DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 19 de outubro de 2009 Páx. 16.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 5 de outubro de 2009, da Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación María Antonia de Velasco González.

Examinado o expediente de recoñecemento e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación María Antonia de Velasco González, dítase esta resolución baseada nos feitos e antecedentes de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos:

1. Modesta Rodríguez Martín, en representación da fundación, mediante solicitude do 27 de xuño de 2008, formulou solicitude de clasificación e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación María Antonia de Velasco González foi constituída en escritura pública outorgada en Madrid o vinte e tres de xuño de dous mil oito, ante o notario José Luis Martines-Gil Vich, co número de protocolo mil novecentos vinte e cinco, por Manuel Murillo Carrasco e Modesta Rodríguez Martín, actuando como testamenteiros de María Antonia de Velasco González, en cumprimento da súa vontade testamentaria.

A anterior escritura foi emendada por outra posterior do 15 de xullo de 2008, ante o notario de Madrid José Ángel Martínez Sanchiz.

3. A Fundación María Antonia de Velasco ten por obxecto, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, o coidado dos animais e a defensa da natureza e, en concreto, asumir o labor de coidado de animais abandonados, labor que realizaba en vida a fundadora María Antonia de Velasco González.

4. Na constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade dos fundadores; a súa capacidade para constituíla e a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación constan os extremos relativos á súa denominación e natureza (artigo 1); o seu enderezo Abegondo (A Coruña), parroquia de Limiñón, lugar de Rombo (artigo 5); o seu obxecto e finalidade (artigo 6); as regras para aplicación das rendas ao obxecto fundacional e para a determinación dos beneficiarios (artigos 9 e 10); e a designación do padroado como órgano de goberno, representación e administración dela, con indicación do seu réxime de funcionamento (artigos 11 a 28).

6. Os membros do Padroado da fundación que aceptaron o seu cargo son Manuel Murillo Carrasco, Modesta Rodríguez Martín, María Ángeles Carretero Lodeiro, María Isabel Mateo Sevilla, Elena Murillo Cruz e Cipriano García Rodríguez.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, proposta de clasificación como de interese ambiental da Fundación María Antonia de Velasco González, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 47 da citada lei e o artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais, procedendo á súa clasificación como de interese ambiental.

8. Á vista da citada proposta da comisión de secretarios xerais, por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 17 de setembro de 2008 (Diario Oficial de Galicia do 30 de setembro) clasificouse como de interese ambiental a Fundación María Antonia de Velasco González, e adscribiuse á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para os efectos do exercicio do protectorado sobre ela.

9. Por Resolución do 21 de novembro de 2008, da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, rexeitouse a declaración de interese galego da Fundación María Antonia de Velasco González e acordouse a denegación da súa inscrición na sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego desa consellería. A dita resolución foi obxecto de recurso de reposición polo Padroado da fundación.

10. En virtude da Orde do 26 de maio de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, modifícase a adscrición da Fundación María Antonia de Velasco González, pasando a exercer o seu protectorado a Consellería do Medio Rural.

11. Con data do 18 de setembro de 2009, o secretario xeral da Consellería do Medio Rural, por delegación do conselleiro, estimou o recurso de resposición interposto contra a denegación da inscrición da antedita fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia, establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 7.2º do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, correspóndelle a esta Consellería do Medio Rural a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación María Antonia de Velasco González, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demáis que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro.-Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións e interese galego e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e o Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, deben entenderse substancialmente cumpridos os requisitos establecidos pola declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Medio Rural, da Fundación María Antonia de Velasco González, polo que, por todo isto:

RESOLVO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación María Antonia de Velasco González.

Segundo.-Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Medio Rural.

Terceiro.-Que a dita fundación, expresamente sometida á Lei 12/2006, do 1 de decembro, e os decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e o Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e demais normativa de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestacións dos seus servizos e de solictar as preceptivas autorizacións, quede suxeita ao protectorado da Xunta de Galicia, que será exercido por esta consellería.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2009.

Jorge Atán Castro

Secretario xeral da Consellería do Medio Rural