DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 27 de outubro de 2009 Páx. 16.694

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 397/2009, do 15 de outubro, polo que o Concello de Camariñas declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de recuperación do tránsito peonil entre o porto de Camariñas e o paseo de Área da Vila, primeira fase.

O Concello de Camariñas en sesión que tivo lugar o día seis de novembro de dous mil oito, aprobou o proxecto de recuperación do tránsito peonil entre o porto de Camariñas e o paseo de Área da Vila, 1ª fase e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na comisión de secretarios xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan os informes da policía local de Camariñas e do técnico municipal, o único acceso que teñen os viandantes do paseo marítimo ao paseo portuario é un lateral da estrada autonómica AC 432, principal vía de comunicación, que soporta unha alta intensidade de tráfico rodado e carece de beiravías e beirarrúas co conseguinte perigo para os peóns coincidindo, así mesmo, nun dos seus tramos cun trazado curvo que limita a visibilidade e implica probables atropelos.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de outubro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, o Concello de Camariñas declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de recuperación do tránsito peonil entre o porto de Camariñas e o paseo de Área da Vila, 1ª fase, debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, quince de outubro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza