DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 30 de outubro de 2009 Páx. 16.868

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 de outubro de 2009 de delegación do exercicio de actividades do Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (Octuga) na Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

O Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia ten como finalidade recoller, tratar, validar e difundir os datos relativos á produción científica e á actividade investigadora no Sistema Universitario de Galicia.

O Decreto 185/2008, do 31 de xullo, polo que se crea o Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (Octuga) e se determinan as súas funcións, a súa composición e o funcionamento, establece no seu artigo 5.3º a posibilidade de delegar na Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia o desenvolvemento e a xestión das actividades detalladas no artigo 3.

O Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia foi creado polo convenio de colaboración asinado o 30 de xaneiro de 2001, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Innovación e Industria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, e modificado por Resolución do 10 de decembro de 2008, da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

En consecuencia, para conseguir a máxima axilidade na recompilación dos datos e indicadores da actividade investigadora e da produción científica no contorno universitario e de cara a fomentar a eficacia e racionalización na prestación do servizo de difusión do coñecemento, faise preciso realizar unha delegación das funcións e actividades do Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia a favor da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

En virtude e facendo uso das facultades que me confiren os artigos 36.2º, 37, 38, 41 e 42 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia e a Orde do 3 de agosto de 2009 de delegación de competencias nos órganos superiores e periféricos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da delegación.

Delégase na Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) o desenvolvemento das seguintes actividades:

1. Recompilar datos sobre a investigación e a produción científica no sistema universitario galego co maior grao posible de detalle e nun prazo de tempo breve, coa finalidade de facer seguimento da súa situación.

2. Elaborar e manter a páxina web do Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia, así como elaborar un sistema de información e os índices de referencia que se consideren adecuados para o coñecemento da evolución da ciencia e a tecnoloxía no SUG.

3. Subministrarlles aos axentes relacionados coa ciencia e tecnoloxía do SUG a información sobre a situación estrutural e conxuntural da ciencia e tecnoloxía no SUG. Estes axentes serán como mínimo a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, a Secretaría Xeral de Universidades, o Instituto Galego de Estatística e as tres universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Artigo 2º.-Duración e efectividade.

A delegación, que ten carácter indefinido, poderá ser revogada en calquera momento polos órganos titulares das materias delegadas.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2009.

José Alberto Díez de Castro

Secretario xeral de Universidades