DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 19 de outubro de 2009 Páx. 16.334

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2009 pola que se convocan as Xornadas sobre Administración cidadá: interese histórico e a súa proxección no dereito actual.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2009, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse as Xornadas sobre Administración cidadá: interese histórico e a súa proxección no dereito actual, conforme as seguintes bases

Primeira.-Obxectivos.

Estas xornadas queren mostrar como a Administración está presente na vida cidadá desde a antiga Roma ata hoxe en día. Non se trata soamente de realizar un itinerario histórico pola devandita Administración, polo que faremos un percorrido xurídico desde os tempos de Roma ata a súa proxección no dereito moderno. Poñendo en relación a experiencia xurídica romana co dereito público actual, veremos como moitos conceptos fundamentais do dereito público medieval e moderno teñen a súa orixe en formas institucionais e principios da experiencia romana; non obstante, aínda que no dereito público actual encontramos termos, conceptos, formas que poden parecer iguais ou similares a aquelas da experiencia romana, non se debe esquecer que teñen inevitablemente asumido un valor distinto no singular contexto histórico que as xerou. Mostraremos como o oficio de avogado se encontra entre o cidadán e a Administración pública, e falaremos da carreira administrativa na antiga Roma, nun intento de mostrar

as similitudes e diferenzas coa agora vixente. O dereito fiscal, cos seus instrumentos de política financeira, tamén estará presente, así como o modelo romano de cidade e a comparación co urbanismo actual. Co firme propósito de mostrar como incidía na cidadanía a Administración romana, presentamos estas xornadas, con afán divulgativo, dos comezos xurídicos dunha Administración que se converterá, co paso do tempo, no eixe da vida cidadá.

Segunda.-Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

-A experiencia xurídica romana e o dereito público moderno.

-Dereito fiscal: instrumentos de política financeira e principios de xustiza tributaria.

-O problema da terra e a súa influencia na Constitución de Roma.

-Fundamentos clásicos da democracia moderna.

-A reforma constitucional romana propugnada polos irmáns Graco.

-A Administración territorial da Galicia romana.

-Oficio de avogado: entre o cidadán e a Administración pública.

-A planificación do solo no urbanismo romano e o modelo actual da cidade.

-A carreira administrativa na antiga Roma.

Terceira.-Destinatarios.

Persoal ao servizo da Administración pública galega e interesados en xeral.

Cuarta.-Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP); rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 28, 29 e 30 outubro de 2009.

Duración: 13 horas lectivas.

Horario:

-Días 28 e 29 de outubro: de mañá e tarde.

-Día 30 de outubro: de mañá.

Quinta.-Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

Sexta.-Solicitudes.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas; rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no rexistro xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es.

-Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedaren prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41-881 99 70 14.

Séptima.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o luns 26 de outubro de 2009.

Oitava.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Novena.-Certificado de asistencia.

Entregaráselles un certificado de asistencia, ao final das xornadas, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa a natureza da actividade e a data de realización.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2009.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "20400D011P039.PDF"