DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 30 de outubro de 2009 Páx. 16.875

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

ORDE do 26 de outubro de 2009 pola que se modifica a Orde do 3 de agosto de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos con destino ao apoio ás festas populares e outros eventos de contido turístico. Procedemento CT982D.

A Consellería de Cultura de Turismo ditou a Orde do 3 de agosto e 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións á concellos con destino ao apoio ás festas populares e outros eventos de contido turístico. (Diario Oficial de Galicia nº 155, do 10 de agosto).

No artigo 17 da dita orde establécese como prazo máximo de xustificación da subvención ata o 31 de outubro de 2009.

Non obstante, debido ao número de solicitudes presentadas e as dificultades de valoración destas, produciuse un retraso na resolución da convocatoria polo que é procedente ampliar o devandito prazo para a xustificación da subvención.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procédese á modificación seguinte:

«DISPOÑO:

Artigo 17º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación por duplicado exemplar nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, tendo de prazo para presentala ata o 15 de novembro de 2009. Cando o evento subvencionado teña lugar con posterioridade a esta data a xustificación presentarase en todo caso antes do 31 de decembro de 2009 agás que na resolución de concesión se fixe un prazo de xustificación específico para cada evento.

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo III.

b) Memoria da actuación realizada á que se xuntarán os carteis, folletos, fotografías ou calquera outra documentación que xustifique o cumprimento da actividade subvencionada.

c) Facturas orixinais ou fotocopias cotexadas acreditativas dos gastos subvencionados xunto cos xustificantes das transferencias bancarias que acrediten o seu pagamento. Os gastos efectuados corresponderanse cos orzamentos e/ou facturas pro-forma aceptadas para a concesión da subvención.

d) Declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, da Administración autonómica (sempre e cando non exista autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa información relativa ás axudas solicitadas), das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

e) Certificación orixinal da entidade bancaria acreditativa da titularidade da conta, se é o caso.

f) Declaración expresa sobre os compromisos a que se fai referencia no artigo 15º desta orde».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2009.

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo