laboratorio Interprofesional de Análise de Leite (LIGAL), farase constar neste anexo.

Artigo 9º.-Documentación.

As solicitudes presentaranse acompañadas da seguinte documentación:

a) Copia cotexada do CIF da entidade solicitante e documentación adicional de acreditación da personalidade xurídica desta.

b) Relación do persoal que participa no Programa de mellora da calidade do leite que inclúa o veterinario responsable da parte sanitaria e coordinador deste, os técnicos participantes e a súa titulación. Esta relación deberá especificar o número de técnicos integrantes do programa e a data de inicio das súas actuacións.

c) Unha base de datos informática coa estrutura indicada no anexo IV, co formato facilitado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, antes de iniciar a execución do programa, en que se inclúan os datos das explotacións acollidas a este.

d) O anexo II no cal se reflicta o compromiso de adhesión aos programas de mellora e afianzamento da calidade do leite producido nas explotacións en todos os casos agás para explotacións incluídas nun programa básico que no ano 2009 asinasen o dito compromiso.

e) No caso de explotacións que no ano 2008/2009 realizasen o programa con outra entidade, deberán xuntar o anexo II, acompañado do anexo XI de cambio de agrupación, debidamente asinado e documentado con copia do seu documento nacional de identidade.

f) Relación informatizada da totalidade dos socios ou provedores vinculados á agrupación que conterá, polo menos, o nome do titular e o seu NIF ou CIF.

g) Certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta en que se solicita o ingreso do importe da axuda.

h) Facturas pro forma dos equipos que se adquiran, de ser o caso. De acordo co artigo 31.3º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando o gasto supere a contía de 12.000 € no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás nos casos en que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

i) Relación de gastos derivados das accións de formación, tanto do persoal técnico, como dos produtores integrantes do programa.

j) Folla resumo cuberta na súa totalidade, conforme o anexo III.

k) No caso de que o solicitante sexa un primeiro comprador, compromiso demostrable do pagamento diferencial dos parámetros de calidade do leite e de asinar un número de contratos homologados cos seus provedores que supoñan polo menos o 50% da súa recollida no mes de abril de 2009.

l) No caso de programas de certificación externa da calidade hixiénico-sanitaria do leite producido na explotación deberase achegar a seguinte documentación:

-Memoria do programa.

-Contrato coa entidade certificadora externa.

-Identificación e cualificación da entidade certificadora e o seu certificado de estar acreditada por Enac fronte a ese produto ou proceso e fronte á norma 45.011.

-Lista de tarifas de la empresa certificadora.

m) No caso de programas intensivos xunto á lista das explotacións integrantes, deberá presentarse unha memoria descritiva do programa así como documento normativo ou referencial que o regule e os modelos de revisión para explotacións e implantación de rexistros segundo o dito no punto 2 do artigo 4º.

n) Relación de partes semanais de visita segundo o modelo do anexo XIII para o período comprendido entre o 1 de maio de 2009 e a data de solicitude. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria facilitaralles os solicitantes o soporte informático para a gravación das visitas efectuadas para ese período.

o) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, por este concepto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas conforme o modelo do anexo XII.

Artigo 10º.-Tramitación e resolución.

1. Se as solicitudes non están debidamente cubertas, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria requirirá o interesado para que, nun prazo máximo de dez días, emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, a súa baremación, segundo os criterios do punto 6 deste artigo, efectuarase por un órgano colexiado constituído para o efecto, formado por: un presidente, o subdirector/a xeral de Gandaría; un vogal, o/a xefe/a do Servizo de Dotación de Medios, e un secretario, o/a xefe/a de Servizo de Producións Gandeiras, que emitirá o informe correspondente.

3. A Comisión de Valoración formulará un informe de outorgamento ao director xeral que, pola súa vez, proporá a aprobación das axudas ao conselleiro do Medio Rural.

4. O conselleiro do Medio Rural resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

5. O prazo máximo para ditar e notificar a correspondente resolución será de tres (3) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

6. Os programas de mellora ordenaranse ou puntuaranse con vistas á concesión das axudas, en función do número de gandeiros incluídos no programa e da idoneidade dos propios programas. No caso de igual puntuación, terase en conta o volume de leite que represente cada programa.

6.1. En función do número de gandeiros incluídos no programa:

a) Máis de 750 explotacións: 5 puntos.

b) Entre 750 e 501 explotacións: 4 puntos.

c) Entre 500 e 301 explotacións: 3 puntos.

d) Entre 300 e 101 explotacións: 2 puntos.

e) Ata 100 explotacións. 1 punto.

6.2. Os programas puntuaranse en función da idoneidade, do seguinte xeito:

6.2.1. Idoneidade do solicitante:

a) Cooperativas que sexan primeiros compradores ou non: 20 puntos.

b) Primeiros compradores: 10 puntos.

c) Outras agrupacións: 5 puntos.

6.2.2. Idoneidade do tipo de programa:

a) Programas que inclúan certificación de explotacións: 10 puntos.

b) Programas que inclúan programas intensivos en explotacións: 5 puntos.

c) Programas básicos: 2 puntos.

Artigo 11º.-Xustificación e pagamento.

1. O programa ten unha duración de doce (12) meses contados a partir do 1 de maio de 2009, rematados os cales, os seus beneficiarios comunicarán a súa finalización á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria no prazo máximo dun mes, xuntando unha memoria explicativa sobre a súa realización, resultado da avaliación en cada unha das explotacións e a incidencia na mellora e no afianzamento da calidade do leite, facendo especial fincapé nos dous obxectivos principais do programa citados no artigo 1 desta orde.

2. Xunto coa xustificación final do programa achegarase a seguinte documentación:

a) Copias das revisións do control de equipamentos de muxidura e equipamentos refrixerantes, de acordo co anexo IX (control de instalación de muxidura) e o anexo X (control de instalación de frío), en que se fará constar o cálculo da instalación necesaria para cada explotación polos novos requirimentos da normativa UNE 68050/98.

b) Partes de visita segundo o anexo XIII das actuacións derivadas de programas de asesoramento técnico que non fosen entregados ao longo do programa.

c) En canto á información das alíneas a) e b), ademais do soporte papel requirido nos anteriores puntos, deberase presentar a información gravada. Remitirase o ficheiro informático coas revisións e visitas realizadas.

d) Copia cotexada das nóminas e os TC do persoal contratado para a execución do programa.

e) Facturas orixinais ou copias cotexadas ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa dos bens e/ou servizos adquiridos para levar a cabo o programa. As facturas deberán constar de número e de data de factura comprendida no período subvencionable, é dicir, desde o 1 de maio de 2009 ata o 30 de abril de 2010.

f) Xustificación documental do aboamento dos pagamentos correspondentes.

g) No caso de compradores autorizados polo FEGA, certificación asinada polo representante da entidade dos subministradores con que se teña asinado contrato homologado en vigor, que se acompañará dun ficheiro informático no formato Excel que conteña o nome e NIF dos asinantes destes contratos e outro co mesmo formato onde figure o total da recollida dese comprador para o mes de abril de 2010.

2. Por regra xeral, os gastos realizados polo beneficiario final deberán xustificarse mediante facturas orixinais, pagadas mediante transferencia bancaria ou documento con valor probatorio equivalente. Para efectuar o pagamento da axuda concedida é necesario que os beneficiarios presenten os xustificantes orixinais de investimento total, transferencia bancaria dos pagamentos, unha relación informatizada destes e unha memoria explicativa sobre a realización das actividades auxiliadas, que probe a prestación efectiva dos servizos. Para cada concepto presentarase unha táboa comparativa entre os gastos realizados, debidamente xustificados, e os presentados no orzamento inicial. A relación informatizada das facturas debe constar dos seguintes campos: concepto, provedor, número de factura, data de emisión e data de pagamento, base impoñible, importe correspondente ao IVE e importe total con IVE.

3. Non se considerará gasto realizado o IVE, excepto no caso de beneficiarios que acrediten estar exentos do imposto sobre o valor engadido pola Axencia Tributaria.

4. De acordo co artigo 30, número 4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando as actividades foran financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

5. De acordo co artigo 31, número 3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros, no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no caso de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

3. O pagamento das axudas estará condicionado á evolución e ao grao de consecución dos obxectivos programados. Poderanse efectuar pagamentos parciais de acordo co disposto no Decreto 11/2009, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As accións que se vaian desenvolver serán sometidas a seguimento en canto á calidade técnica do traballo, sobre todo no relativo ás revisións das instalacións de muxidura e aos labores de asesoramento nas explotacións.

5. Efectuadas as comprobacións oportunas, a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria procederá ao pagamento das axudas.

6. Esta dirección remitirá á Dirección Xeral de Gandaría do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM), de acordo co artigo 10 do Real decreto 460/2002, do 24 de maio, a relación de beneficiarios e as axudas pagadas, así como un informe global da eficacia e do grao de consecución dos obxectivos pretendidos coa aplicación dos programas.

Artigo 12º.-Financiamento das axudas.

1. As axudas que deriven da aplicación desta orde proceden dos orzamentos xerais do Estado e financiaranse con cargo á seguinte aplicación 49.02.712C.770.5, dos orzamentos da Xunta de Galicia, onde existe crédito adecuado e suficiente por importe dun millón cincocentos mil euros (1.500.000 euros) para o ano 2009 e de trescentos mil euros (300.000 euros) para o ano 2010.

A concesión da axuda someterase á condición suspensiva da existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

2. Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos comunitarios, estatais ou autonómicos achegados para o efecto.

3. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Artigo 13º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.

1. Os solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas.

2. Ademais, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, o solicitante presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 14º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, o beneficiario da axuda ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección e control.

Artigo 15º.-Modificación da resolución de concesión, incumprimento e reintegro da axuda.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. Así mesmo, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Se o beneficiario incumprise os requisitos exixidos para a concesión da subvención, con independencia doutras responsabilidades en que puidese incorrer, perderá o dereito á subvención concedida, coa obriga de devolución do importe percibido incrementado co xuro de demora legalmente establecido, desde o momento do seu abamento.

3. O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, xunto cos xuros de demora desde o seu pagamento, nos supostos de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e nos casos establecidos no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Establecese un sistema de penalización nos pagamentos finais da axuda do 5% por cada acción declarada que se demostre non realizada con base no plan de inspeccións dos programas, entendéndose por acción declarada e non realizada calquera das descritas no artigo 4 desta orde.

5. O pagamento das axudas aos beneficiarios que acaden esa condición segundo se recolle no artigo 3.2º, queda condicionado ao cumprimento íntegro do programa de mellora proposto. O dito cumprimento verificarase a través da comprobación dos resultados analíticos nos últimos tres meses do programa, é dicir, febreiro, marzo e abril de 2010.

Artigo 16º.-Recursos administrativos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde, esgotan a vía administrativa e, contra elas, cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

3. Recurso de alzada ante o conselleiro do Medio Rural no caso de resolución do director xeral de Produción Agropecuaria de exclusión resultante da aplicación do descrito no segundo paragrafo do punto 2 do artigo 2º desta orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-Infraccións e sancións.

Seralles de aplicación aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segunda.-Normativa subsidiaria.

En todo o non previsto nesta orde observarase o establecido no Real decreto 460/2002, do 24 de maio, que establece as bases reguladoras das axudas estatais destinadas a prestar apoio técnico ao sector produtor de leite para mellorar o control e a calidade do leite producido e recollido nas explotacións, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da dita lei, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Terceira.-Publicidade das axudas.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo (Diario Oficial de Galicia nº 53, do 9 de agosto), de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "21400D006P017.PDF"

Anexo VII

Guía de prácticas correctas de hixiene no sector produtor lácteo

1. Rastrexabilidade dos animais e do leite.

Obxectivos.

As prácticas de identificación do rabaño garanten unha rastrexabilidade individual para cada animal desde a súa entrada na explotación ata a súa saída.

Permite asegurar o seguimento de calquera bovino desde a súa gandaría de nacemento ata o consumidor.

Por outra parte, a identificación dos animais axuda ao gandeiro na xestión do seu rabaño (xenética, primas, aspectos sanitarios...). Un sistema de rastrexabilidade efectivo para o leite constitúe unha ferramenta imprescindible en caso de alerta sanitaria.

1.1. Identificación dos animais.

Requisitos.

-Cada animal presente na explotación está identificado individualmente mediante unha marca auricular (brinco) colocada en cada orella.

Cada animal do rabaño ten un documento de identificación individual actualizado.

Prácticas correctas.

-Anótanse todos os movementos de animais no libro de rexistro da explotación.

-Arquívase o libro de rexistro durante tres anos e o documento de identificación individual de cada animal ata a súa saída da explotación.

-Comunícanse todos os movementos de animais á autoridade competente dentro do prazo establecido pola lexislación:

*Prazo de 7 días para a entrada, a saída ou a morte dun animal.

*Prazo de 27 días para o nacemento dun animal.

-Colócanse os brincos nun prazo inferior a 20 días tras o nacemento dun animal e, en calquera caso, antes de que o animal abandone a explotación en que naceu.

-Tras a morte dun animal, comunícase o feito á autoridade competente nun prazo de 7 días. Restitúese o documento de identificación individual neste mesmo prazo.

1.2. Rastrexabilidade do leite-Letra Q Requisitos.

-Consérvase este rexistro, así como os recibos de entregas, durante un prazo de tres anos. A explotación e cada tanque e/ou sistema de refrixeración do leite teñen un número de identificación e están rexistrados na base de datos Letra Q.

Prácticas correctas.

-Nun rexistro actualizado, anótanse todas as entregas de leite, data e cantidade de leite entregado, o operador de recolla e o código da cisterna de recolla.

Consérvase este rexistro, así como os recibos de entregas, durante un prazo de tres anos.

2. Alimentación e auga para os animais.

Obxectivos.

O gandeiro é responsable da alimentación do seu rabaño. En moitos casos el mesmo produce e conserva unha parte dos alimentos. Para garantir a seguranza do gando e do produto ante o consumidor, debe asegurarse transparencia, rastrexabilidade e respecto da normativa.

Os gastos de alimentación constitúen a parte máis importante dos custos de produción. Débese xestionar de forma óptima subministrando aos animais alimentos e auga de calidade e en cantidade adecuadas. Esta práctica ten consecuencias positivas nos resultados técnicos e económicos da explotación.

A correcta alimentación do gando implica a aplicación de coñecementos sobre produción, conservación e características dos alimentos, fisioloxía animal, lexislación, seguranza sanitaria ou benestar animal. A realización desta actividade pon de manifesto o alto grao de profesionalidade que o gandeiro posúe.

2.1. Produción.

Requisitos.

-Os alimentos producidos na explotación non presentan risco microbiolóxico, químico ou físico para os animais ou para o leite.

Prácticas correctas.

-Tómanse as medidas necesarias para asegurar que os alimentos producidos na explotación sexan de calidade adecuada e non conteñan axentes externos contaminantes.

-Se é necesario, realízanse análises dos alimentos producidos na explotación. Arquívanse os resultados destas análises durante o tempo que se utilice o alimento.

-Respéctanse os períodos de supresión dos produtos fitosanitarios ou outros produtos químicos e lodos de depuradora antes de recoller ou de realizar pastoreo directo polo gando.

2.2. Compra.

Requisitos.

-Os alimentos comprados non presentan risco microbiolóxico, químico ou físico para os animais ou para o leite.

Prácticas correctas.

-Cómpranse pensos só a fabricantes rexistrados.

-En cada compra de alimentos, verifícanse as etiquetas e albarás dos alimentos comprados. En particular, verifícase que sexan pensos para ruminantes e que non conteñan substancias ou produtos non autorizados.

-Se é necesario, realízanse análises dos pensos ou alimentos comprados. Arquívanse os resultados das análises durante o tempo que se utilice o alimento.

Arquívanse as etiquetas coa composición dos alimentos comprados durante tres anos.

2.3. Almacenamento.

Requisitos.

-O almacenamento dos alimentos realízase en lugares específicos e de forma adecuada evitando a súa alteración ou contaminación.

Prácticas correctas.

-Non se almacenan produtos tóxicos (fitosanitarios, fertilizantes...) no lugar de almacenamento dos alimentos.

-Protéxense os locais de almacenamento dos alimentos de pragas e de aniñamento de animais.

-Compróbase coa frecuencia adecuada a ausencia de infestacións por pragas. Se é necesario, aplícase un plan de loita apropiado, que debe estar documentado mediante un plano en que se indique a situación de todas as medidas de control contra pragas, así como as súas características.

-Almacénanse por separado os alimentos, segundo as especies a que van destinados, co fin de evitar as contaminacións cruzadas entre alimentos.

-Límpanse os almacéns dos alimentos coa frecuencia adecuada.

2.4. Subministración dos alimentos.

Requisitos.

-As racións están adaptadas ás necesidades fisiolóxicas dos animais.

-Todos os animais poden ter acceso fácil e directo aos alimentos.

Prácticas correctas.

-Asegúrase a rastrexabilidade dos alimentos subministrados ao rabaño.

-Nun rexistro anótase a natureza e a orixe dos alimentos subministrados. No caso de alimentos comprados, anótase tamén a data de compra e/ou arquívase o albará correspondente.

-Consérvanse estes documentos durante o tempo que se utilice o alimento.

-Asegúrase que a cantidade e a calidade dos alimentos e forraxes subministrados aos animais sexan adecuadas con respecto ás súas necesidades fisiolóxicas.

-Rexístrase a composición das racións subministradas aos animais.

-Só se utilizan alimentos autorizados para ruminantes.

-Utilízanse compostos alimenticios de acordo coa lexislación.

-Se se utilizan aditivos para pensos, respéctanse as indicacións da etiqueta.

-Non se administran substancias ou produtos non autorizados aos animais (fariña de carne, activador de crecemento...).

-Non se empregan substancias que poidan transmitir sabores estraños ao leite.

-Non se subministran aos animais alimentos en mal estado de conservación ou que presentan un risco para a saúde dos animais ou a calidade do leite.

-Rexéitanse os alimentos cubertos de mofo.

-Manéxanse os alimentos de forma correcta con maquinaria e utensilios adecuados.

-Límpanse os comedeiros coa frecuencia adecuada para que permanezan en boas condicións de hixiene.

2.5. Auga.

Requisitos.

-A explotación dispón dun sistema de abastecemento de auga limpa para abeberar os animais. En particular, os valores de concentración de coliformes e de Escherichia Coli deben encontrarse por debaixo dos límites legais establecidos.

Os equipamentos para a subministración de auga están concibidos, construídos e situados de maneira que se reduza ao mínimo o risco de contaminación da auga.

-Todos os animais poden ter acceso fácil e directo á auga para beber.

Prácticas correctas.

-Se a auga das instalacións non provén da rede pública, realízase polo menos unha vez ao ano análises para controlar os seus valores microbiolóxicos.

-Consérvanse os resultados das análises da auga dos dous últimos anos.

-Límpanse os bebedoiros coa frecuencia adecuada para que permanezan en boas condicións de hixiene.

3. Estado sanitario dos animais.

Obxectivos.

O bo estado sanitario do rabaño é a base da prevención de enfermidades en xeral e, en particular, axuda a preservar a saúde dos animais e do ser humano. Ademais, satisfai ao gandeiro.

Trátase de tomar as medidas adecuadas para evitar a difusión de enfermidades contaxiosas ao persoal da explotación e aos consumidores.

Trátase tamén de evitar a difusión de enfermidades contaxiosas entre animais da granxa, cuxas consecuencias poderían resultar desastrosas para os resultados económicos e zootécnicos da explotación.

Requisitos.

-A explotación respecta o programa nacional de erradicación de enfermidades: brucelose bovina, tuberculose bovina, leucose enzoótica bovina, peripneumonía contaxiosa bovina.

-Para cada movemento de gando disponse dunha guía sanitaria ou, se é o caso, dun certificado sanitario actualizado.

-Os animais que cheguen á explotación non proveñen dunha explotación ou dunha zona que estea, por motivos sanitarios, suxeita a unha prohibición ou a unha restrición no movemento de animais.

-A explotación dispón dunha zona apropiada de illamento para os animais enfermos ou feridos.

-A explotación dispón de medios adecuados para a limpeza e desinfección.

Prácticas correctas.

-Limítase, no posible, a entrada de gando de fóra da explotación e, no caso de que se produza, verifícase a súa documentación sanitaria de traslado, o seu documento de identificación e a correspondencia co brinco, notifícase o feito á autoridade competente e mantéñense illados os animais nunha zona apropiada polo menos durante unha semana ou ata obter resultados dos controis que se lles realicen.

-Séguense os programas de vixilancia e control de zoonoses e de axentes zoonóticos establecidos.

-Vixíase regularmente o estado de saúde dos animais e o aspecto xeral do gando. En particular, se se aprecian toses ou mucosidade nasal, diarreas ou feces moi moles con febre, femias con inflamacións de ubres, femias con fluxo do aparello xenital.

-En caso de sospeitar unha enfermidade incluída no programa nacional de erradicación, séguense as disposicións establecidas.

-Notifícase a sospeita á autoridade competente e comprométese a seguir a regulamentación vixente.

-Se é necesario, procédese ao illamento dos animais enfermos ou sospeitosos nunha zona apropiada o tempo necesario para comprobar o seu estado sanitario.

-Se é necesario, tras a aparición dunha enfermidade, realízase unha limpeza e desinfección adecuadas da corte e dos equipamentos.

-Para a limpeza e desinfección utilízanse só produtos autorizados e séguense as instrucións da etiqueta.

-Almacénanse os produtos de limpeza e desinfección nun lugar seguro.

-Un veterinario realiza polo menos unha vez ao ano unha visita á explotación para valorar o estado sanitario do gando.

-Disponse dun programa sanitario (datas de vacinación...).

-Tense un plan de diagnóstico e control de mamite.

-Tense un rexistro no cal se inclúen os resultados dos controis sanitarios efectuados aos animais.

-Arquívase este rexistro durante tres anos.

4. Medicamentos e tratamentos dos animais.

Obxectivos.

É fundamental a necesidade de transparencia e de restrexabilidade no uso de medicamentos. Debe garantirse a ausencia no leite de residuos de medicamentos, así como de calquera outra substancia perigosa para o consumidor.

Os animais enfermos deben recibir o tratamento adecuado respectando as receitas prescritas por un veterinario. Desta forma o gandeiro asegura a saúde dos seus animais e a optimización de produción do seu rabaño.

4.1. Almacenamento dos medicamentos.

Requisitos.

-Os medicamentos están gardados nun sitio seguro e adecuado, ordenados separando os que poidan utilizarse en gando en lactación dos que non e, se é posible, nunha caixa de primeiros auxilios pechada con chave.

-O acceso ao depósito está limitado aos traballadores con formación, cualificación e/ou experiencia adecuada.

Prácticas correctas.

-Almacénanse os medicamentos seguindo as indicacións definidas na etiqueta.

-Os medicamentos están almacenados no seu envase orixinal.

-Identifícanse claramente as medicinas caducadas e sepáranse.

-Almacénanse por separado os medicamentos que están permitidos para vacas en lactación e os que non o están.

-Mantense limpo e en bo estado o equipamento sanitario.

4.2. Tratamento dos animais.

Requisitos.

-Só os traballadores coa formación, cualificación e/ou experiencia adecuada poden administrar medicamentos e tratamentos aos animais.

-Disponse de medios para identificar aos animais tratados, notificalo a todas as persoas que participen na súa muxidura e poder separar o leite que produzan.

Prácticas correctas.

-Aténdense os animais enfermos e dáselles o tratamento adecuado.

-Utilízanse medicamentos unicamente cando é necesario.

-Utilízanse só medicamentos autorizados e prescritos por un veterinario. Os medicamentos deben estar acompañados da correspondente receita.

-Séguense estritamente as instrucións da receita ou do prospecto do medicamento.

-Identifícanse os animais en tratamento cun método apropiado e seguro.

-Respéctase escrupulosamente o período de supresión dos medicamentos.

-Cada vez que sexa necesario, sepárase o leite dos animais en tratamento por un sistema de muxidura adaptada.

-En caso de que exista sospeita de que leite de vacas en tratamento se mesturase co leite do tanque, actúase en consecuencia para garantir que no posúe concentracións que impidan que o leite entre na cadea alimentaria.

-Anótase nun rexistro a aparición de enfermidades nos animais, especialmente, as mastites, diarreas con febre e enfermidades do aparello xenital con fluxo, así como os medicamentos ou tratamentos administrados coas datas de administración e os tempos de espera.

-Mantense este rexistro e as receitas arquivados durante tres anos.

5. Muxidura, almacenamento e calidade do leite.

Obxectivos.

Perséguese evitar a contaminación do leite durante todas as fases de muxidura e almacenamento. Para as explotacións leiteiras, estas actividades son primordiais para entregar un leite de calidade.

A muxidura é a etapa clave no proceso de produción nunha explotación leiteira. As condicións hixiénico-sanitarias e pautas de muxidura deben garantir a produción dun leite de calidade e unha imaxe de explotación adecuada.

Débense tomar as medidas apropiadas para muxir, respectando a saúde das vacas e o seu benestar, así como garantir boas condicións de traballo para o muxidor.

A leitaría (local de almacenamento do leite) é a ligazón da explotación co exterior. O almacenamento do leite débese realizar nas mellores condicións hixiénico-sanitarias.

Débense tomar as medidas adecuadas para evitar que o leite poida deteriorarse durante o seu almacenamento.

5.1. Local de muxidura e leitaría.

Requisitos.

-O local de muxidura e a leitaría están deseñados e equipados para garantir condicións hixiénico-sanitarias adecuadas e protexer o leite contra calquera foco de contaminación.

-O chan e as paredes son fáciles de limpar e desinfectar. O chan facilita a evacuación dos líquidos, existe un sistema de drenaxe dos líquidos. Os sistemas de iluminación e ventilación son satisfactorios.

-A leitaría está separada do exterior por medio dunha porta que permita o seu peche. Ten un teito illado e cerrado.

-Os locais de muxidura e de almacenamento do leite están separados de toda fonte de contaminación, como servizos e esterqueiras.

-A leitaría está claramente separada dos locais en que están estabulados os animais e do local en que se moxe.

-Nos locais de muxidura e de almacenamento do leite disponse dun sistema de abastecemento de auga de consumo humano (auga potable) suficiente.

-Se a auga non provén da rede pública, para os locais de muxidura e de almacenamento do leite disponse dun sistema de potabilización adecuado e suficiente.

-Os equipamentos para a subministración de auga están concibidos, construídos e situados de tal maneira que se reduza ao mínimo o risco de contaminación da auga.

-En particular, o sistema de abastecemento de auga é completamente seguro para impedir a contaminación da auga por produtos tóxicos.

-Garántese un abastecemento de auga quente en cantidade e temperatura suficientes (que acade polo menos os 40º C).

Prácticas correctas.

-Elimínase o lixo e desperdicios de maneira adecuada. Nunca se depositan nin no local de muxidura nin no local de almacenamento do leite.

-Tómanse as medidas apropiadas para evitar a introdución e a presenza de animais daniños e pragas nestes locais.

-Compróbase coa frecuencia adecuada a ausencia de infestacións por pragas. Se é necesario, aplícase o plan de loita apropiado, que debe estar documentado mediante un plano en que se indique a situación de todas as medidas de control contra pragas, así como as súas características.

-Non se almacenan produtos químicos, medicamentos ou residuos perigosos no local de muxidura ou na leitaría.

-Se a auga das instalacións non provén da rede pública, realízanse análises coa frecuencia adecuada para garantir a súa potabilidade.

-Neste caso, consérvanse os resultados das análises da auga realizadas nos dous últimos anos.

-Límpase o local de muxidura inmediatamente despois de cada muxidura e a leitaría polo menos unha vez ao día.

5.2. Materiais, equipamentos de muxidura e de refrixeración do leite.

Requisitos.

-Os equipamentos e materiais deben garantir un sistema de muxidura e almacenamento do leite en condicións hixiénico-sanitarias adecuadas e protexer o leite contra calquera foco de contaminación.

-As superficies dos equipamentos en contacto co leite son fáciles de limpar. Son de materiais lisos, lavables e non tóxicos.

-A regulación da máquina de muxidura (baleiro, pulsación...) está adaptada aos animais.

-O tanque dispón dun dispositivo de medida da temperatura.

-O leite almacenado no tanque debe ter unha temperatura máxima de 8°C no caso de recolla diaria e de 6°C noutros casos. O tanque debe ser capaz de acadar esa temperatura nun tempo máximo de tres horas desde o final da muxidura. A temperatura mínima é de 0°C.

Prácticas correctas.

-Para todas as operacións de limpeza de equipamentos ou materiais en contacto co leite utilízase auga de consumo humano.

-Límpase o equipamento de muxidura e o equipamento de refrixeración do leite segundo procedementos establecidos: enxaugadura con auga fría ou morna, lavado con auga quente e deterxente desinfectante alcalino adecuado, (seguindo as indicacións establecidas polos fabricantes dos produtos empregados canto a concentración, temperatura e tempo de actuación), enxaugadura final suficiente, escorremento ou drenaxe de todas as partes do equipo. Coa frecuencia adecuada, elimínanse os depósitos de cal cun produto ácido apropiado.

-Límpase o equipamento de muxidura despois de cada muxidura.

-Realízase a limpeza e desinfección do tanque despois de cada recolla de leite e polo menos cada 48 horas.

-Límpanse e desinféctanse os recipientes e materiais que se encontran en contacto co leite, despois de cada muxidura, manténdose adecuadamente protexidas ata o seu seguinte uso.

-Utilízanse produtos de limpeza e desinfección recoñecidos e autorizados. Estes produtos están correctamente etiquetados.

-Séguense as instrucións de uso para os produtos químicos e respéctase unha rutina de limpeza establecida de tal modo que non haxa risco de que o produto de limpeza ou desinfectante utilizado se mesture co leite ou poida contaminalo.

-Arquívanse todas as fichas técnicas e de seguranza dos produtos utilizados.

-Mantense en boas condicións de uso e hixiénico-sanitarias os equipamentos de muxidura e de refrixeración do leite respectando as normas do fabricante.

-Renóvanse as pezas que sofren deterioración co uso, como tetoeiras e tubos elásticos, segundo as indicacións do fabricante, conservando as facturas ou albarás, coas súas especificacións técnicas e a data da súa instalación polo menos ata a súa reposición.

-Asegúrase diariamente o bo funcionamento do equipamento de muxidura.

-Compróbase diariamente o bo funcionamento do tanque, en particular o tempo que tarda en acadar a temperatura de refrixeración e o mantemento desta.

-Polo menos unha vez ao ano un técnico autorizado realiza unha revisión completa dos equipamentos de muxidura e de refrixeración do leite. Consérvanse as fichas de revisión dos equipamentos asinadas polo técnico ata a súa actualización, así como os comprobantes das posibles reparacións realizadas.

5.3. Muxidores.

Requisitos.

-Os muxidores cumpren as normas de hixiene canto a actitudes, hábitos e comportamentos.

-Os muxidores teñen unha formación adecuada en hixiene alimentaria.

-Os muxidores dispoñen de instalacións para traballaren en condicións de hixiene apropiadas.

Prácticas correctas.

-Móxese segundo un plan establecido vixiando para protexer o leite contra calquera foco de contaminación.

-As persoas que padezan enfermidades contaxiosas non moxen.

-O muxidor lava as mans e brazos con auga potable antes de cada muxidura e cada vez que sexa necesario durante o proceso de muxidura.

-O muxidor usa roupa limpa para muxir.

-Non se pode proceder á muxidura con feridas abertas.

-Non se pode fumar, beber, comer... durante a muxidura.

-Un responsable recibe cursos periodicamente e transmite a información aos demais.

-Lévase un rexistro actualizado dos muxidores.

5.4. Pautas de muxidura. Requisitos.

-A muxidura realízase segundo procedementos establecidos, respectando as necesidades fisiolóxicas e protexendo a saúde dos animais.

-A muxidura realízase en condicións hixiénico sanitarias adecuadas.

-A rutina de muxidura garante poder detectar leite anormal.

Prácticas correctas.

-Realízase cada paso da rutina de muxidura con coidado e sen traumas para a vaca.

-Utilízase un sistema adecuado e seguro para separar o leite non apto para o consumo humano (leite de animais enfermos ou en tratamento).

-Antes de empezar a muxidura:

*Verifícase que os animais non presenten síntomas de enfermidades contaxiosas transmisibles ao home, que non poidan transmitir ao leite características organolépticas anormais, que estean en bo estado de saúde xeral, que non presenten ningunha ferida no ubre.

*Verifícase a limpeza dos animais, en particular dos ubres.

*Obsérvase e apálpase o ubre para detectar posibles signos de mamite.

*Os tetos poden lavarse con auga tibia e secarse con toallas individuais ou limparse con toallas impregnadas nunha solución desinfectante para cada vaca. Para isto, só se utilizan produtos de desinfección autorizados.

*Contrólase o leite de cada animal. Obsérvase en particular a presenza de coágulos, fibras ou augadura do leite.

*Elimínanse os primeiros cichos de leite.

-Colócanse as tetoeiras con precaución e practícase unha muxidura rápida e completa, evitando as sobremuxiduras.

-Retíranse as tetoeiras de forma correcta, sempre tras ter cortado o baleiro.

-Inmediatamente despois da muxidura, pulverízanse os tetos cun desinfectante autorizado, seguro e efectivo.

-Inténtase evitar que as vacas se deiten inmediatamente despois da muxidura.

5.5. Calidade do leite.

Requisitos.

-O leite cumpre con requisitos lexislativos para xermes, células somáticas, punto crioscópico e ausencia de residuos de antibióticos.

Prácticas correctas.

-Cada mes recóllense polo menos dúas mostras de leite para a súa análise.

-Os resultados das análises utilízanse como indicadores para actuar sobre:

*Concentración de xermes: limpeza das instalacións e o gando ou a limpeza e funcionamento do sistema de muxidura e almacenamento do leite.

*Concentración de células somáticas: situación de mamite do rabaño, estado das instalacións (camas), muxidura (baleiro), contaxios.

*Punto crioscópico: limpeza e funcionamento do equipamento de muxidura.

*Ausencia de residuos de antibióticos: funcionamento do sistema de identificación, notificación e separación do leite de animais tratados.

-En caso de realizar control leiteiro, os resultados individuais das células somáticas de cada vaca utilízanse como indicador do estado sanitario do seu ubre e para realizar posteriores revisións (test California de mamite, mostras por cuarteróns e cultivos).

-Mantense un rexistro actualizado cos resultados das análises das mostras de leite realizadas.

-Arquívase este rexistro durante tres anos.

6. Ambiente.

Obxectivos.

A sociedade está moi sensibilizada coa conservación do ambiente e evitar a contaminación.

O almacenamento e a utilización de produtos químicos e de residuos constitúen a principal fonte de contaminación potencial nunha explotación gandeira. Convén tomar todas as medidas para evitar posibles problemas de contaminación. Utilizar os xurros, esterco, produtos fitosanitarios e fertilizantes respectando boas prácticas permite ao gandeiro optimizar os custos de produción da súa explotación. Así poden mellorar os seus resultados técnicos.

O contorno da explotación debe estar ben mantido porque é un elemento esencial para a imaxe do gandeiro, tanto para os seus clientes os seus provedores como para o resto da sociedade.

6.1. Almacenamento e utilización dos produtos químicos, produtos fitosanitarios, fertilizantes e produtos zoosanitarios.

Requisitos.

-Os produtos fitosanitarios e fertilizantes están almacenados nun lugar específico.

-Os insecticidas, fertilizantes e outros produtos fitosanitarios utilízanse segundo os principios dunha agricultura respectuosa co ambiente.

-O persoal que manipula estes produtos ten formación, cualificación e/ou experiencia adecuadas.

Prácticas correctas.

-Almacénanse os produtos fitosanitarios nun lugar seguro, ben ventilado e iluminado e, se é posible, pechado con chave.

-Para o almacenamento dos produtos químicos tense en conta a contaminación potencial dos cursos de auga e do solo.

-Utilízanse produtos químicos autorizados, rexistrados, correctamente etiquetados e almacenados no seu envase orixinal.

-Consérvanse, mentres continúe a súa utilización, as etiquetas e albarás dos produtos químicos utilizados.

-Non se fornecen nutrientes en cantidade superior ás necesidades da planta. Sempre que sexa posible, aplícase o fertilizante cando o cultivo máis o necesita.

-Disponse da información suficiente sobre o tipo de produto máis adecuado, así como sobre as cantidades recomendadas.

-Se é necesario, realízanse análises de terra.

-Non se aplican fertilizantes nunha franxa de 5 a 10 metros de distancia das beiras de cursos de auga. Non se aplican fertilizantes nunha franxa entre 30 e 50 metros arredor dos pozos de auga ou das pozas onde beben animais.

-Utilízanse e dosifícanse os produtos fitosanitarios tendo en conta o estado dos cultivos. Disponse da información suficiente sobre o tipo de produto máis adecuado, así como sobre as cantidades recomendadas.

6.2. Almacenamento e utilización dos xurros e do esterco.

Requisitos.

-A capacidade e os sistemas de almacenamento dos xurros e do esterco son adecuados.

Prácticas correctas.

-Sempre que sexa posible, os xurros e o esterco procedentes do gando utilízanse como fertilizantes naturais. Neste caso, tómanse as mesmas precaucións que co fertilizante químico.

-Para o espallamento de xurros e esterco respéctase o código de boas prácticas agrarias para a protección da auga.

-Almacénanse os xurros e esterco evitando que se produzan lixiviados.

-Canalízanse e manéxanse adecuadamente os residuos líquidos (verteduras) para evitar unha contaminación cruzada da auga.

-No caso particular de que se utilicen lodos de depuradora, contrólase e rexístrase o seu uso. Disponse da documentación adecuada (proceso de tratamento, composición dos lodos) para os lodos esparexidos sobre os seus terreos.

-Nos casos necesarios, tense un rexistro actualizado de fertilizantes, de espallamentos e tratamentos fitosanitarios.

6.3. Envases baleiros e produtos caducados.

Requisitos.

-Os envases baleiros e produtos caducados elimínanse adecuadamente.

Prácticas correctas.

-Almacénanse os envases baleiros e produtos caducados nun lugar seguro.

-Non se volven a utilizar envases baleiros de produtos químicos.

-Recóllense os envases baleiros con precaución, xestiónanse como residuos perigosos e lévanse ata o punto de recolla autorizado máis próximo.

-En todos os casos, utilízanse sistemas oficiais de recolección e eliminación de envases baleiros.

-Nunca se abandonan os sacos ou bolsas de plástico no contorno.

-Elimínanse os insecticidas caducados para evitar todo tipo de contaminación ou uso inadecuado.

-Sempre que sexa posible, adquírense fertilizantes a granel para evitar ter que xestionar os envases (sacos).

6.4. Imaxe da explotación.

Requisitos.

-O aspecto exterior da explotación é adecuado.

Prácticas correctas.

-Mantéñense os accesos ás instalacións para que estean limpos e sexan de fácil acceso a todo tipo de vehículo.

-Límpanse e arránxanse as inmediacións da granxa.

7. Benestar animal.

Obxectivos.

O aloxamento e o manexo do rabaño deben respectar as necesidades fisiolóxicas e etolóxicas dos animais. A sociedade está moi sensibilizada con este tema e é preciso responder ás súas expectativas.

Un manexo adecuado do rabaño reduce os riscos de accidente co persoal e optimiza o rendemento dos animais. Animais en bo estado fisiolóxico, aloxados en condicións hixiénicas adecuadas, constitúen tamén un elemento de satisfacción para o gandeiro.

7.1. Aloxamento dos animais.

Requisitos.

-Os materiais utilizados para a construción e o mantemento dos locais de aloxamento non son prexudiciais para os animais.

-A explotación dispón dun espazo apropiado para permitir a cada animal moverse e relacionarse de acordo coas súas necesidades fisiolóxicas.

-Os animais son mantidos en condicións hixiénico-sanitarias e de aloxamento adecuadas.

-O gando mantido ao aire libre dispón de protección contra as inclemencias do tempo.

-A circulación do aire, o nivel de po, a temperatura, a humidade relativa do aire e a concentración de gas mantéñense dentro de límites non prexudiciais para os animais.

-Nos locais de aloxamento dos animais están previstas unha zona de partos para as vacas e unha zona para illar os animais enfermos, feridos ou sospeitosos.

-Os locais de aloxamento dos animais non presentan bordes afiados ou saíntes.

-O chan dos locais de aloxamento dos animais está adaptado para evitar que os animais caian ou esvaren.

-Os atrapadores non ocasionan feridas e evitan todo risco de estrangulación.

-O aloxamento e cría dos becerros realízase segundo establece a normativa.

Prácticas correctas.

-Mantense a corte en bo estado e fanse revisións periódicas das instalacións.

-Mantense unha ventilación e unha iluminación suficientes e adaptadas no local de aloxamento dos animais.

-Non se expoñen os animais nin a unha escuridade permanente nin á luz artificial sen interrupción.

-Non se crían porcos nin aves de curral nos locais de aloxamento dos animais.

-Non se almacenan na corte produtos químicos ou doutro tipo que poidan representar un perigo para os animais.

-Elimínanse o lixo e desperdicios de maneira adecuada. Nunca se depositan na corte.

-Tómanse as medidas oportunas para asegurar a ausencia de pragas na corte.

-Compróbase coa frecuencia adecuada a ausencia de infestacións por pragas. Se é necesario, aplícase o plan de loita apropiado.

-Límpase a corte coa frecuencia adecuada utilizando produtos autorizados.

-Límpanse as camas dos animais coa frecuencia adecuada para que permanezan secas e en boas condicións de hixiene.

7.2. Manexo dos animais.

Requisitos.

-O persoal que manexa os animais ten a formación, cualificación e/ou experiencia adecuada.

Prácticas correctas.

-Aplícanse técnicas e procedementos correctos para evitar perigos durante o manexo dos animais.

-Inspecciónase o estado xeral dos animais unha vez ao día como mínimo.

-Verifícase en particular que os animais non padezan dores, sufrimentos nin danos inútiles.

-Non se aplican prácticas traumáticas aos animais, en especial atadura ou o corte do rabo.

-Tómanse as medidas necesarias para protexer aos animais de coxeiras.

-En caso de realizar a escorna, empréganse métodos o menos traumáticos posible.

-En caso de excesiva sucidade dos animais, tómanse medidas para remedialo.

-En caso de morte dun animal, íllase o cadáver do resto do rabaño. Comunícase o caso á organización competente para recollelo.

8. Persoal da explotación e axentes externos.

Obxectivos.

As diferentes persoas que traballan ou interveñen na explotación deben ter a competencia adecuada.

Así, limítanse os riscos de erro ou de manexo inadecuado nas diferentes actividades da explotación, evítanse accidentes e garántese un rendemento técnico económico óptimo.

8.1. Condicións de traballo.

Requisitos.

-Os edificios e locais dos lugares de traballo garanten seguranza e condicións hixiénico-sanitarias satisfactorias para os empregados.

-O persoal ten formación, cualificación e/ou experiencia en relación coa actividade que desenvolve na explotación (manipulación de produtos químicos, medicamentos, manexo dos animais, riscos sanitarios, benestar animal, nutrición, residuos, hixiene alimentaria ...).

-O persoal é suficiente con respecto ás necesidades da explotación.

-O persoal dispón dun sistema de abastecemento de auga potable suficiente, así como dos medios suficientes para remediar pequenos accidentes e, en concreto, dunha caixa de primeiros auxilios completa.

-As persoas en contacto cos animais e co leite non poden transmitir enfermidades contaxiosas.

Prácticas correctas.

Sempre que sexa necesario, o persoal utiliza equipamentos de protección e de traballo apropiados (botas, luvas...).

8.2. Axentes externos.

Requisitos.

As persoas en contacto cos animais e co leite están en bo estado de saúde e respectan as normas.

Prácticas correctas.

-Selecciónanse os axentes exteriores para o asesoramento e intervencións segundo a súa competencia.

-Limítase o acceso das persoas alleas á explotación.

No caso de acceso de persoas alleas á explotación, estas persoas levan o equipamento e a roupa apropiados.

Rexistros mantidos na explotación.

1. Libro de rexistro da explotación.

Neste rexistro anótase para cada movemento do animal:

-A data do movemento.

-O número de identificación do animal.

-O tipo de movemento (entrada, saída, nacemento, morte).

-No caso de venda ou de compra, os datos do vendedor ou comprador.

Tempo de arquivo: 3 anos.

2. Rastrexabilidade do leite-Sistema Letra Q.- Mostraxes de leite.

Nun rexistro anótanse para cada entrega de leite:

-A data da entrega.

-A cantidade de leite entregado.

-O operador de recolla.

-O código da cisterna de recolla.

-Os resultados de análises no caso de recolla de mostras.

Tempo de arquivo: 3 anos.

3. Alimentación do rabaño.

Nun rexistro, anótanse por alimento subministrado aos animais:

-A natureza do alimento.

-A orixe do alimento (producido na explotación, comprado noutra explotación, fabricante de pensos...).

No caso de alimentos comprados (pensos e forraxes):

-Os datos do provedor.

-A data de compra.

-O número de lote.

-O número de albará ou factura.

-A composición do alimento (e/ou arquívase a etiqueta ou albará).

Rexístrase a composición da ración de cada lote de alimentación.

No caso de realizar pastoreo rexístranse lotes, datas e parcelas.

Arquívanse os resultados das análises dos alimentos no caso de realizalos.

Tempo de arquivo: 3 anos.

4. Auga das instalacións.

Se a auga das instalacións non provén da rede pública.

Nun rexistro arquívanse os resultados das análises da auga realizadas.

Tempo de arquivo: 2 anos.

5. Controis sanitarios efectuados ao gando.

Nun rexistro, anótanse:

-A data do control.

-A natureza do control e o seu obxectivo.

-A identificación do animal controlado.

-O resultado do control.

Tempo de arquivo: 3 anos.

6. Enfermidades e tratamentos dos animais.

Nun rexistro anótanse para cada animal tratado:

-A data.

-A identificación do animal tratado.

-A enfermidade tratada.

-Os medicamentos ou tratamentos administrados.

-As datas de administración.

-Os tempos de espera coa data de incorporación do leite ao tanque.

Tempo de arquivo: 3 anos.

7. Muxidores.

Nun rexistro, anótanse para cada muxidor:

-A súa data de incorporación.

-A súa data de saída.

-O seu nome e apelidos.

-A súa formación, cualificación e/ou experiencia.

8. Fertilizantes e tratamentos fitosanitarios.

Nun rexistro, anótanse para cada operación:

-A súa data.

-A natureza da operación.

*Fertilizante ( fertilizantes químico, xurros ou esterco, lodos...).

*Tratamento fitosanitario.

-O lugar de espallamento.

-A cantidade espallada.

Ver referencia pdf "21400D006P017.PDF"

ANEXO XIII