DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 19 de outubro de 2009 Páx. 16.305

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 22 de setembro de 2009 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Narón (A Coruña) para modificación e ampliación da vía entre Xuvia e Castro (DP-54041).

O Concello de Narón remite a modificación puntual referida para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

I. Antecedentes.

1. O Concello de Narón dispón na actualidade dun Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente polo Concello o 22-4-2002 ao abeiro da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible decidiu, o 15-6-2007, non someter a proposta ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. A Dirección Xeral de Urbanismo emitiu o 13-3-2006 e o 16-3-2007 informes previos á aprobación inicial do proxecto conforme o artigo 85.1º da LOUG, con diversas observacións aos proxectos presentados.

4. A modificación proposta foi aprobada inicialmente polo Concello en pleno do 26-6-2008 e foi sometida a información pública polo prazo de dous meses. Foron presentadas dúas alegacións, segundo o certificado incluído para os efectos no expediente.

5. No expediente figuran, entre outros, os informes sectoriais seguintes:

-Xunta de Goberno da Deputación Provincial da Coruña, do 9-10-2008, favorable.

-Dirección Xeral de Obras Públicas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, do 19-2-2008 e 1-9-2008, favorables con indicacións para o desenvolvemento posterior.

-Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia, do 5-12-2008, con amplas indicacións sobre a modificación e o seu desenvolvemento.

-Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte do 30-7-2008, favorable.

-Subdirección Xeral de Planificación Enerxética do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo do 30-1-2007, con observacións que non afectan o ámbito da modificación proposta.

-Xerencia de Xestión do Patrimonio de FEVE, do 5-8-2008, favorable.

6. No expediente figura informe dos servizos técnicos xurídicos municipais (artigo 85.4º da Lei 9/2002) con data do 13-4-2009, favorable á aprobación provisional.

7. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno municipal do 30-4-2009.

8. Mediante escrito que tivo entrada no rexistro da Xunta de Galicia con data do 23-6-2009, o Concello completou o expediente administrativo da modificación puntual para os efectos de instar a súa aprobación definitiva.

II. Consideracións e fundamentación.

II.1. Con data do 21-9-2009, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo elevou un informe-proposta de resolución, en que se sinala o seguinte:

1. Ámbito e obxecto da modificación.

A modificación puntual ten por obxecto a adaptación do plan xeral á mellora do trazado e sección da estrada provincial D-54041, de 2,48 km de lonxitude que arranca na estrada autonómica AC-862 (estrada de Castela) e finaliza no núcleo rural de Sequeiro.

Con tal obxecto, propóñense as seguintes actuacións:

a) Delimitación do ámbito afectado pola nova configuración da estrada, trazando unha variante que evita o núcleo de Forxas, ampliando o seu largo e rectificando o seu trazado en toda a súa lonxitude, grafando detalladamente as aliñacións resultantes.

b) Outorgamento á vía así definida da categoría de sistema xeral viario e fixación da franxa de solo rústico de protección de infraestruturas procedente fóra do solo urbano e de núcleo rural.

c) Así mesmo, modificación da delimitación da área de cautela do Castro de Sequeiro e identificación dun novo elemento para catalogar, a mámoa de Sequeiro, consonte os informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. Razóns de interese público.

As razóns invocadas no proxecto, dirixidas a ampliar e mellorar a rede viaria para o desconxestionamento do tráfico e a maior seguranza viaria, son conceptuables como razóns de interese público para os efectos do artigo 94.1º da LOUG.

3. Análise.

3.1. Tramo de estrada afectado como sistema xeral.

O plano a escala 1/10.000 modificado de estrutura xeral e orgánica do territorio (plano O-01 da modificación) sinala como sistema xeral viario a totalidade da estrada DP-54041. Non obstante, o resto da documentación (planos a escala 1/5000 e 1/2000) só prevén o tratamento do tramo entre a AC-862 e o núcleo de Sequeiro, deixando fóra o tramo comprendido entre o núcleo de Sequeiro e a estrada AC-566 que, segundo a cartografía e a fotografía aérea anexas a este informe e obtidas do SIXPAC, está executado cun trazado distinto ao sinalado no plano O-01 da modificación.

En consecuencia, cómpre corrixir o plano O-01 e demais documentación do proxecto para recoller o trazado executado entre o núcleo de Sequeiros e a estrada AC-566, polo que segue:

a) A categorización da vía como sistema xeral debe afectar a toda a súa lonxitude entre as estradas AC-862 e AC-566, ao constituír unha unidade funcional, como ben resulta do punto 2.2.1 da memoria do proxecto.

b) O planeamento resultante debe adaptarse á estrada proxectada e executada, tal como sinala o artigo 15.3º da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, que preceptúa que a aprobación definitiva do estudo informativo ou proxecto de trazado dunha nova estrada ou variante de poboación comportará a modificación ou revisión do planeamento urbanístico existente, que deberá acomodarse ás determinacións do estudo no prazo dun ano desde a devandita aprobación.

3.2. Tratamento gráfico da modificación.

a) Seis dos planos de ordenación de proxecto substitúen ás follas correspondentes dos planos do plan xeral. Non obstante, os grafismos empregados nestes planos finais son diferentes aos do plan xeral, carecen do gráfico de distribución de follas e non indican a numeración do plano substituído. Así mesmo, obsérvase algunha diferenza entre os planos do vixente plan xeral e os modificados non derivada das modificacións descritas no proxecto, como é o caso do plano O-01 (plano O-2 folla 2 do plan xeral) en canto á disposición e largo das franxas de afección das redes viarias, que non coinciden.

En consecuencia, cómpre debuxar as modificacións sobre a mesma base gráfica dos planos substituídos, sen modificar grafismos e lendas.

b) Nos novos planos de ordenación a escala 1/5000, nas zonas non representadas a escala 1/2000, cómpre clarexar o grafado que se fai do límite do sistema xeral e da liña de edificación, dado que os grafismos empregados no plano non se corresponden de xeito exacto cos sinalados na lenda del.

3.3. Incidencia sobre o plan parcial do sector R-1 Santa Rita.

O novo trazado do sistema xeral que se propón afecta ao ámbito do sector R-1 Santa Rita, que conta cun plan parcial aprobado definitivamente o 31-3-2006. En concreto, supón a redución da zona Z-2, que no demais mantén a súa superficie edificable e demais parámetros da ordenación.

O proxecto de modificación inclúe no seu anexo V unha documentación da súa incidencia sobre o plan parcial. Nel recóllense os cinco planos de ordenación detallada do plan parcial coas modificacións pertinentes, así como a redución dunha praza de aparcadoiro, mais non se inclúe unha memoria xustificativa da súa repercusión no que afecta a niveis de intensidade e dotacións públicas, e tampouco os documentos escritos de carácter normativo adaptados a esta modificación.

Á vista disto, e tendo en conta o sinalado no artigo 57.2º da LOUG, que permite aos plans xerais ordenar detalladamente o solo urbanizable delimitado, cómpre incluír, ademais dos planos, a documentación normativa modificada propia dun plan parcial, sen prexuízo de que quede incluída no proxecto presentado a cualificación como sistema xeral da estrada provincial dentro do ámbito do sector R-1 e establecida a ordenación detallada do sistema xeral que lexitima a súa execución.

3.4. Aspectos relativos á normativa.

a) Na nova ordenanza de solo rústico de protección de infraestruturas cómpre completar, dentro da epígrafe de usos autorizables pola comunidade autónoma, o relativo ás edificacións necesarias para o funcionamento das infraestruturas e servizos técnicos que superen os 50 metros cadrados edificados coa expresa mención de que se refire ás infraestruturas e servizos técnicos mencionados no artigo 33.2º f) da LOUG, dado que as referidas a outros usos calquera non serían autorizables en virtude desta.

b) A alínea 3.1.3 da normativa modificada, relativa ao réxime de autorizacións dos organismos titulares das estradas de sistema xeral debe ser modificado para adaptalo ao artigo 29.2º da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que atinxe ao carácter preceptivo da autorización do titular da estrada en toda a súa zona de influencia, incluíndo a zona de afección, e non só na zona de servidume, e 51 e seguintes do mesmo texto normativo, en canto á modificación do dito réxime xeral de autorizacións nos tramos de solo urbano.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Narón relativa á modificación e ampliación do viario entre Xuvia e Castro (DP-54041), no que atinxe aos seguintes aspectos:

a) Definición e trazado do sistema xeral viario comprendido entre a estrada autonómica AC-862 e o núcleo de Sequeiro, conforme os ámbitos grafados nos planos do proxecto, así como a zona de protección definida pola liña de edificación da devandita estrada, tal como é grafada nos planos.

b) Delimitación dos elementos protexidos castro e mámoa de Sequeiro e das súas zonas de protección.

c) Normativa urbanística, agás os puntos sinalados na alínea 3.4 anterior.

d) Determinacións da estratexia de actuación.

Segundo.-Deixar en suspenso a aprobación da restante documentación gráfica e escrita do proxecto, ata que o Concello introduza nela e naqueloutra documentación do planeamento en que resulte preciso para evitar contradicións, as modificacións necesarias para emendar as deficiencias observadas; logo dos trámites oportunos e tras a súa aprobación polo Concello, será remitida a esta consellería un documento corrixido para a súa aprobación definitiva.

Terceiro.-Notifíquese esta orde ao Concello.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán dende o día seguinte ao da súa notificación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas