DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 19 de outubro de 2009 Páx. 16.303

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 2009, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se amplía o prazo de presentación da documentación de xustificación establecido na Orde do 12 de marzo de 2009 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións a federacións deportivas galegas para promover competicións deportivas das diferentes seleccións absolutas no ano 2009, e se procede á súa convocatoria.

O día 24 de marzo de 2009 publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 57 a Orde do 12 de marzo de 2009 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións a federacións deportivas galegas para promover competicións deportivas das diferentes seleccións absolutas no ano 2009, e se procede á súa convocatoria.

O artigo 9.1º da antedita orde no seu punto primeiro establece que o prazo máximo e improrrogable para a presentación da citada xustificación e a presentación da solicitude de aboamento da axuda será o 15 de outubro de 2009.

Por causas sobrevidas, esencialmente debidas a reorganizacións administrativas internas e a atención ao desenvolvemento de múltiples actuacións en materia deportiva neste ano 2009, produciuse un significativo atraso na resolución dos expedientes de subvencións, de modo que o prazo establecido para a xustificación da realización das accións subvencionadas resulta de difícil cumprimento polos beneficiarios. Con base no exposto, considérase necesario para facer viable o proceso de xestión e garantir a maior eficacia posible da convocatoria de subvencións, e dado que non se causa prexuízo a terceiros, en aplicación do artigo 45 do Regulamento da Lei galega de subvencións (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro) proceder á ampliación do dito prazo.

O obxecto da convocatoria de subvencións é tanto a participación como a organización en Galicia de competicións deportivas de carácter oficial ou amigable para as seleccións absolutas galegas que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2009 e que non estean recollidas dentro dos convenios realizados entre a Secretaría Xeral para o Deporte e as federacións deportivas galegas. Tendo en conta que a convocatoria considera subvencionables actividades realizadas ata o 15 de outubro de 2009, proponse un prazo maior para a súa xustificación, que se prolongaría ata o 2 de novembro, facilitando así a xestión económica e administrativa correspondente.

A modificación que se propón non afecta á Orde do 12 de marzo de 2009 no que se refire ao seu contido económico.

O Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia crea a Secretaría Xeral para o Deporte, a cal asume as competencias da antiga Dirección Xeral para o Deporte e, pola súa banda, a disposición adicional segunda do citado decreto establece que quedan desconcentradas nos secretarios xerais dependentes de Presidencia, entre outras, a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia, o que lle outorga ao actual secretario xeral para o Deporte a competencia para ditar esta resolución modificando a Orde do 12 de marzo de 2009 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións a federacións deportivas galegas para promover competicións deportivas das diferentes seleccións absolutas no ano 2009, e se procede á súa convocatoria.

En virtude do exposto e vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Artigo 1º.-Modifícase o artigo 9.1º da Orde de 12 de marzo de 2009 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións a federacións deportivas galegas para promover competicións deportivas das diferentes seleccións absolutas no ano 2009, e se procede á súa convocatoria, que queda co seguinte teor literal:

«Os beneficiarios das axudas deberán solicitar o aboamento da axuda concedida no momento en que se teña realizado o proxecto presentado e unha vez xustificada a súa realización. En calquera caso, o prazo máximo para a presentación da citada xustificación e a presentación da solicitude de aboamento da axuda será o 2 de novembro de 2009».

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2009.

José Ramón Lete Lasa

Secretario xeral para o Deporte