DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Mércores, 28 de outubro de 2009 Páx. 16.728

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 2 de outubro de 2009 pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único e se procede á convocatoria das correspondentes axudas.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, correspondéndolle o seu exercicio, hoxe en día, á Consellería de Traballo e Benestar, ao abeiro do disposto no Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Consonte o anterior, correspóndelle a esta consellería a regulación, xestión e control do aboamento de cotas á Seguridade Social aos traballadores e traballadoras que percibisen a prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único, programa regulado na Orde ministerial do 13 de abril de 1994, pola que se establecen as bases reguladoras da concesión das subvencións consistentes no aboamento, aos traballadores e traballadoras que fixeran uso do dereito previsto no artigo 1 do Real decreto 1044/1985, do 19 de xuño, das cotas á Seguridade Social, segundo o disposto no artigo 4.2º do dito real decreto, modificado pola Lei 22/1992, do 30 de xuño.

O Real decreto 1044/1985, do 19 de xuño, regula o aboamento da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único como medida de fomento de emprego, en aplicación do disposto no punto 3º do artigo 228 do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, coa finalidade de propiciar a iniciativa de autoemprego dos traballadores e traballadoras desempregados/as con dereito á prestación por desemprego de nivel contributivo, facilitando a realización dun traballo por conta propia ou a incorporación como socios e socias traballadores/as ou de traballo a unha cooperativa ou sociedade laboral.

Polo seu encadramento no réxime económico da Seguridade Social, o recoñecemento e aboamento da prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único é competencia da Administración central mais, polo seu carácter de política activa de emprego, intervén a Administración autonómica na súa xestión e tramitación, nos termos previstos no convenio subscrito entre o Inem e esta comunidade para a coordinación entre a xestión do emprego e a xestión das prestacións de desemprego.

Así mesmo, en virtude do disposto no artigo 4.2º do dito Real decreto 1044/1985, do 19 de xuño, aos perceptores e perceptoras da prestación de desemprego, na súa modalidade de pagamento único, concédeselles unha axuda consistente no aboamento das cotas á Seguridade Social durante o período polo que percibisen a prestación de desemprego, correspondéndolle a xestión desta última á Administración autonómica.

Na súa consecuencia, esta orde ten por obxecto regular o procedemento de aboamento das ditas cotas, co fin de contar cunha normativa autonómica adecuada e adaptada ás normas de procedemento, organización e xestión desta comunidade autónoma.

As axudas reguladas nesta orde exceptúanse do procedemento de concesión en réxime de concorrencia competitiva, posto que se trata dun dereito cuxo recoñecemento está vinculado á obtención da capitalización da prestación por desemprego, polo que serán tramitadas en réxime de concesión directa, conforme o previsto no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional, norma de obrigado cumprimento para esta comunidade autónoma, a teor do disposto na súa disposición adicional única.

O citado Real decreto 357/2006, en atención ás difíciles circunstancias de integración laboral dos colectivos afectados e apreciando a concorrencia de razóns de interese público e social que dificultan a súa convocatoria pública, autoriza a concesión directa, entre outras, das subvencións consistentes no aboamento de cotas á Seguridade Social aos perceptores da prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, establecidas polo xa citado Real decreto 1044/1985, do 19 de xuño, e desenvolvidas pola orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social do 13 de abril de 1994, e de acordo co previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 45/2002, do 12 de decembro, de medidas urxentes para a reforma do sistema de protección por desemprego e mellora da ocupabilidade.

As bases reguladoras destas axudas e a súa convocatoria axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A subvención obxecto desta orde financiarase con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determine anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2009 a dita determinación recóllese na disposición adicional cuarta desta orde.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego de Cooperativas, logo da autorización do seu carácter plurianual polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 27 de agosto de 2009, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto, requisitos e principios de xestión.

