DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 30 de outubro de 2009 Páx. 16.867

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de outubro de 2009 pola que se autoriza o bacharelato da modalidade de humanidades e ciencias sociais no centro privado Vigo, do concello de Redondela (Pontevedra).

Examinado o expediente iniciado polo centro privado Vigo, do concello de Redondela, no que solicita autorización para impartir as ensinanzas de bacharelato da modalidade de humanidades e ciencias sociais.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado polo departamento territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, quen o remite cos informes correspondentes.

Vistos o Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas de réxime xeral non universitarias; o Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 133/1995, do 10 de maio, sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de setembro de 1995 que desenvolve este decreto.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPÓN:

Primeiro.-Autorizar o bacharelato da modalidade de humanidades e ciencias sociais no centro privado Vigo, do concello de Redondela, segundo se especifica no anexo desta orde.

Segundo.-Antes da posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, o departamento territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, despois do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no devandito centro, así como o equipamento adecuado.

Terceiro.-Queda o centro obrigado ao cumprimento da lexislación vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala esta orde.

Esta orde, que esgota a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: Pontevedra.

Concello: Redondela.

Localidade: Redondela.

Enderezo: Rande A Formiga, s/n.

Código do centro: 36018033.

Denominación: Centro Privado Vigo

Titular: Sociedad Mercantil Colegio Vigo, S.A.

Composición resultante:

Educación infantil: 3 unidades.

Educación primaria: 6 unidades.

Educación secundaria obrigatoria: 4 unidades.

Bacharelato 4 unidades das modalidades de ciencias e tecnoloxía e a de humanidades e ciencias sociais.

Formación profesional:

1 ciclo formativo de grao medio de comercio (1 unidade para 30 alumnos).

1 ciclo formativo de grao superior de comercio internacional (2 unidades para 30 alumnos/unidade).

1 ciclo formativo de grao medio de electromecánica de vehículos (2 unidades para 30 alumnos/unidade).

1 ciclo formativo de grao medio de equipamentos electrónicos de consumo (2 unidades para 30 alumnos/unidade).

1 ciclo formativo de grao superior de comercio internacional (2 unidades para 30 alumnos/unidade).

1 ciclo formativo de grao superior de desenvolvemento e aplicación de proxectos de construción (2 unidades para 20 alumnos/unidade).

Quenda de tarde-noite:

Educación de persoas adultas:

Ensinanzas básicas iniciais.

Educación secundaria para persoas adultas.