DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 27 de outubro de 2009 Páx. 16.694

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 21 de outubro de 2009 pola que se declara, de xeito provisional, como espazo natural de interese local Xunqueira de Alba, no concello de Pontevedra (Pontevedra).

O Concello de Pontevedra propuxo á Consellería do Medio Rural a declaración como espazo natural de interese local (en diante ENIL) do lugar denominado Xunqueira de Alba, no termo municipal de Pontevedra (Pontevedra). O concello xuntoulle á súa solicitude unha memoria e o acordo do concello: a memoria cumpre e axústase ao establecido no artigo 3.3º do Decreto 124/2005, do 6 de maio, e o acordo do concello do 26-12-2008 contén o compromiso formal de poñer en práctica as medidas de conservación e elaborar o plan de conservación.

Na tramitación do expediente observáronse as normas establecidas no artigo 17 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE número 258, do 27 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE número 16, do 19 de xaneiro, e BOE número 30, do 4 de febreiro), LRXPAC e o Decreto 124/2005, do 6 de maio, que regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espacio privado de interese natural,

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, recoñece o ENIL como unha das categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 17 desta lei establece que por petición do concello e logo de informe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Consellería do Medio Rural poderá declarar como ENIL aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas seus singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A declaración dun ENIL é competencia da Consellería do Medio Rural mentres que a responsabilidade e competencia da súa xestión será municipal. Así mesmo, a declaración dun ENIL non comporta a súa inclusión na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos.

A regulación dos espazos naturais de interese local recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural. O artigo 4 deste decreto recolle a posibilidade que ten a Consellería do Medio Rural de declarar, de xeito provisional, un ENIL por un prazo non superior a dous anos; dentro deste prazo os promotores deberán presentar, como requisito imprescindible para a declaración do ENIL, o plan de conservación deste espazo.

Na tramitación emitiron informes o Servizo de Conservación da Natureza en Pontevedra, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e a Demarcación de Costas de Pontevedra.

O 25 de marzo de 2009 someteuse a información pública, durante vinte (20) días hábiles, o proxecto de orde pola que se declara ENIL a zona denominada Xunqueira de Alba, e recibiu en tempo e forma as alegacións da Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Campañó (CMVMC).

Dos informes recibidos resulta que:

-O espazo é merecedor da protección dos seus valores naturais, conforme di o informe preceptivo do Servizo de Conservación da Natureza en Pontevedra.

-O informe preceptivo da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo é favorable á declaración.

-O informe favorable da Demarcación de Costas de Pontevedra do 18-3-2009: a) condiciona o apoio á solicitude a que, por tratarse do dominio público marítimo terrestre, respecte a de manialidade da zona á hora de xestionar o ENIL (deslindamento OM 20-8-1996). b) En relación cos gravames, informa que a concesión administrativa a favor da Deputación Provincial de Pontevedra non está vixente por renuncia expresa desa Administración provincial.

Conforme o Plan Xeral de Ordenación Urbana aprobado (adaptado polo Pleno da Corporación o 3-10-1989), «no momento en que as concesións rematasen, vincularase ese solo ao conxunto da marisma» (artigo 86). En consecuencia, incluíuse na proposta de ENIL a aludida zona de dominio público marítimo-terrestre anexa á canle.

As alegacións da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Campañó refírense á propiedade dos terreos do monte veciñan el man común (MVMC) e aos usos tradicionais que aínda manteñen. Acreditan a condición de MVMC mediante unha sentenza favorable do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (02/1361/1990) na cal se define como compatible o aproveitamento veciñal en man común deses terreos coa cualificación da zona marítimo-terrestre e outra do Tribunal Supremo (989/1994) desestimando o recurso do avogado do Estado.

Esta orde ten por obxecto declarar, de xeito provisional, o lugar de Xunqueira de Alba, no concello de Pontevedra, como ENIL, unha vez constatadas as singularidades que presenta e que o fan merecedor da protección dos seus valores naturais.

Polo exposto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Primeiro.-Proposta de declaración provisional.

Declárase provisionalmente e por un prazo máximo de dous anos, como espazo natural de interese local o espazo Xunqueira de Alba, no termo municipal de Pontevedra, por proposta do Concello de Pontevedra.

Segundo.-Plan de conservación.

Durante o prazo da declaración provisional de Xunqueira de Alba como ENIL e como requisito imprescindible para que se produza a súa declaración definitiva como espazo natural protexido, o Concello de Pontevedra deberá remitir á Consellería do Medio Rural o plan de conservación deste espazo.

No caso de que o Concello de Pontevedra non remita o plan de conservación do espazo natural de Xunqueira de Alba no prazo sinalado, terase por desistido da súa solicitude de declaración, e desde ese momento producirase a extinción dos efectos da declaración provisional como ENIL.

Terceiro.-Límites.

A extensión e límites do espazo natural de interese local de Xunqueira de Alba son os sinalados no anexo I desta orde.

Cuarto.-Réxime de protección preventiva.

A declaración provisional do ENIL de Xunqueira de Alba comportará a aplicación do réxime de protección preventiva recollido no artigo 25 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Os aproveitamentos e os usos dos bens e recursos incluídos dentro do ENIL de Xunqueira de Alba levaranse a cabo de maneira que resulten compatibles coa conservación dos valores que motivaron a súa declaración.

Quinto.-Xestión.

1. Será responsabilidade e competencia do Concello de Pontevedra a xestión do espazo natural Xunqueira de Alba.

2. O concello comprométese a consignar, con cargo aos orzamentos xerais municipais de cada ano, as cantidades necesarias para garantir a conservación do espazo e acometer as medidas de xestión necesarias.

Sexto.-Efectos.

1. A declaración provisional de Xunqueira de Alba como ENIL non comporta a súa inclusión na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos.

2. A declaración provisional de Xunqueira de Alba como ENIL non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

3. A zona obxecto desa declaración está situada en terreos clasificados como dominio público marítimo-terrestre conforme o deslindamento vixente (OM 20-8-1996). A declaración como ENIL non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais da Administración do Estado. Todo iso sen prexuízo dos aproveitamentos comunais en favor dos veciños de Campañó, respecto do monte veciñal en man común Xunqueira da Gándara ou do Vao, recoñecidos na sentenza do Tribunal Supremo (989/1994).

Sétimo.-Extinción.

1. Mediante orde do conselleiro do Medio Rural poderase poñer fin para os efectos da declaración provisional de Xunqueira de Alba como ENIL se desaparecesen as causas que motivaron a protección deste espazo e non fosen susceptibles de recuperación ou restauración.

2. Tamén se producirá a extinción dos efectos da declaración provisional de Xunqueira de Alba como ENIL no suposto recollido no punto segundo desta orde.

Oitavo.-Recurso.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artículos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou interpor directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contado desde a súa publicación, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "21000D002P006.PDF"