DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 30 de outubro de 2009 Páx. 16.880

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións e axudas a proxectos de enerxías renovables correspondentes ao exercicio 2009 e ao abeiro do convenio subscrito entre o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) o día 18 de maio de 2009.

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas, calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia contén xa na súa lei de creación, Lei 3/1999, do 11 de marzo, unha referencia expresa ao fomento destas actividades, concretada a través do impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, á mellora do aforro e á eficiencia enerxética, ao fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, á óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente recolle a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, o Instituto Enerxético de Galicia establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas, para proxectos que fomenten o aforro e a eficiencia enerxética e as enerxías renovables.

En consonancia con todo isto, o Consello de Ministros, con data do 20 de xullo de 2007, aprobou un plan de acción para o período 2008-2012, para o desenvolvemento da Estratexia de aforro e eficiencia enerxética en España 2004-2012 (PAE4+), cumprindo así cos compromisos internacionais na materia.

Do mesmo xeito, o Consello de Ministros con data do 26 de agosto de 2005 aprobou o Plan de enerxías renovables (PER) 2005-2010.

Os obxectivos do PAE4+ están imbricados na Estratexia española de cambio climático e enerxía limpa, aprobada polo Consello de Ministros con data do 2 de novembro de 2007, en que as comunidades autónomas comparten as responsabilidades e os instrumentos coa Administración xeral do Estado, especialmente no que se refire á redución e mitigación dos impactos de gases de efecto invernadoiro, en que o uso da enerxía é un dos seus principais emisores.

Para o exercicio 2009 o orzamento do Plan de acción conta cun orzamento específico de 252,14 millóns de euros, que se desenvolverá a través da correspondente distribución territorial, resultante da dotación consignada o favor do IDAE nos orzamentos xerais do Estado e dos recursos establecidos na Orde ITC/3801/2008, do 26 de decembro, pola que se revisan as tarifas eléctricas a partir do 1 de xaneiro de 2009, e na Orde ITC/3802/2008, do 26 de decembro, pola que se establecen as peaxes e canons asociados ao acceso de terceiros, ás instalacións gasistas, a tarifa de último recurso e determinados aspectos relativos ás actividades reguladas do sector gasista.

Para o desenvolvemento das actuacións previstas no Plan de enerxías renovables, no ano 2009, o IDAE conta cun orzamento específico, de acordo coa dotación consignada ao seu favor nos orzamentos xerais do Estado, por un importe total de 28.770.000 euros.

Para o desenvolvemento dos referidos plans, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e o IDAE deseñaron mecanismos de colaboración con todas as comunidades autónomas, que faciliten a articulación das medidas en todo o territorio estatal, tendo en consideración, ademais, as necesidades e os obxectivos de cada comunidade en razón ás súas propias peculiaridades e ao seu ámbito competencial.

Para tal efecto, o IDAE facilitaralles ás comunidades autónomas os fondos necesarios para financiar as actuacións que van levar a cabo, no marco dos devanditos plans, no ámbito de cada comunidade.

A distribución destes recursos económicos entre as comunidades autónomas aprobouse no seo da conferencia sectorial do 18 de outubro de 2005 e delegouse a súa concreción na Comisión Consultiva de Directores Xerais celebrada o 27 de outubro de 2006, e nas comisións técnicas celebradas os días 16 e 28 de novembro de 2006; todo iso, atendendo a diferentes indicadores que teñen en conta a actividade sectorial, os potenciais das diferentes áreas e o esforzo que habería que realizar para acadar os obxectivos marcados no Plan de acción e no Plan de enerxías renovables.

Esta distribución, para o caso de Galicia, e segundo establecen os convenios de colaboración asinados entre o IDAE e o Instituto Enerxético de Galicia o día 18 de maio de 2009, concrétase nas seguintes contías: 16.463.130 euros para medidas ou actuacións de aforro e eficiencia enerxéticas e 828.576 euros para enerxías renovables. Á sinalada contía hai que engadir a consignada nos orzamentos do propio Instituto Enerxético de Galicia, que para o ano 2009 conta cunha partida de 5.248.168 euros.

Como un dos órganos encargado de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para os proxectos de enerxías renovables en Galicia, que utilizan as tecnoloxías incluídas no anexo I desta resolución.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2009.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE do 28 de decembro), ao Regulamento (CE) 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE do 25 de xullo) e ao Regulamento (CE) 1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE do 21 de decembro). Do mesmo xeito, as bases reguladoras están suxeitas ao disposto no Regulamento (CE) 1083/2006, do 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión (DOUE do 31 de xullo), e ao Regulamento (CE) 1080/2006, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE do 31 de xullo), así como aos regulamentos

comunitarios en materia de información e publicidade.

4. Consideraranse actuacións subvencionables as descritas no anexo I que acompaña a esta resolución e que fosen realizadas entre o 1 de xaneiro de 2009 e o 15 de setembro de 2010, agás para os proxectos de gasificación e biogás, en que a data de finalización é o 31 de decembro de 2010.

5. Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación desta orde as actuacións seguintes:

a) Os premios que se outorguen sen solicitude previa do beneficiario.

b) As subvencións previstas na lexislación de réxime electoral e na lexislación de financiamento dos partidos políticos, as subvencións aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia e as achegas percibidas polos grupos políticos das entidades locais, que se rexerán pola súa normativa específica.

Artigo 2º.-Financiamento.

As subvencións imputaranse ás seguintes aplicacións orzamentarias:

1. Ás establecidas no convenio asinado o 18 de maio de 2009 entre o IDAE e o Instituto Enerxético de Galicia, de acordo coa dotación consignada nos orzamentos xerais do Estado.

2. Ás cantidades consignadas nos orzamentos do Instituto Enerxético de Galicia, con cargo á conta contable 6565000, en contía de 5.248.168 euros.

Ver referencia pdf "21300D009P020.PDF"

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os seguintes:

a) Persoas físicas maiores de idade e que teñan plena capacidade de obrar.

b) Persoas xurídicas legalmente constituídas.

c) Agrupación de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade. Nestes casos, deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos, así como o importe da subvención que se vai aplicar a cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios.

Ademais, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.

Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG número 121, do 25 de xuño).

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG número 121, do 25 de xuño).

Artigo 4º.-As solicitudes.

1. A solicitude de subvención será presentada segundo os modelos normalizados dos documentos anexos II e III ás presentes bases reguladoras. Non serán admitidas a trámite aquelas solicitudes en que non figuren cubertos os campos obrigatorios, sen prexuízo do disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A solicitude acompañarase da documentación que se relaciona no artigo seguinte.

2. Os formularios de solicitude deberán ser obtidos, cubertos e validados polo solicitante a través do enderezo http://www.inega.es. Tamén pode accederse desde o enderezo http://www.xunta.es/axudasinega2009 da Xunta de Galicia, facendo uso do enlace dispoñible co procedemento correspondente ao código que figura na propia solicitude. Estes modelos valerán tanto para a presentación en papel, una vez impresos, como para a presentación electrónica, que se describe máis adiante.

3. Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporán de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao Instituto Enerxético de Galicia, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Os anexos II e III desta convocatoria publícanse no Diario Oficial de Galicia (DOG) exclusivamente para efectos informativos, sendo necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

5. Coa solicitude acompañarase a documentación correspondente, no caso da presentación telemática poderanse anexar á solicitude os documentos que sexa necesario xuntar. O Instituto Enerxético de Galicia poderá, en calquera momento do procedemento, requirir aclaracións sobre os documentos presentados telematicamente.

Artigo 5º.-Documentación que deben presentar.

A documentación que deben presentar será de dous tipos: a xenérica, igual para todas as solicitudes, independente do procedemento a que se refira; e a técnica, propia de cada procedemento que figura nos seus anexos. Dentro da documentación xenérica, unha será igual para todos os solicitantes e outra en función do tipo de beneficiario:

A) Documentación xenérica, que deben achegar todos os solicitantes:

1. Modelo de solicitude (anexo II ADM 00). Marcarase expresamente o procedemento correspondente ao concepto solicitado.

2. Datos xerais do proxecto (anexo II ADM 01).

3. Declaración responsable de non estar incluído nas circunstancias establecidas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo II ADM 02).

4. A solicitude da axuda leva consigo a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións expedidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda; no caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización, deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude. Non obstante o anterior, están exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social os beneficiarios das subvencións establecidos no artigo 48 da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2009.

5. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

6. Anexos técnicos en función do procedemento e concepto solicitado.

B) Documentación que deben presentar en función do tipo de beneficiario:

1. Empresas:

-Nota simple informativa referida ao ano 2009, expedida polo Rexistro Mercantil correspondente.

-Documentación acreditativa do enderezo social e centro de traballo en Galicia.

-Documento público acreditativo do poder con que actúa o seu representante.

-Para a categoría de microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) hai que indicar o número de empregados, volume de negocios anual e o balance xeral anual, co fin de fixar o importe da axuda, segundo a porcentaxe dos custos subvencionables, establecida nas directrices comunitarias sobre axudas estatais en favor do ambiente (2001/C 37/03).

2. Autónomos:

-Copia do último resumo anual do imposto sobre o valor engadido (IVE) ou, de ser o caso, copia da declaración do IRPF por módulos.

-Copia do último recibo do imposto sobre actividades económicas (IAE) ou alta no imposto en caso de estar exento do pagamento.

3. Administracións públicas:

-Documentación acreditativa da representación con que actúa.

-Certificación do acordo do órgano competente para solicitar a subvención, en que conste o compromiso de realizar a actividade pola que se pide a subvención, no caso de obtela.

-Certificación expedida pola Secretaría-Intervención en que declarare que a actividade non está exenta do pagamento do IVE e que polo tanto non repercute este imposto.

4. Fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro:

-Acreditación da representación con que se actúa.

5. Agrupación de persoas físicas e xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade xurídica:

-Acreditación da representación con que se actúa.

-Documentación acreditativa da súa constitución.

-Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, indicando a porcentaxe da subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios (anexo II ADM 04).

-Documentación acreditativa da condición de exención do IVE, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

6. Particulares:

Declaración expresa de que o obxecto da subvención non se dedica nin se adscribe a unha actividade empresarial ou profesional (anexo II ADM 03).

Artigo 6º.-Presentación das solicitudes. Lugar e prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de novembro de 2009, ambos inclusive.

2. As solicitudes poderán presentarse en formato electrónico, ante o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do solicitante ou do representante legal da entidade que solicite a axuda e teranse que cumprir os requisitos que regulamentariamente son necesarios para a presentación electrónica.

3. Ademais da presentación electrónica, as solicitudes tamén poderán presentarse en formato papel no Rexistro Único do Instituto Enerxético de Galicia, sito na rúa Avelino Pousa Antelo 5, San Lázaro, Santiago de Compostela. Tamén poderán presentarse ante calquera outro órgano da Xunta de Galicia, da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, Lei 30/1992).

Artigo 7º.-Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas.

1. Estas axudas son compatibles con calquera outra liña de subvencións que poida ser de aplicación aos solicitantes, coa limitación do seu importe, que a lexislación fixe para cada caso.

2. O importe das subvencións reguladas nestas bases en ningún caso poderá ser de tal contía que illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións supere o custo da actividade subvencionable.

3. O importe da subvención neta equivalente ás empresas, en concorrencia con axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, non poderá superar o máximo de intensidade autonómica do 40% sobre o investimento subvencionable establecido para cada actividade nesta resolución. No caso de axudas a pequenas e medianas empresas, engadirase un 10% adicional ao devandito límite.

4. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Enerxético de Galicia tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do investimento realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

5. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 16 destas bases reguladoras.

6. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE do 28 de decembro), deberase garantir, no caso de axudas a empresas, que, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Polo que respecta ás axudas ás empresas que operan no sector transporte por estrada, este límite fíxase en 100.000 euros. A axuda total de minimis concedida a unha empresa durante calquera período de tres exercicios fiscais redúcese a 30.000 euros para as empresas do sector pesqueiro, de acordo co establecido no Regulamento (CE) 875/2007, do 24 de xullo (DOUE do 25 de xullo), e a 7.500 euros para as empresas dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas, de acordo co establecido no Regulamento (CE) 1535/2007, do 20 de decembro (DOUE do 21 de decembro).

Artigo 8º.-Gastos non subvencionables.

1. Non serán subvencionables:

Ademais dos conceptos non subvencionables indicados en cada un dos procedementos que figuran nos anexos, como regra xeral non son obxecto de axuda:

a) Os gastos que se realicen en pagamentos de licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro.

b) Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

2. Poderase considerar subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) nos seguintes casos:

a) Cando o solicitante da axuda sexa unha asociación ou entidade sen ánimo de lucro e demostre mediante a correspondente certificación que se atopa acollido ao réxime de exención do IVE.

b) Cando o solicitante da axuda o faga na súa condición de persoa física e efectúe unha declaración responsable de que o obxecto da subvención non se dedica nin se adscribe a ningunha actividade empresarial ou profesional (anexo II ADM 03).

3. Nos casos de axudas concedidas a empresas, o investimento subvencionable obterase descontando do investimento elixible os beneficios dos cinco primeiros anos de explotación da instalación.

Artigo 9º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Inega publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais ao IDAE, á entidade financeira na que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e as demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición no enderezo do Instituto Enerxético de Galicia, sito na rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5, CP 15703, Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 10º.-Órganos competentes.

O Departamento de Secretaría e Servizos Xerais do Instituto Enerxético de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle ao director do Instituto Enerxético de Galicia ditar a resolución de concesión.

Artigo 11º.-Instrucción dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos ou non se xunta a correspondente documentación exixida nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5 resulta que o solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Logo de revisar as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 12º.-Comisión de Valoración.

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación da/s subvención/s aos interesados.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Director do Departamento de Secretaría e Servizos Xerais do Inega.

b) Xefe da Área de Enerxías Renovables do Inega.

c) Un técnico dependente da Área de Enerxías Renovables.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificando a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que ficase libre, no caso de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas subvencións. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 13º.-Criterios de valoración.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables.

Ademais do cumprimento das bases reguladoras, dentro de cada sector, a valoración dos proxectos terá en conta os criterios que se recollen a seguir para cada tipo de axuda:

Proxectos de enerxías renovables.

*Enerxía solar térmica.

Os criterios de valoración dos proxectos presentados serán os seguintes:

Criterio e ponderación:

-Eficiencia técnica e económica da instalación: deseño do sistema, eficiencia e calidade dos equipamentos utilizados, grao de utilización da instalación, rateo potencia instalada/investimento, garantías da instalación e dos equipamentos utilizados: 70%.

-Integración arquitectónica e/ou paisaxística: 15%.

-Difusión da instalación (non aplicable a particulares): 10%.

-Calidade da documentación presentada na solicitude (achegar a documentación requirida nos formularios adxuntos): 5%.

*Enerxía solar fotovoltaica illada.

Os criterios de valoración dos proxectos presentados serán os seguintes:

-Eficiencia técnica e económica da instalación: deseño do sistema, eficiencia e calidade dos equipamentos utilizados, grao de utilización da instalación, rateo potencia instalada/investimento, garantías da instalación e dos equipamentos utilizados: 70%.

-Integración arquitectónica e/ou paisaxística: 15%.

-Difusión da instalación (non aplicable a particulares): 10%.

-Calidade da documentación presentada na solicitude (achegar a documentación requirida nos formularios adxuntos): 5%.

*Enerxía solar fotovoltaica conectada á rede:

Os criterios de valoración dos proxectos presentados serán os seguintes:

-Eficiencia técnica e económica da instalación: deseño do sistema, eficiencia e calidade dos equipamentos utilizados, rateo potencia instalada/investimento, garantías da instalación e dos equipamentos utilizados: 70%.

-Difusión da instalación (non aplicable a particulares): 25%.

-Calidade da documentación presentada na solicitude (achegar a documentación requirida nos formularios adxuntos): 5%.

*Biomasa.

Os criterios de valoración e ponderación son:

-Eficiencia técnica e económica da instalación: deseño do sistema, eficiencia e calidade dos equipamentos utilizados, grao de utilización da instalación, rateo (potencia X rendemento)/investimento, garantías da instalación e dos equipamentos utilizados: 70%.

-Difusión da instalación (non aplicable a particulares): 25%.

-Calidade da documentación presentada na solicitude (achegar a documentación requirida nos formularios adxuntos): 5%.

*Biogás.

Os criterios de valoración e ponderación son:

-Eficiencia técnica e económica da instalación: deseño do sistema, eficiencia e calidade dos equipamentos utilizados, xustificación da dispoñibilidade do recurso e loxística de recollida, rateo (potencia X rendemento)/investimento: 60%.

-Vantaxes ambientais do proceso: 20%.

-Replicabilidade e difusión da instalación: 10%.

-Calidade da documentación presentada na solicitude (achegar a documentación requirida nos formularios adxuntos): 10%.

*Outras renovables.

Os criterios de valoración dos proxectos presentados serán:

-Eficiencia técnica e económica da instalación:

-Deseño do sistema, eficiencia e calidade dos equipamentos utilizados, grao de utilización da instalación, rateo potencia instalada/investimento, garantías da instalación e dos equipamentos utilizados: 70%.

-Difusión da instalación (non aplicable a particulares): 25%.

-Calidade da documentación presentada na solicitude (achegar a documentación requirida nos formularios adxuntos): 5%.

Artigo 14º.-Resolución e notificación.

1. A Comisión de Valoración estudará as solicitudes e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración, coa súa correspondente ponderación, establecidos no artigo 13.

2. A proposta de resolución provisional das solicitudes puntuadas e a contía da axuda que lle correspondese, referidas aos sectores e conceptos indicados na anterior táboa, publicarase no Diario Oficial de Galicia, no prazo máximo de catro meses desde a finalización da data de presentación das solicitudes.

3. Os interesados poderán formular alegacións no prazo de dez días contados desde o día seguinte ao da publicación no DOG da devandita proposta de resolución provisional.

4. Unha vez analizadas as ditas alegacións, a Comisión de Valoración confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes presentadas e elevará a proposta de resolución ao director do Instituto Enerxético de Galicia, en que se reflectirá a contía da axuda concedida a cada solicitude en relación coa puntuación definitiva de que fose acredora.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da data de finalización da presentación das solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

6. Todas as resolucións estimatorias serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Inega. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

Artigo 15º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta resolución non porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso de alzada ante o presidente do Consello de Administración do Inega, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

b) Contra a resolución do recurso de alzada poderá interporse recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporán a denegación da axuda ou subvención.

O beneficiario deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao director do Instituto Enerxético de Galicia, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director do Instituto Enerxético de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 17º.-Aceptación ou renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, para os únicos efectos da optimización da xestión dos fondos dispoñibles, o beneficiario da axuda deberá comunicar a súa aceptación no modelo que se facilitará para o efecto xunto coa notificación da resolución definitiva.

2. Transcorridos dez (10) días naturais contados desde o seguinte ao da notificación da resolución sen que o beneficiario presentase a súa aceptación, entenderase que concorre a renuncia á axuda concedida e procederase nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o Instituto Enerxético de Galicia o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuase o Instituto Enerxético de Galicia, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao Instituto Enerxético de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Manter o investimento de que se trate por un período mínimo de cinco anos e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) O beneficiario da subvención deberá darlle publicidade ao financiamento polo Inega do investimento que sexa obxecto de subvención, coa inclusión da imaxe institucional do Instituto Enerxético de Galicia, a Consellería de Economía e Industria e o Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía, así como lendas relativas ao financiamento público nos cartaces, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos audiovisuais, ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria que, de ser o caso, sexan de aplicación.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19º.-Subcontratacións.

1. Permítese a subcontratación total ou parcial sobre o importe da actividade para a que se solicita a subvención.

2. Non se considerará subcontratación nin a adquisición dos equipamentos nin a contratación da súa instalación e montaxe.

3. Cando a actividade concertada con terceiros exceda do 20 por 100 do importe da subvención e o referido importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

-Que o contrato se realice por escrito.

-Que a realización daquel a autorice previamente o Instituto Enerxético de Galicia.

Non se poderá fraccionar un contrato co obxecto de diminuír a contía deste e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no punto anterior.

4. En todo o demais, as subcontratacións que se efectúen rexeranse polo disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20º.-Xustificación da subvención.

Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a documentación orixinal ou copia compulsada que se relaciona a seguir:

a) De existiren modificacións no proxecto presentado na solicitude de axuda, achegarase un informe técnico ou documento en que se describa a realización do proxecto ou actuación e os datos e as incidencias máis significativas na súa execución. No caso de non existir modificacións, deberase indicar que o proxecto foi executado conforme ao indicado na solicitude inicial.

b) Facturas orixinais ou copias compulsadas correspondentes ao investimento e documentación xustificativa do pagamento realizado.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

-Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo en oficina, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pago, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

-Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado deberán incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores de contraer o compromiso para a prestación do servizo ou entrega do ben.

Non se exixirá xustificalo se polas especiais características dos gastos non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou no caso en que se realizase o contrato con anterioridade á solicitude da subvención.

Deberá xustificarse en criterios de eficiencia e economía a elección da oferta finalmente seleccionada cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa.

No caso das administracións públicas admitirase como medio de xustificación do investimento a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

c) Declaración expresa do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo II ADM-05).

d) Certificación bancaria orixinal acreditativa da titularidade e identificación da conta para o pagamento da axuda, en que consten o ordinal bancario, código do banco, código de sucursal e código de conta corrente.

e) Fotografía dos equipamentos principais instalados no lugar.

f) Naqueles casos en que así o requira a regulamentación vixente, achegarase boletín da instalación presentado na delegación correspondente. No caso en que non se dispoña del na data en que finalice o prazo para xustificar o investimento, abonda con presentar a documentación acreditativa de telo solicitado.

g) Naqueles casos en que así o requira a regulamentación vixente, achegarase o proxecto técnico visado e a dirección de obra presentados na delegación correspondente.

O prazo para a xustificación do investimento remata o día 15 de setembro de 2010, agás para as solicitudes de proxectos de enerxías renovables de gasificación e biogás, que remata o día 31 de decembro de 2010.

Artigo 21º.-Pagamento.

1. Os órganos competentes do Instituto Enerxético de Galicia poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, os servizos técnicos do Instituto Enerxético de Galicia poderán realizar unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

4. Poderanse realizar pagamentos anticipados ás corporacións locais que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, segundo o artigo 31.6º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As ditas corporacións locais deberán xustificar o pagamento que dá lugar á subvención de acordo co previsto no artigo 18.4º destas bases reguladoras.

Artigo 22º.-Reintegro das axudas.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23º.-Réxime sancionador.

Aos beneficiarios da subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24º.-Fiscalización e control.

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Enerxético de Galicia para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 25º.-Comprobación de subvencións.

1. O órgano competente comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

A comprobación material definida no parágrafo anterior poderáselle encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26º.-Publicidade.

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia.

Artigo 27º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, excepto os artigos 78, 79 e a disposición adicional cuarta; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en canto non se opoña ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e no resto da normativa que resulte de aplicación.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2009.

Eliseo Diéguez García

Director do Instituto Enerxético de Galicia

ANEXO I

Normas por tecnoloxía aplicada

1. Enerxía solar térmica.

-Concepto:

Instalacións que aproveitan a radiación solar para o quentamento dun fluído mediante paneis solares planos ou tubos de baleiro, sempre que a súa utilización conduza a un aforro dun combustible convencional.

Non serán subvencionables aquelas instalacións dedicadas á xeración de auga quente sanitaria (AQS) ou climatización de piscinas que sexan obrigatorias en virtude do documento básico HE 4-Contribución solar mínima de auga quente sanitaria do Código técnico da edificación (CTE), aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, independentemente da porcentaxe de contribución solar que cubra a instalación solar proxectada nestes usos. Para instalacións afectadas polo CTE que tamén se dedican a outras aplicacións non obrigadas por esta normativa, unicamente se poderá obter axuda pola parte correspondente a estas últimas aplicacións.

As instalacións solares dedicadas ao apoio á calefacción no sector doméstico e terciario unicamente serán subvencionables se utilizan emisores de baixa temperatura de deseño (menores de 50 ºC), como chan radiante, radiadores de baixa temperatura ou fan coils.

Non serán subvencionables aquelas instalacións dedicadas ao quentamento da auga de piscinas descubertas.

-Beneficiarios:

Particulares; agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade; fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro; administracións públicas e empresas.

-Investimento elixible:

Considérase investimento elixible o custo dos equipamentos e compoñentes que forman parte da instalación (captadores solares térmicos, acumuladores, intercambiadores de calor, bombas de circulación, tubos, válvulas e conexións, vasos de expansión, illamentos, sistema eléctrico e de control, equipamentos de medida e demais equipamentos secundarios), así como a montaxe e conexión do conxunto, a obra civil asociada, o deseño de enxeñaría da instalación, a dirección de obra e posta en marcha.

-Contía máxima da subvención:

A contía máxima da subvención será o 35% do investimento elixible, agás para instalacións municipais nas que esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 45%, cos seguintes límites máximos:

Tipo de instalación Subvención máxima

Paneis planos 450 euros/kW (*)

Tubos de baleiro 300 euros/m2

(superficie de apertura)

(*) A potencia en kW calcularase a partir da superficie útil de captación (de apertura) e da curva de rendemento do panel, con temperatura de entrada 45º C, temperatura ambiente 15º C e 800 W/m2 de radiación.

No caso de que os fondos non sexan suficientes para atender todas as solicitudes recibidas, nos proxectos dedicados á xeración de auga quente e apoio á calefacción poderase conceder a axuda correspondente á subinstalación de xeración de auga quente.

Establécese a axuda máxima por proxecto en 60.000 euros.

Documentación que deben presentar coa solicitude:

-Anexos de datos administrativos.

-Anexo III documento R-ST-09 (Memoria de enerxía solar térmica).

-Documentación xustificativa de que a instalación obxecto da axuda non é obrigatoria en virtude do Código técnico da edificación aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo (esta documentación poderá consistir nunha copia da licenza de obras da edificación, copia das escrituras de compravenda ou de fin de obra da edificación, ou calquera outro documento co cal, o xuízo da Comisión de Valoración, quede constancia deste feito).

-Na solicitude orixinal é opcional xuntar unha copia da curva característica do ensaio de rendemento do colector solar empregado que estea emitida por unha entidade debidamente acreditada (segundo a Orde ITC/71/2007, do 22 de xaneiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio). Non obstante, no caso de que non se xunte e no Inega non se dispoña deste certificado para o modelo de panel incluído no proxecto, requiriráselle este documento ao solicitante co fin de que complete o expediente, considerando esta entrega imprescindible para poder optar á obtención da axuda.

-Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación. Esta fotografía pode obterse no visor SIXPAC, no enderezo da internet http://emediorural.xunta.es/visor5/, cunha escala de impresión 1:1000.

-En todas as solicitudes de axudas en que unha das aplicacións da instalación sexa climatización de piscinas, deberanse xuntar fotografías do exterior e interior en que se aprecie claramente a piscina, o cerramento da edificación e a fonte auxiliar utilizada como apoio (caldeira, bomba de calor).

2. Enerxía solar fotovoltaica illada.

-Concepto:

Instalacións que transforman a radiación solar en enerxía eléctrica, mediante paneis fotovoltaicos, para o seu consumo illado da rede de distribución; o sistema pode contar con acumulación en baterías.

-Beneficiarios:

Particulares; agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade; fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro; administracións públicas e empresas.

-Requisitos da instalación:

A potencia máxima da instalación será de 2,5 kWp. Deberá xustificarse a utilización dunha instalación solar fotovoltaica illada pola dificultade ou imposibilidade de conexión á rede de distribución sen implantación de novas liñas eléctricas, ou pola idoneidade desta solución polas características da demanda eléctrica.

Esta xustificación non será necesaria para instalacións demostrativas (en ningún caso se considerará como instalación demostrativa a instalación de uso particular).

-Investimento elixible:

Formarán parte das partidas elixibles o custo dos equipamentos e instalacións, módulos fotovoltaicos, baterías, reguladores, convertedores, tendidos eléctricos e conexións, así como a obra civil asociada, a dirección e enxeñaría de proxecto, a posta en marcha e documentación técnica.

O investimento elixible ten os seguintes límites máximos por potencia fotovoltaica instalada:

Investimento elixible

Tipo de instalación máximo por kWp

Sen acumulación (baterías) 8.000 €/kWp

Con acumulación (baterías) 10.000 €/kWp

-Contía máxima da subvención:

A contía máxima da subvención será do 40% do investimento elixible.

Documentación que deben presentar coa solicitude:

-Anexos de datos administrativos.

-Anexo III documento R-FI-09 (Memoria de enerxía solar fotovoltaica illada).

-Na solicitude orixinal é opcional presentar unha copia do certificado de cumprimento da normativa IEC dos paneis fotovoltaicos utilizados, emitido por unha entidade debidamente acreditada (organismos certificadores, institutos tecnolóxicos, etc.). Non obstante, no caso de que non se xunte e no Inega non se dispoña deste certificado para o modelo de panel incluído no proxecto, requiriráselle este documento ao solicitante co fin de que complete o expediente, considerando esta entrega imprescindible para poder optar á obtención da axuda.

-Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación ou predio onde se executará a instalación. Esta fotografía pode obterse no visor SIXPAC, no enderezo da internet http://emediorural.xunta.es/visor5/, cunha escala de impresión 1:1000.

3. Enerxía solar fotovoltaica conectada á rede.

-Concepto:

Instalacións que transforman a radiación solar en enerxía eléctrica, mediante paneis fotovoltaicos integrados arquitectonicamente, para a súa inxección á rede eléctrica.

Non serán subvencionables aquelas instalacións que sexan obrigatorias en virtude do documento básico HE 5-Contribución fotovoltaica mínima de enerxía eléctrica do Código técnico da edificación, aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo.

-Beneficiarios

Particulares; agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas o privadas sen personalidade; fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro; administracións públicas e empresas.

-Requisitos da instalación:

A potencia nominal da instalación en inversores será igual ou inferior a 20 kW.

Os paneis fotovoltaicos da instalación deberán estar integrados arquitectonicamente, e admitiranse unicamente as tipoloxías incluídas no punto 7 do anexo R-FR-09.

-Custo elixible:

Formarán parte das partidas elixibles o custo dos equipamentos e das instalacións necesarias para o correcto funcionamento do sistema.

-Contía máxima da subvención:

A contía máxima da subvención será de 900 €/kWp, a axuda máxima por proxecto (ou proxectos situados na mesma edificación) será de 6.000 euros.

Documentación que hai que presentar coa solicitude

-Anexos de datos administrativos

-Anexo III documento R-FR-09 (Memoria de enerxía solar fotovoltaica conectada á rede).

-Na solicitude orixinal é opcional presentar unha copia do certificado de cumprimento da normativa IEC dos paneis fotovoltaicos utilizados, emitido por unha entidade debidamente acreditada (organismos certificadores, institutos tecnolóxicos, etc.). Non obstante, no caso de que non se xunte e no Inega non se dispoña deste certificado para o modelo de panel incluído no proxecto, requiriráselle este documento ao solicitante co fin de que complete o expediente, considerando esta entrega imprescindible para poder optar á obtención da axuda.

-No caso de atoparse no ámbito de aplicación especificado no artigo 1.1º do documento HE 5- Contribución fotovoltaica mínima de enerxía eléctrica do Código técnico da edificación, aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, achegarase documentación xustificativa de que a implantación da instalación obxecto da axuda non é obrigatoria (esta documentación poderá consistir nunha copia da licenza de obras da edificación, copia das escrituras de compravenda ou de fin de obra da edificación, fotografías actuais ou calquera outro documento co cal, a xuízo da Comisión de Valoración, quede constancia deste feito).

-Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación ou predio onde se executará a instalación. Esta fotografía pode obterse no visor SIXPAC, no enderezo da internet http://emediorural.xunta.es/visor5/, cunha escala de impresión 1:1000.

4. Biomasa.

-Concepto:

Instalacións para o quentamento dun fluído mediante caldeiras e equipamentos homologados que utilicen biomasa como combustible. Non serán subvencionables proxectos que consistan unicamente en substitucións de queimadores en caldeiras xa existentes.

-Beneficiarios:

Particulares; agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade; fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro; administracións públicas e empresas.

-Custo elixible:

Formarán parte das partidas elixibles o custo da caldeira e os seus accesorios, o custo do sistema de almacenaxe de combustible e o custo do sistema de alimentación de combustible, así como a súa montaxe e conexión.

-Contía máxima da subvención

A contía máxima da subvención é o 30% do investimento elixible, agás para instalacións municipais, en que esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 45%, cos seguintes límites máximos adicionais de subvención por tipo de instalación e potencia térmica:

Ver referencia pdf "21300D009P020.PDF"

Establécese a axuda máxima por proxecto en 30.000 euros.

Documentación que deben presentar coa solicitude:

-Anexos de datos administrativos.

-Anexo III documento R-CB-09 (memoria de biomasa).

-Folla de características da caldeira utilizada.

-Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación. Esta fotografía pode obterse no visor SIXPAC, no enderezo da internet http://emediorural.xunta.es/visor5/, cunha escala de impresión 1:1000.

5. Biogás.

-Concepto:

Produción de enerxía térmica e/ou eléctrica mediante o aproveitamento enerxético en procesos de gasificación de biomasa (grupos B6 e B8 do Real decreto 661/2007) ou en sistemas de aproveitamento do biogás producido por dixestión anaerobia de residuos biodegradables (grupo b.7.2), para instalacións de potencia eléctrica inferior a 500 kW.

-Beneficiarios:

Persoas físicas, empresas, entidades públicas, comunidades de veciños, mancomunidades de veciños, asociacións, cooperativas ou empresas xeradoras ou xestoras de residuos biodegradables.

-Requisitos da instalación:

A potencia nominal das instalacións de xeración de electricidade será igual ou menor de 500 kW.

A memoria descritiva do proxecto especificará os seguintes aspectos:

-Análise da existencia de recurso.

-Loxística para garantía de subministración á planta.

-Aproveitamento da calor nos procesos de coxeración.

-Redución de emisións contaminantes no proceso.

-Tratamento de efluentes.

-Utilización de efluentes líquidos e compostatos nos procesos con biogás.

-Custo elixible:

As partidas elixibles corresponden aos sistemas de tratamento, manipulación e control de residuos, equipamentos do proceso de dixestión ou gasificación, equipamentos de tratamento e almacenaxe do biogás e subprodutos, grupo de xeración eléctrica e térmica recuperadores, así como a obra civil asociada, posta en marcha e enxeñaría de proxecto.

-Contía máxima da subvención:

A contía máxima da subvención é o 15% do custo de referencia. Tomarase como custo de referencia un investimento máximo por unidade de potencia instalada de 3.500 €/kW. No caso de que o aproveitamento sexa térmico, tomarase como custo de referencia 1.100 €/kW.

Documentación que deben presentar coa solicitude:

-Anexos de datos administrativos.

-Anexo III documento R-BG-09 (memoria de biogás).

-Memoria técnica descritiva do proceso.

-Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable o predio onde se executará a instalación. Esta fotografía pode obterse no visor SIXPAC, no enderezo da internet http://emediorural.xunta.es/visor5/, cunha escala de impresión 1:1000.

6. Outras renovables: enerxía eólica, enerxía minihidráulica e instalacións mixtas de xeración eléctrica.

-Concepto:

Instalacións de aproveitamento da enerxía eólica e enerxía minihidráulica para xeración eléctrica ou instalacións mixtas (con algunha destas tecnoloxías e solar fotovoltaica).

-Beneficiarios:

Particulares; agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade; fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro; administracións públicas e empresas.

-Requisitos da instalación:

A potencia eléctrica instalada total sumando todas as tecnoloxías utilizadas será igual ou menor de 10 kW. Este límite será aplicable igualmente á suma das potencias nominais das instalacións que se inclúan en diferentes solicitudes de axudas e que estean situadas no mesmo lugar.

-Custo elixible:

Formarán parte das partidas elixibles o custo dos equipamentos e instalacións, aeroxeradores, turbinas, paneis, baterías, reguladores, convertedores, tendidos eléctricos e conexións, así como a obra civil asociada, a dirección e enxeñaría do proxecto, a posta en marcha e documentación técnica.

-Contía máxima da subvención:

A contía máxima da subvención será do 40% do investimento elixible, cos seguintes límites máximos da axuda por potencia instalada en aeroxerador e/ou turbina:

Subvención máxima por

Tipo de instalación potencia instalada

Eólica e/ou minihidráulica sen acumulación 1.500 €/kW

Eólica e/ou minihidráulica con acumulación 2.500 €/kW

Establécese adicionalmente unha axuda máxima por proxecto de 12.000 euros aplicable ás tecnoloxías eólica e/ou minihidráulica.

En instalacións mixtas que incorporen enerxía solar fotovoltaica, tanto a axuda outorgada como a contía máxima para esta subinstalación calcularase cos criterios establecidos no punto deste anexo correspondente a esta tecnoloxía.

Documentación que deben presentar coa solicitude:

-Anexos de datos administrativos.

-Anexo III documento R-OT-09 (memoria técnica doutras renovables).

-Folla de características do aeroxerador e/ou turbina.

-No caso de incorporar paneis fotovoltaicos, na solicitude orixinal é opcional presentar unha copia do certificado de cumprimento da normativa IEC dos paneis fotovoltaicos utilizados, emitido por unha entidade debidamente acreditada (organismos certificadores, institutos tecnolóxicos, etc.). Non obstante, no caso de que non se xunte e no Inega non se dispoña deste certificado para o modelo de panel incluído no proxecto, requiriráselle este documento ao solicitante co fin de que complete o expediente, considerando esta entrega imprescindible para poder optar á obtención da axuda.

-Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación ou predio onde se executará a instalación. Esta fotografía pode obterse no visor SIXPAC, no enderezo da internet http://emediorural.xunta.es/visor5/, cunha escala de impresión 1:1000.

-En instalacións que incorporen aproveitamento minihidráulico deberase xuntar unha relación dos permisos e licenzas solicitados ou que se prevén solicitar para a execución da instalación.

Ver referencia pdf "21300D009P020.PDF"