1. O obxecto desta orde é establecer a convocatoria para o ano 2009 do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social dos traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego, na súa modalidade de pagamento único, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que percibisen a prestación por desemprego, de nivel contributivo, na súa modalidade de pagamento único.

b) Que optasen polo aboamento, dunha soa vez, da totalidade da prestación por desemprego.

c) Que adquirisen a condición de socio ou socia traballador/a ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral con centro de traballo en Galicia; ou que se constituísen como traballador ou traballadora autónomo/a, sempre que se trate dunha persoa cunha discapacidade igual ou superior ao 33%.

d) Que iniciasen a actividade dentro do mes seguinte á percepción da prestación de pagamento único ou atoparse en fase de iniciación.

e) Estar dado/a de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

2. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarios do aboamento de cotas á Seguridade Social regulado nesta orde as persoas nas que concorran as circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, xustificándose este extremo mediante a declaración contida no anexo I desta orde.

Artigo 2º.-Axuda.

Esta axuda consistirá no aboamento do 50% da cota ao réxime correspondente á Seguridade Social como traballador ou traballadora autónomo/a, calculada sobre a base mínima de cotización, ou o 100% da achega do traballador ou traballadora nas cotizacións ao correspondente réxime da Seguridade Social, durante o período polo que se percibiría a prestación por desemprego de non se ter percibido na súa modalidade de pagamento único, computándose, para efectos desta axuda, a partir da data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Artigo 3º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de aboamento de cotas á Seguridade Social previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, corresponderalles aos respectivos xefes/as territorial da consellería en función do domicilio da persoa solicitante.

Artigo 4º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver, e presentaranse nos rexistros dos respectivos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes e os anexos deste programa de axudas están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar http://traballo.xunta.es.

2. A persoa beneficiaria do aboamento de cotas á Seguridade Social regulado nesta orde deberá presentar unha única solicitude por todas as mensualidades a que teña dereito no prazo de seis meses contado desde o último día do primeiro mes en que teña dereito ao aboamento.

3. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 16 de novembro. Cando o prazo de seis meses, establecido no número 2 anterior, finalice con posterioridade ao 16 de novembro, a solicitude poderá presentarse a partir do 1 de xaneiro do exercicio seguinte e ata o 31 de maio. Se as primeiras mensualidades polas que a persoa beneficiaria ten dereito ao aboamento son as correspondentes ao cuarto trimestre do ano, a solicitude poderá presentarse ata o 30 de xuño do ano seguinte.

Artigo 5º.-Documentación.

A solicitude deberá presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I desta orde e deberá ir acompañada do orixinal ou fotocopia compulsada dos seguintes documentos:

a) Copia do DNI ou NIF do/da solicitante.

b) Copia da resolución do director ou directora provincial do Servizo Público de Emprego Estatal pola que se aproba o aboamento da totalidade da prestación contributiva por desemprego nun único pagamento.

c) Boletín de cotización á Seguridade Social da primeira mensualidade pola que se solicita o aboamento e, se é o caso, boletíns de cotización correspondentes ás mensualidades xa aboadas no momento da presentación da solicitude.

d) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados (segundo o modelo do anexo III). Ou, de ser o caso, unha declaración de que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións, xustificándose este extremo mediante a declaración contida no anexo I desta orde.

e) Certificación da entidade financeira acreditativo de que a persoa solicitante é titular da conta corrente que indica (segundo o modelo do anexo II).

Artigo 6º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerarase que desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

Artigo 7º.-Resolución e recursos.

1. A concesión das axudas previstas nesta orde realizarase en réxime de concesión directa, en atención á existencia de razóns de interese público e social que dificultan as súa convocatoria pública, e de conformidade ao previsto no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional.

2. Os procedementos de concesión das axudas serán tramitados polos servizos de relacións laborais dos departamentos territoriais competentes, e logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos, as resolucións serán ditadas polo/a xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar que corresponda, por delegación da persoa titular da consellería.

3. As resolucións que se diten neste procedemento serán notificadas ás persoas interesadas e deberán estar adecuadamente motivados.

Os/as interesados/as propostos/as como beneficiarios/as disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada a subvención.

4. O prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que subsista a obriga legal de ditar resolución expresa sobre a solicitude presentada.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. De acordo co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial as subvencións concedidas ao abeiro desta orde, con expresión do/a beneficiario/a, a contía e a súa finalidade.

7. A Consellería de Traballo e Benestar incluirá e fará públicos no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás subvencións recibidas ao abeiro desta orde, así como as sancións impostas, sen prexuízo do establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC como órgano responsable dos ficheiros -rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela). As persoas beneficiarias teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2º do artigo 15 da Lei 9/2007.

Artigo 8º.-Xustificación do pagamento e pagamentos parciais.

1. O pagamento da axuda quedará condicionado á presentación dos boletíns de cotización, a medida que a persoa beneficiaria vaia realizando o ingreso das súas cotas ao réxime da Seguridade Social correspondente e no prazo máximo de seis meses, contados desde a resolución de concesión ou desde o ingreso das cotas, de ser o caso .

2. Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que a persoa beneficiaria xustifique os libramentos anteriores ata unha porcentaxe non superior ao 80% da subvención concedida.

3. Se coa presentación dos boletíns de cotización quedase xustificada unha contía distinta da inicialmente concedida, emitirase a correspondente resolución revogatoria ou complementaria.

4. No momento da xustificación total e, en calquera caso, antes do último pagamento, deberá presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

5. Unha vez percibida a prestación, o traballador deberá iniciar no prazo máximo dun mes a actividade laboral para a que se lle concedera e darse de alta no correspondente réxime da Seguridade Social, ou ben acreditar que está en fase de iniciación, o que deberá xustificar no dito prazo ante o órgano concedente da subvención.

O incumprimento da obriga de xustificación da subvención ou a súa xustificación insuficiente comportará o seu reintegro nas condicións previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. Esta axuda será incompatible coa percepción trimestral do importe da prestación por desemprego de nivel contributivo, na súa modalidade de pagamento único, para subvencionar a cotización do traballador ou traballadora á Seguridade Social.

2. O importe das axudas reguladas nesta orde non poderá ser, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, de tal contía que supere o custo da cotización á Seguridade Social satisfeita pola persoa beneficiaria.

Artigo 10º.-Obrigas das persoas beneficiarias.

Son obrigas das persoas beneficiarias das axudas e subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, en especial as seguintes:

a) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

b) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 11º.-Modificación da resolución concesoria.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 12º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo a función de control das subvencións concedidas así como a avaliación e seguimento deste programa.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Traballo e Benestar, para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde, agás aquela, que, de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa estean en poder da Administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar nos/as xefes/as territoriais, no ámbito dos seus respectivos departamentos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos e para a resolución dos expedientes de reintegro.

Cuarta.-A concesión das axudas reguladas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

O aboamento de cotas á Seguridade Social regulado nesta orde financiarase, no exercicio 2009, con cargo aos créditos da aplicación orzamentaria 48.03.324A.480.3, código de proxecto 2009 01084, cun importe de 80.000 euros dos orzamentos xerais da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2009.

Nos exercicios futuros a concesión das axudas reguladas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación 48.03.324A.480.3, código de proxecto 2009 01084, polo importe de 80.000 euros para o ano 2010, e polo importe de 80.000 euros para o ano 2011, de conformidade co preceptuado no artigo 58.1º b), do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no acordo do Consello da Xunta de Galicia, adoptado na súa reunión do día 27 de agosto de 2009, estes importes poderán ser incrementados ou minorados en función das solicitudes que se presenten e das axudas que efectivamente se concedan. O referido incremento deberá proceder de xeracións, aplicacións ou incorporacións de crédito e deberá ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, sen que supoña a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Así mesmo, os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "21100D002P008.PDF"