DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 30 de outubro de 2009 Páx. 16.866

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 29 de outubro de 2009 de modificación do artigo 14.1º do anexo I da Orde do 31 de decembro de 2008 da Consellería de Innovación e Industria (Diario Oficial de Galicia do 17 de febreiro de 2009), pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións para adecuación dos establecementos comerciais ao seu contorno competitivo en desenvolvemento do Plan de renovación e mellora do comercio galego e se procede á súa convocatoria para o ano 2009. (Código de procedemento IN214A).

Pola Orde do 31 de decembro de 2008 aprobáronse as bases reguladoras para a concesión de subvencións para adecuación dos establecementos comerciais ao seu contorno competitivo en desenvolvemento do Plan de renovación e mellora do comercio galego, e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2009.

No artigo 14º.1 da devandita orde establécese que, para cobrar a subvención concedida, a persoa beneficiaria deberá presentar a documentación sinalada nel, tendo de prazo para presentala ata o 30 de outubro de 2009.

Tendo en conta o atraso producido na resolución das solicitudes de concesión das devanditas subvencións, motivado polo volume das presentacións e polo longo proceso de avaliación e co fin de viabilizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o referido precepto.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do artigo 14º.1 do anexo I da Orde do 31 de decembro de 2008 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións para adecuación dos establecementos comerciais ao seu contorno competitivo en desenvolvemento do Plan de renovación e mellora do comercio galego e se procede á súa convocatoria para o ano 2009 (Código de procedemento IN214A).

O primeiro parágrafo do punto 1 do artigo 14º do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«1. Para cobrar a subvención concedida, a persoa beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación en orixinal ou copia compulsada nos lugares sinalados no artigo 2º da convocatoria, tendo de prazo para presentala ata o 21 de novembro de 2009:

(...)»

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2009.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria