DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 19 de outubro de 2009 Páx. 16.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 14 de outubro de 2009 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 6 de agosto de 2009 pola que se regulan e se convocan as subvencións de apoio á viabilidade das explotacións leiteiras galegas.

Pola Orde do 6 de agosto de 2009 reguláronse e convocáronse subvencións de apoio á viabilidade das explotacións leiteiras galegas (Diario Oficial de Galicia nº 156, do 11 de agosto de 2009).

No artigo 15 da orde, relativo ao financiamento destas axudas, detállase a aplicación orzamentaria o importe económico previsto para elas, e que a dita cantidade pode ser incrementada con fondos adicionais procedentes desta ou doutras administracións.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e facendo uso das facultades que me confire o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Primeiro.-Amplíase a dotación orzamentaria que se recolle na orde desta consellería do 6 de agosto de 2009 (Diario Oficial de Galicia nº 156, do 11 de agosto) pola que se regulan e convocan as subvencións de apoio á viabilidade das explotacións leiteiras galegas, nun total de oitocentos trinta e un mil cento trinta e catro euros con cincuenta e catro céntimos (831.134,54 euros), na aplicación orzamentaria 49.02.712B.772.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria

Única.-A ampliación orzamentaria prevista no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 6 de agosto de 2009.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural