DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Luns, 02 de novembro de 2009 Páx. 17.018

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de outubro de 2009 pola que se modifica a Orde do 15 de xuño de 2009 pola que se actualiza a oferta de ciclos formativos, polo réxime ordinario, por curso completo en modalidade presencial en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano académico 2009-2010.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 39.2º que a formación profesional no sistema educativo ten por finalidade preparar o alumnado para a actividade nun campo profesional e facilitar a súa adaptación ás modificacións laborais que se poden producir ao longo da súa vida.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, ten por obxecto a ordenación dun sistema integral de formación profesional, cualificación e acreditación que responda con eficacia e transparencia ás demandas sociais e económicas a través das diversas modalidades formativas.

A Orde do 23 de abril de 2007 regula o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional, en réxime ordinario e para as persoas adultas, e as probas libres para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior.

Neste contexto, a necesidade de manter en todo momento actualizada a oferta educativa dos centros xustifica a súa revisión periódica, de xeito que o alumnado que remate o ensino secundario obrigatorio e as modalidades de bacharelato, así como as persoas adultas, posúan unha oferta de ciclos formativos de graos medio e superior diversificada e adaptada ás súas necesidades e ás demandas do mercado laboral.

De acordo coas competencias que ten conferidas, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Modificar parcialmente a oferta educativa publicada na Orde do 15 de xuño de 2009 pola que se actualiza a oferta de ciclos formativos polo réxime ordinario, por curso completo en modalidade presencial, en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, autorizando a implantación dos ciclos formativos nos centros relacionados no anexo I desta orde. O Fondo Social Europeo cofinancia nun 80% os gastos de funcionamento e de profesorado naqueles ciclos formativos relacionados coa sociedade da información e da comunicación.

Artigo 2º.-Requírese un número mínimo de oito solicitudes de matrícula admitidas por cada centro educativo nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, e de seis solicitudes en cada centro do resto de Galicia, para cada un dos ciclos formativos de grao medio ou superior. Un número menor de solicitudes exixe a autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para pór en funcionamento esta ensinanza e, mentres que non se dispoña desta autorización, non se poderá formalizar matrícula ningunha. A condición do número mínimo de alumnado débeselles comunicar ás persoas interesadas no momento da súa preinscrición.

Artigo 3º.-Non autorizar a implantación dos ciclos formativos nos centros educativos relacionados no anexo II desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e a Secretaría Xeral para tomaren as medidas precisas para a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

Lugo.

Concello: Monforte de Lemos.

Código centro: 27007259.

Centro: IES Río Cabe.

Código ciclo: CS02002.

Ciclo: animación de actividades físicas e deportivas.

ANEXO II

Lugo.

Concello: Monforte de Lemos.

Código centro: 27007259.

Centro: IES Río Cabe.

Código ciclo: CS11003.

Ciclo: información e comercialización turísticas.