DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 30 de outubro de 2009 Páx. 16.866

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 16 de outubro de 2009 pola que se modifica a Orde do 2 de febreiro de 2009, pola que se regula a concesión de axudas por danos provocados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís e nas infraestruturas enerxéticas e turísticas de titularidade municipal, pola que se desenvolve o Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do día 23 de xaneiro de 2009.

A Consellería de Innovación e Industria ditou a Orde do 2 de febreiro de 2009 pola que se regulaba a concesión de axudas por danos provocados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís e nas infraestruturas enerxéticas e turísticas de titularidade municipal, pola que se desenvolve o Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do día 23 de xaneiro de 2009 (Diario Oficial de Galicia nº 23, do 3 de febreiro).

O artigo 6, relativo ao crédito destinado ás axudas, establece que se destinará unha contía de 3.800.000 euros sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, que no caso de se producir serían obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e non suporía a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes. O devandito artigo establece que para as axudas relativas a infraestruturas enerxéticas municipais o financiamento se imputará ao crédito previsto na aplicación orzamentaria seguinte: 10.03.733B.760.7, polo importe de 800.000 euros.

Por Orde do 16 de xullo de 2009 modificouse o artigo 6 da devandita Orde do 2 de febreiro de 2009, no referente ao crédito orzamentario da partida 44.04.733B.760.7, que pasa a ser de 1.950.0000 euros, debido ao elevado número de solicitudes presentadas na modalidade de infraestruturas enerxéticas municipais e o seu importe subvencionable.

Tendo en conta que, despois da modificación a que se fai referencia no parágrafo anterior, o investimento subvencionable segue a superar a contía dispoñible na partida orzamentaria correspondente, é necesario incrementar novamente o crédito para poder atender todas as solicitudes.

En consecuencia, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificar o artigo 6 da Orde da Consellería de Innovación e Industria do 2 de febreiro de 2009, no referente ao crédito orzamentario da partida 44.04.733B.760.7, que pasa a ser de 2.250.0000 euros.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2009.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria