DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 30 de outubro de 2009 Páx. 16.869

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de outubro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas ás universidades do sistema universitario de Galicia destinadas á mellora dos campus universitarios dentro do Programa campus de excelencia internacional, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na súa redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, establece que o Estado exercerá a súa responsabilidade de vertebración do sistema universitario mediante o financiamento de programas orientados a dar cumprimento aos obxectivos previstos na lei, como son os de mellora da calidade do sistema universitario, fomentar a mobilidade e promover a integración das universidades no Espazo Europeo de Educación Superior.

O Goberno de España e a Xunta de Galicia son conscientes da necesidade de coordinar actuacións en materia universitaria e de investigación, en particular, de modernizar os campus universitarios públicos situados nesta comunidade autónoma, a fin de promover a excelencia docente e científica, a internacionalización do sistema universitario e a súa implicación no cambio de modelo económico baseado no coñecemento e na mellora da innovación, buscando situar as universidades do sistema universitario de Galicia entre as mellores universidades de Europa e aos seus campus universitarios, entre os de máis prestixio internacional.

Acorde co anterior, o Ministerio de Ciencia e Innovación concedeu un préstamo á Xunta de Galicia para o financiamento de proxectos relacionados cos campus universitarios situados en Galicia, co fin de mellorar a súa situación e reforzar, se é o caso, o financiamento que as universidades do sistema universitario de Galicia poidan ter nas convocatorias que se realicen no ministerio no ámbito do Programa campus de excelencia internacionais.

En liña co anterior, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establece entre as súas prioridades a planificación, desenvolvemento integrado e consolidación das infraestruturas do sistema universitario de Galicia, coa finalidade de ofrecer un nivel docente de calidade, facilitar a procura de colectivos de estudantes con altos niveis de talento e creatividade, atraer os mellores investigadores máis capaces, e facilitar a instalación de estruturas de investigación ou empresas innovadoras nos parques científicos e tecnolóxicos situados nos campus universitarios.

Co obxecto de facilitar a consecución destes retos, convócanse estas axudas en forma de préstamo ás universidades galegas que buscan potenciar o papel dos campus universitarios no desenvolvemento da sociedade do coñecemento, tanto polas súas implicacións na calidade da docencia como polo seu carácter estimulador da investigación de calidade, así como ser estímulo da presenza da universidade na sociedade e a economía.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

Esta convocatoria establece as condicións en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o acceso no ano 2009 das universidades do sistema universitario de Galicia ás axudas destinadas á mellora dos campus universitarios dentro do programa de Campus de excelencia internacional.

O programa de Campus de excelencia internacional persegue os seguintes obxectivos:

a) Situar as universidades de Galicia entre as mellores de Europa.

b) Promover campus dirixidos á formación e investigación, con recoñecemento internacional, mediante a mellora das súas infraestruturas de ensino e investigación, para que dispoñan dun gran potencial de desenvolvemento pedagóxico e científico no marco das áreas innovadoras baseadas no coñecemento.

c) Crear ámbitos académicos que sexan verdadeiros ámbitos de vida universitaria, con instalacións pensadas para a atracción internacional de demandantes de educación superior universitaria e de investigación de excelencia.

d) Configuración de campus integrados socialmente ao distrito urbano ou territorio, en altas condicións de calidade e con altas prestacións de servizos e melloras enerxéticas e ambientais.

e) Promover unha política de unión de forzas implicadas na formación, a investigación, a transferencia e a actividade empresarial.

f) Potenciar as alianzas entre campus universitarios de distintas universidades, co obxectivo de presentar ofertas de formación e investigación poderosas que resulten competitivas entre as máis relevantes a nivel internacional.

Artigo 2º.-Beneficiarios prestameiros.

Poderán ser beneficiarios destes préstamos as universidades do sistema universitario de Galicia.

Artigo 3º.-Actuacións financiables.

Os importes das axudas irán destinados a financiar as seguintes actuacións, sempre que se relacionen co desenvolvemento dos campus universitarios:

a) Vivendas universitarias e residencias de posgrao para o aloxamento de estudantes, investigadores e profesores.

b) Instalacións e equipamento relacionados coa docencia, a investigación ou a transferencia.

c) Rehabilitación, renovación e melloras dos edificios universitarios histórico-culturais.

d) Modernización das instalacións dedicadas ás prácticas deportivas universitarias.

e) Museos universitarios e melloras do patrimonio científico instrumental.

f) Melloras nas condicións de seguranza e saúde nos laboratorios de prácticas e de investigación.

g) Mellora na urbanización e acceso a persoas con discapacidade.

As axudas poderán financiar total ou parcialmente o orzamento solicitado e a contía establecerase, en cada caso, de acordo cos criterios de avaliación e selección. En todo caso, as actuacións financiadas deberán estar en curso de execución ou rematadas antes do 31 de decembro de 2009.

Artigo 4º.-Características das axudas.

1. As axudas ás actuacións seleccionadas realizarase mediante préstamo. As cantidades que se adxudiquen a cada proxecto aboaranse con cargo aos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2009, con carácter anticipado á súa xustificación, unha vez adoptada a resolución de concesión dos préstamos.

As características dos préstamos serán as seguintes:

-Tipo de xuro de aplicación: 0%.

-Prazo de amortización e carencia: a amortización do préstamo efectuarase durante un período de 14 anos, incluídos 2 de carencia, contados desde o día 1 de xaneiro de 2010.

-Garantías: non é necesaria a presentación de garantías para as universidades do sistema universitario de Galicia.

-Reembolso dos préstamos: as cotas dos préstamos aboaranse durante a primeira quincena de cada mes de febreiro, a partir do ano 2012 e ata o ano 2023, ambos inclusive. A cota que se devolverá anualmente será a equivalente a 1/12 parte da contía total recibida en concepto de préstamo para cada unha das actuacións que resulten seleccionadas. En todo caso, o calendario de devolución, así como a contía das cotas anuais de devolución, faranse constar na resolución de concesión da axuda.

2. As entidades beneficiarias obríganse a reembolsar os préstamos á Xunta de Galicia, conforme o disposto nos parágrafos anteriores. O incumprimento da obriga de reembolso dará lugar ao reintegro do importe percibido, máis os correspondentes xuros de demora, producidos desde o momento do ingreso efectivo ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro. Os importes a reintegrar poderán ser detraídos pola Xunta de Galicia, no mesmo exercicio en que se producir o incumprimento das achegas económicas correspondentes ao financiamento das universidades do sistema galego de universidades.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes, segundo o modelo oficial cuxa primeira páxina se achega como anexo a esta orde, está completo ao dispor dos interesados nas dependencias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es, e presentaranse no rexistro único da Xunta de Galicia ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

Cada universidade poderá solicitar axudas para diversas actuacións, e deberán estar asinadas polo representante legal da correspondente universidade. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Memoria da proposta de actuación, que deberá detallar os seguintes aspectos:

-Descrición do punto de partida e situación final planificada.

-Liñas de acción que permitan alcanzar os obxectivos.

-Estimación dos recursos necesarios para desenvolver as actuacións.

-Orzamento ou facturas de cada unha das actuacións solicitadas.

-Detalle dos prazos de execución das actuacións.

b) Declaración das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas ou polos seus organismos ou sociedades, consonte o documento que se inclúe no modelo de solicitude.

c) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

d) Consentimento expreso á Administración para incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. A reserva que poida facer o peticionario no senso de non autorizar a obtención dos datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou á revogación do acto de outorgamento.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios prestameiros e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 6º.-Tramitación.

A instrución do procedemento de concesión destas axudas corresponde á Secretaría Xeral de Universidades.

Os servizos da Secretaría Xeral de Universidades comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán a lista de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es/.

Esta lista estará exposta durante dez días e os interesados poden, durante ese mesmo prazo, formular reclamacións para emendar erros e falta de documentos ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Será causa de desestimación da solicitude presentada, con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións, non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada.

Artigo 7º.-Avaliación e selección.

A selección dos beneficiarios das axudas, así como a determinación do importe financiado de cada solicitude, realizarase a partir das valoracións feitas pola comisión de selección, que estará formada por:

-O/a titular da Secretaría Xeral de Universidades, que a presidirá.

-Catro vogais:

*O/a titular da Subdirección Xeral de Universidades.

*O/a titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria.

*Un/unha xefe/a de servizo da Subdirección Xeral de Universidades.

*Un/unha xefe/a de servizo da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, que actuará como secretario/a da comisión.

Así mesmo, a comisión poderá solicitar o asesoramento dos expertos ou as institucións que considere convenientes para o axeitado desenvolvemento das súas funcións.

A comisión poderá outorgar unha puntuación máxima de 100 puntos a cada actuación presentada. Os criterios de avaliación e as puntuacións máximas de cada un son as seguintes:

a) Proxección interuniversitaria da actuación, ata 15 puntos.

Valorarase a presentación de actuacións conxuntas por parte de máis dunha universidade, de feito que supoña a asunción de proxectos de mellora comúns e que redunden no nivel de calidade dos campus afectados, incidindo positivamente no emprego eficiente dos recursos humanos e materiais do SUG.

b) Ambición científica da actuación, ata 15 puntos.

Valoraranse aquelas propostas a realizar en campus que conten con liñas de investigación relevantes a nivel estatal ou internacional, coa capacidade para desenvolver centros de excelencia de formación de posdoutoramento e investigación, a relación con redes de ensino e investigación nacionais ou internacionais, con accións de inserción profesional dos investigadores e formación empresarial e de transferencia do coñecemento, así como a existencia de infraestruturas de referencia nacional ou internacional.

c) Urxencia de mellora e modernización do campus, ata 10 puntos.

Valoraranse aquelas actuacións que, logo da definición do punto de partida en que se atopan as diversas instalacións con que conta e que sexan obxecto da proposta presentada, esta supoña unha inmediata mellora mediante a rehabilitación e renovación de infraestruturas degradadas ou con necesidade urxente de emprender reformas, das condicións de seguranza e saúde nos laboratorios de prácticas e investigación, da eliminación de barreiras arquitectónicas e mellora da accesibilidade para persoas con discapacidade.

d) Carácter estructurador e innovador da actuación para o territorio, ata 10 puntos.

Valoraranse os factores que incidan na integración dos campus na configuración urbanística do territorio en que se achan poñendo o acento en accións que se traduzan na prestación de servizos e melloras enerxéticas e ambientais. Terase en conta a implicación do municipio en que se acha o campus, a optimización de equipamentos mediante a utilización común de recursos e infraestructuras entre a universidade e a cidade, a planificación de infraestruturas de interconexión entre o campus e a cidade.

e) Calidade, idoneidade e singularidade do plan de execución, orzamento do proxecto e estudo de viabilidade, ata 10 puntos.

Valorarase a adecuación da proposta de actuación aos obxectivos perseguidos, de xeito que se detallen aqueles obxectivos clave para acadar o éxito dela, a xustificación da súa oportunidade, a estimación orzamentaria, a priorización das actuacións, así como o calendario de execución e a adaptación aos recursos solicitados.

f) Mellorar a situación relativa dos campus do sistema universitario de Galicia, ata 15 puntos.

Valoraranse as actuacións que teñan como finalidade básica mellorar a situación relativa dunha universidade respecto ás outras integrantes do SUG en materia de infraestruturas físicas, co obxecto de acadar unha maior homoxeneización da calidade de vida da comunidade universitaria.

g) Facilitar e apoiar a converxencia dos sete campus galegos mediante accións de mellora nos campus de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra, ata 20 puntos.

Valoraranse neste punto as propostas que veñan desenvolver algunha ou varias das actuacións financiables referidas no artigo 3º desta orde no ámbito territorial dalgún dos seguintes campus: Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra.

h) Desenvolvemento dunha vida de campus e de mellora pedagóxica, ata 5 puntos.

Valoraranse as actuacións que incidan na identidade espacial e integralidade vivencial e de usos no respectivo campus, que promovan a acollida de estudantes, investigadores, profesores e o conxunto da comunidade universitaria de xeito que se utilicen estes espazos alén dos horarios lectivos. Así mesmo, valorase neste punto o incremento da excelencia docente e de internacionalización do campus tendo en conta a oferta de graos adaptados ao EEES, a oferta de másteres oficiais e de programas de doutoramento, así como a existencia de programas de prácticas para os estudantes do campus dentro do mesmo contorno, os servizos docentes existentes.

Para garantir que as propostas financiadas teñan un nivel de calidade que poida ser considerado de referencia, só poderán recibir as axudas establecidas nesta convocatoria aquelas solicitudes que obteñan unha puntuación total superior ou igual a 60 puntos.

Á vista das solicitudes presentadas, a comisión elaborará unha listaxe en que figurarán como máximo as seis actuacións que obteñan as mellores puntuacións globais, unha vez aplicados os criterios sinalados anteriormente.

A repartición dos fondos entre as actuacións finalmente seleccionadas realizarase de xeito proporcional á puntuación adxudicada pola comisión de selección. A contía máxima que poderá asignarse a un proxecto ou actuación será de tres millóns de euros.

Artigo 8º.-Resolución.

A competencia para resolver sobre a concesión destas axudas corresponde ao titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sen prexuízo da súa posible delegación noutros órganos da consellería. A comisión de selección elevará a proposta de resolución, que incluirá a relación das actuacións seleccionadas cos seus correspondentes importes ao titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

A resolución de concesión ou denegación do préstamo será motivada en todo caso e incluirá, se for o caso, o importe do préstamo e o correspondente calendario de devolución, nos termos establecidos no artigo 4 desta orde.

Todas as solicitudes serán resoltas no prazo máximo de 3 meses, contados desde a publicación desta orde. A falta de resolución no prazo faculta os interesados para entenderen desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución expresa ou presunta, que pon fin á vía administrativa, poderá ser impugnada polos interesados mediante recurso potestativo de reposición ante o titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Os asinantes das solicitudes denegadas ou desestimadas poderán recuperar a documentación presentada, no prazo dun ano a partir da publicación da concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia. Pasado ese prazo, aquela documentación que non sexa recollida será destruída, salvo a que sexa obxecto de recurso.

Artigo 9º.-Xustificación.

Os beneficiarios deberán presentar, antes do 15 de decembro de 2009, a seguinte documentación xustificativa:

a) Memoria descritiva das actividades realizadas.

b) Memoria económica dos gastos efectuados con cargo ao préstamo concedido.

c) Certificación expedida polo órgano competente onde se exprese que o préstamo concedido foi debidamente rexistrado na contabilidade da entidade; que os fondos se destinaron a realizar a actividade para a cal foron concedidos e que a documentación orixinal acreditativa do gasto realizado e efectivamente pagado se encontra nas dependencias desta, á disposición da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, da Intervención Xeral da Xunta de Galicia, achegando unha relación detallada dos gastos realizados nas actuacións apoiadas polo préstamo.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

e) Declaración responsable acreditativa do cumprimento das obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo o establecido no artigo 45.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o pazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá ao beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento total da axuda, á exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 10º.-Compatibilidade das axudas.

As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán compatibles con outras axudas ou subvencións recibidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, de acordo co establecido na normativa aplicable. Esta compatibilidade estará limitada cando o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concordancia con outras, supere o custo da actuación financiada.

Artigo 11º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as axudas percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12º.-Concorrencia e renuncia dos préstamos.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do préstamo e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos pola norma reguladora, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario renuncie ás axudas unha vez percibidas, procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13º.-Control.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria levará a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das condicións de concesión das axudas. En particular, os beneficiarios das axudas deberán remitir á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria un informe final, no prazo de seis meses contados desde a data límite de xustificación da última anualidade, coa finalidade de comprobar o impacto das axudas concedidas.

2. Alén do anterior, as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 14º.-Dotación orzamentaria.

Os préstamos imputaranse á aplicación orzamentaria 45.02.422C.821.44 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, na cal existe crédito adecuado e suficiente. A dotación orzamentaria para esta orde ascende a 6.273.583 €.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Segunda.-Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a o titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "21300D006P009.PDF"