DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Mércores, 21 de outubro de 2009 Páx. 16.431

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 394/2009, do 8 de outubro, polo que se modifica o Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, polo que se crea a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica.

A Comisión de Coodinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica creouse polo Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, como un órgano de coordinación técnica dos departamentos, organismos e entes da Administración autonómica galega nas súas actuacións en materia de sistema de información xeográfica e cartográfica, adscrito inicialmente á Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública. O Decreto 188/2003, do 27 de febreiro, modificou a súa adscrición deSde a dita consellería á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

A necesidade de contar cun departamento que poida desenvolver e dar soporte técnico en materia de cartografía e sistemas de información xeográfica á devandita comisión e a obriga de coordinar e pór en marcha a infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG), en que están incluídas as deputacións provinciais e os concellos, implica a adaptación da composición da comisión para dar cabida a estas institucións e a utilización do Sistema de Información Territorial de Galicia (SITGA), como soporte técnico para o desenvolvemento das funcións que están asignadas á comisión.

En virtude do exposto, en exercicio das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de outubro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, polo que se crea a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica, nos termos que se indican a seguir.

1. Dáselle nova redacción ao artigo 2. «Adscrición», do Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, coa seguinte redacción:

«Artigo 2º.-Adscrición.

A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica estará adscrita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe».

2. O artigo 4 do Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 4º.-Composición.

A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica estará composta polos seguintes membros:

1. Presidente/a: a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

2. Vicepresidente/a: o/a conselleiro do Medio Rural.

3. Vogais:

a) Unha persoa representante por consellería con categoría de secretario/a xeral ou director/a xeral designada polo/a conselleiro/a correspondente.

b) O/a director/a do Instituto Galego de Estatística da Consellería de Facenda.

c) O/a director/a do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) da Consellería de Facenda.

d) O/a secretario/a da Comisión de Delimitación Territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

e) O/a secretario/a da Comisión de Toponimia.

f) Un/unha representante de cada unha das catro deputacións provinciais.

g) Un/unha representante da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

h) O/a director/a xeral de Sostibilidade e Paisaxe.

i) Un/unha representante do Fondo Galego de Garantía Agraria.

4. As consellerías e demais organismos ou entidades anteriormente mencionadas deberán, así mesmo, designar, ademais do/da vogal titular, un/unha vogal suplente da mesma categoría.

5. A composición da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica tenderá a acadar unha participación equilibrada de mulleres e homes».

3. O parágrafo 1 do artigo 6. «Secretaría da Comisión», do Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, queda redactado como segue:

«1. A secretaría da comisión será desempeñada por un/unha representante do Sistema de Información Territorial de Galicia (Sitga), designado/a polo/a presidente/a da comisión ou persoa en que delegue».

4. Incorporase un novo artigo, relativo ao apoio técnico da comisión, coa seguinte redacción:

«Artigo 12º.-Apoio técnico.

O soporte técnico para o desenvolvemento das funcións da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica será prestado polo Sistema de Información Territorial de Galicia (Sitga), dedicado á recompilación e tratamento de información do territorio galego, así como á produción cartográfica, sen prexuízo do que poida corresponder a outros servizos da Xunta de Galicia en función do seu carácter temático en relación coas competencias que lle son propias».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ou persoa en quen delegue, para ditar cantas normas complementarias fosen precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de outubro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas