DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 19 de outubro de 2009 Páx. 16.311

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 9 de outubro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de axudas aos armadores ou propietarios de buques con porto base en Galicia que pescan na costeira do bocarte pola paralización da súa actividade.

A Orde APA/2150/2007, do 13 de xuño, estableceu un plan de xestión para a pesqueira do bocarte no Golfo de Biscaia, co obxectivo de regular o esforzo nesa pesqueira. A redución deste esforzo continuou no ano 2008 coa publicación da Orde ARM/1905/2008, do 25 de xuño, que determinou a paralización temporal da actividade pesqueira (BOE número 158, do 1 de xullo).

Asemade, a Orde ARM/2120/2009, do 30 de xullo (BOE número 187, do 4 de agosto) determinou a paralización temporal da actividade pesqueira logo de cumprir co trámite de comunicación á Comisión Europea, en aplicación do artigo 46 do Regulamento (CE) número 850/1998, do Consello, do 30 de marzo de 1998, dada a situación actual do recurso no Golfo de Biscaia.

Por outra banda, o artigo 24 do Regulamento (CE) número 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, prevé, o establecemento de axudas para manter os medios de produción das empresas pesqueiras afectadas por medidas excepcionais de cesamento da actividade para conservación dos recursos e que non necesitan unha redución definitiva da capacidade.

En consecuencia, mediante esta orde establécense as bases e a convocatoria para a concesión de axudas aos armadores ou propietarios afectados pola paralización da súa actividade pesqueira, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Pesca.

De acordo co previsto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que os potenciais beneficiarios están determinados en relación cun período subvencionable pechado e un censo definido, non resulta necesario fixar unha orde de prelación das solicitudes.

En atención á especificidade da medida e, en particular, á présa para que sexa efectiva e cumpra o obxectivo de paliar a situación conxuntural de suspensión da actividade pesqueira, nesta disposición recóllense conxuntamente as bases e a convocatoria das indemnizacións, ao abeiro do previsto no artigo 20.2º a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso da competencia que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado,

Dispoño:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Mediante esta orde establécense as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de axudas a armadores ou propietarios de buques con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da paralización temporal da frota que pesca bocarte.

2. Estas indemnizacións outorgaranse polas paradas realizadas durante o período abranguido entre o 24 de abril e o 30 de outubro de 2009, ambos inclusive, período que poderá ser prorrogado á vista da evolución da pesqueira, e ampliar, en consecuencia, o período de aplicación das axudas.

3. O período máximo de paralización será, en todo caso, de 40 (corenta) días, e dentro das datas establecidas no número 2 deste artigo.

Artigo 2º.-Financiamento.

1. O financiamento das axudas efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 50.02.723A.770.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, ata unha contía máxima de 825.000 (oitocentos vinte e cinco mil) euros, que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Pesca nun 61% (sesenta e un) por cento. Este crédito poderá ser ampliado sen que isto dea orixe á apertura dun novo período de presentación de solicitudes.

2. Tanto a concesión da axuda como o seu pagamento quedan supeditados á existencia de crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria correspondente dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas pola paralización temporal desta actividade os armadores ou propietarios de buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia que estean autorizados pola Secretaría Xeral do Mar do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, para a pesca ao cerco nas zonas CIEM VII e VIII a, b, d (augas comunitarias) e VIII c (augas comunitarias non españolas), o que verificará a Dirección Xeral de Recursos Pesqueiros, no período comprendido entre o 1 de abril e o 30 de xuño de 2009, ambos os dous días incluídos.

Artigo 4º.-Requisitos.

1. Os beneficiarios comprendidos no precedente artigo 3º deberán cumprir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Pertencer á terceira lista do Rexistro de Buques e Empresas Navieiras, o que se acreditará do xeito expresado no artigo 9º.1.4º.

b) Estar inscritos no Censo da Frota Pesqueira Operativa e no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Pertencer á modalidade de cerco no caladoiro Cantábrico Noroeste.

d) Que cesen na súa actividade durante o período abranguido entre o 24 de abril e o 30 de outubro de 2009, ambos os dous días incluídos.

e) Que desenvolvesen actividade con arte ao cerco no ano 2007 ou no ano 2008.

f) Os solicitantes da axuda deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Se durante o período abranguido entre o 24 de abril e o 30 de outubro de 2009 un buque fose substituído por outro, o buque substituto participará de todos os dereitos que pertencesen ao anterior para os efectos do cobramento da axuda pola parada temporal.

4. Durante o período de paralización, a inactividade pesqueira debe ser total e o buque debe permanecer amarrado ao porto, sen que sexa necesario que ese porto coincida co seu porto base.

Artigo 5º.-Contía da axuda.

1. A contía das axudas determinarase en función do número de días que efectivamente parasen os buques, que en ningún caso poderá ser superior ao período máximo de 40 (corenta) días indicado no artigo 1º.

2. O importe máximo por día de axuda será o que figura no programa operativo do FEP, aprobado pola Comisión Europea mediante Decisión C (2007) 6615, do 13 de decembro de 2007, e que consta no anexo II desta orde.

Artigo 6º.-Duración das axudas.

1. As axudas outorgaranse por un período máximo de 40 (corenta) días de paralización temporal, durante o período abranguido entre o 24 de abril e o 30 de outubro de 2009, ambos os dous inclusive. Se este período de paralización, determinado na Orde ARM/2120/2009, do 30 de xullo, fose prorrogado, de acordo co previsto no seu artigo 3.2º, as axudas poderían estenderse aos días correspondentes á dita prórroga.

As paradas subvencionables poderán realizarse ata en 3 períodos e non poderá ser ningún deles inferior a 10 días.

2. O período de parada computarase, desde o día de entrega do rol do buque en porto, ata o día da súa saída efectiva. Deberá, polo tanto, quedar acreditado tanto o día do inicio como o do remate da parada.

3. Non serán computables para os efectos de paralización, os días de tránsito desde o caladoiro a porto.

Artigo 7º.-Incompatibilidades.

As axudas concedidas aos armadores ou propietarios son incompatibles co exercicio da actividade profesional noutras modalidades de pesca durante o período da parada, así como coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais. Para estes efectos, o solicitante ou solicitantes deberá/n encher e asinar a declaración xurada contida no anexo III desta orde.

Artigo 8º.-Prazo e lugar de presentación das solicitudes.

1. Establécese un prazo de presentación de solicitudes, que será dun mes, que se contará:

a) Desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia para os buques que parasen e rematasen a súa parada en períodos anteriores á súa publicación.

b) Desde o remate de cada unha das paradas, para os buques que parasen con posterioridade á publicación desta orde.

Entenderase como derradeiro día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

2. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido, das cales se resolverá a súa inadmisión, que lles deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As solicitudes de axudas reguladas nesta orde poderán presentarse:

a) Preferentemente no rexistro da entidade colaboradora indicada no artigo 10º desta orde.

b) No Rexistro Único e de Información do complexo administrativo de San Caetano, ou en calquera das oficinas ás que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Os órganos de representación das confrarías de pescadores poderán actuar como representantes do interesado para a presentación da solicitude nos termos que establece o artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán formularse conforme o modelo que figura no anexo I a esta orde, por duplicado, xunto coa seguinte documentación: (para estes efectos, o solicitante deberá encher e asinar tamén o anexo IV desta orde).

1º Respecto da acreditación da personalidade.

a) Se o propietario ou armador do buque é unha persoa física:

-Copia cotexada do seu DNI, no suposto de non autorizar a súa consulta á Consellería do Mar. Se non cobre o cadro contido no anexo I desta orde, entenderase feita a citada autorización.

b) Se o propietario ou armador do buque é unha persoa xurídica:

-Copia cotexada da tarxeta de identificación fiscal (CIF).

-Copia cotexada do DNI do representante.

-Certificación rexistral actualizada en que figure a constitución da sociedade e os estatutos vixentes.

-Poder suficiente do representante no caso de que tal poder non figure na certificación rexistral da epígrafe anterior.

c) Se o propietario ou armador do buque é unha pluralidade de persoas sen personalidade xurídica:

-A solicitude normalizada conterá a designación dun representante e será subscrita, xunto con todos os seus anexos, por todos os propietarios/armadores do buque.

-Copia cotexada do DNI de todos e cada un dos propietarios/armadores da embarcación.

2º Certificación bancaria para os efectos de realizar, de ser o caso, a transferencia da axuda aprobada, onde conste: o número de conta cuxo titular sexa o solicitante ou ben o número de conta cuxos titulares sexan todos os solicitantes, no caso de pluralidade de persoas, debendo constar neste suposto, de ser o caso e tamén como titular, a propia pluralidade de persoas sen personalidade xurídica.

3º Certificación -o certificacións, no caso de ser varios solicitantes- que acredite/n estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten ou teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. No suposto de que o solicitante fose unha pluralidade de persoas sen personalidade xurídica, cada un dos seus integrantes deberá achegar as súas respectivas certificacións.

Non será precisa a achega destes certificados se o/s solicitante/s manifesta/n expresamente o seu consentimento, coa súa/s sinatura/s, conforme a autorización contida no modelo que figura no anexo I, para que órgano xestor obteña estes datos.

4º Folla de asento de inscrición marítima certificada e actualizada do buque.

5º Certificación rexistral actualizada da propiedade do buque ou acreditación da condición de armador da embarcación (cesión de explotación do buque).

6º Certificado de arqueo actualizado en tonelaxe de arqueo bruto (GT), expedido pola Dirección Xeral da Mariña Mercante do Ministerio de Fomento.

7º Xustificación de que o rol do buque foi depositado, facendo constar a data e o organismo ou dependencia en que se depositou, así como o período total de inmobilización. Este documento deberá ser emitido pola Capitanía Marítima correspondente. Os días de parada anteriores á entrada en vigor desta orde, en ausencia do certificado de Capitanía Marítima a que se refire o parágrafo precedente, poderán ser xustificados mediante certificación expedida de oficio pola Dirección Xeral de Recursos Pesqueiros da Secretaría Xeral do Mar, unha vez comprobados os datos a través do sistema de localización de pesqueiras vía satélite español ou outros medios pertinentes.

2. Os que comparezan ou asinen as solicitudes de subvención en nome doutro/s presentarán a acreditación da dita representación. A persoa con poder suficiente para os efectos de representación deberá achegar copia cotexada do seu DNI.

3. No suposto de realizar a parada en máis dun período, nas solicitudes correspondentes ao segundo e terceiro período, unicamente será necesario achegar xunto coa solicitude o xustificante de acreditación da Capitanía Marítima do período de inmobilización a que fai referencia o número 1.7º deste artigo, sempre que non houbese ningún cambio en relación cos documentos xa achegados coa primeira solicitude de axuda.

Artigo 10º.-Entidades colaboradoras.

1. A Federación Galega de Confrarías de Pescadores actuará como entidade colaboradora na xestión das axudas, de acordo co disposto nos artigos 9, 10, 12 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que cumpra cos requisitos establecidos polos preceptos aludidos.

2. A Consellería do Mar e a precitada entidade subscribirán un convenio de colaboración en que se establecerán as condicións e obrigas asumidas por estas na xestión das axudas reguladas nesta orde. O contido mínimo do convenio será o que se establece no artigo 13 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. Os requisitos para obter a condición de entidade colaboradora serán os establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. De acordo co previsto no artigo 13 m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no convenio en que se formalice a colaboración poderase fixar unha compensación económica a favor da entidade colaboradora pola dita colaboración.

Artigo 11º.-Tramitación e emenda de solicitudes.

1. A entidade colaboradora comprobará e acreditará o cumprimento das condicións e requisitos determinantes para a concesión da subvención.

2. Se a documentación presentada fose incompleta ou tivese erros emendables, a entidade colaboradora requirirá os solicitantes para que no prazo de 10 días hábiles, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixesen, se considerará que desisten na súa solicitude, de acordo co devandito artigo e logo da resolución que se ditará nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

3. Unha vez realizada a anterior comprobación, remitiralle á Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica unha certificación en que constará a relación dos beneficiarios que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde.

Estes datos serán remitidos pola entidade colaboradora nun ficheiro informático que conterá para cada beneficiario o nome do solicitante, NIF, código do buque, nome do buque e matrícula e folio, o importe proposto da subvención e a conta bancaria. Tamén se emitirá certificación relativa aos solicitantes que non reúnan os requisitos necesarios para ser beneficiario, indicando a causa.

4. Igualmente, neste momento e para os efectos de axilizar o trámite de análise e resolución da liña de axudas, concederáselles un prazo de 10 días naturais aos interesados que reúnan os requisitos que derivan desta orde para que acepten a axuda, transcorrido o cal sen producirse manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada.

Artigo 12º.-Orde de prelación das solicitudes.

De acordo co previsto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será preciso fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas, tendo en conta a contía do crédito con cargo ao cal se financiarán estas axudas e o número máximo posible de solicitudes.

Artigo 13º.-Resolución e notificación.

1. Á vista dos datos facilitados pola entidade colaboradora, o director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, por delegación da conselleira do Mar, en virtude do previsto no artigo 7.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ditará a correspondente resolución no prazo máximo de 4 (catro) meses desde a publicación desta orde de axudas.

2. Se transcorrido o devandito prazo non se ditase e notificase a resolución, os interesados poderán entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 14º.-Recursos.

A resolución de adxudicación da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, no caso de ser expresa, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo; ou ben recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses se a resolución fose expresa e contados desde o día seguinte ao da súa recepción, ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, nos casos de resolución presunta.

Artigo 15º.-Pagamento.

A resolución de pagamento poderá acordarse no mesmo acto administrativo que o da concesión da axuda, ao non se necesitar ningún feito causante diferente ao da súa concesión.

Artigo 16º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das axudas que regula esta orde:

1. Cumprir e xustificar os requisitos e condicións que determinan a concesión da subvención.

2. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería do Mar, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

3. Comunicar calquera circunstancia que afecte aos requisitos e condicións polos cales se conceda a axuda.

Artigo 17º.-Incumprimento e reintegro das axudas.

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18º.-Infraccións e sancións.

Sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases e ás entidades colaboradoras, de ser o caso, seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19º.-Autorizacións do beneficiario.

1. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para incluír e facer públicos nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións os datos relevantes referidos ás axudas recibidas, así como ás sancións impostas consonte o regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. De acordo co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlles requiridos ao interesado.

Artigo 20º.-Información e publicidade.

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. De conformidade co establecido no artigo 13, número 4, da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Así mesmo, os beneficiarios deberán cumprir co establecido no artigo 32 do Regulamento (CE) número 498/2007 da Comisión, do 26 de marzo, que establece as disposicións sobre información e publicidade en relación co financiamento do Fondo Europeo da Pesca que debe observar o beneficiario destas axudas, de ser o caso.

Disposicións adicionais

Primeira.-Normativa aplicable.

En todo o non previsto nesta orde serán de aplicación o Regulamento CE 2371/2002, Regulamento CE 865/2007, a Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Desenvolvemento e execución.

Facúltase o director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2009.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar

Ver referencia pdf "20400D008P015.PDF"