DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Xoves, 15 de outubro de 2009 Páx. 16.195

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 30 de setembro de 2009 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas para a realización de prácticas nos centros de atención a menores dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23º atribúelle á comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

O Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, no seu artigo 1 atribúelle á devandita consellería, entre outras, as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de familia, menores, benestar social, inclusión social, servizos comunitarios, atención aos discapacitados e ás persoas maiores, a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía e coa constitución.

Esta convocatoria está destinada a estudantes con dificultades económicas, configurándose como medio de axuda para o desenvolvemento dos seus estudos de ciclos formativos de grao superior de formación profesional, universitarios e de doutoramento, así como os técnicos superiores de formación profesional, ao mesmo tempo que acadan experiencia no eido educativo e asistencial nos centros de atención de menores.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade galega para o ano 2009, establécense os requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Estas axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 48.02.312B.481.0, que figura nos estados de gastos cun crédito inicial de 96.000 €. O compromiso plurianual adquirido para os exercicios 2009-2010 ascende a un total de 49.350 € distribuídos do xeito seguinte: 24.150 € para o exercicio corrente e 25.200 € para o ano 2010.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

Proceder á convocatoria, mediante o procedemento de concorrencia competitiva, de 35 bolsas para a realización de prácticas nos centros de internado de menores dependentes da Consellería de Traballo e Benestar durante o curso escolar 2009-2010. O número e distribución das bolsas figura no anexo II desta convocatoria.

Artigo 2º.-Requisitos dos solicitantes.

Son requisitos para participar na convocatoria os seguintes:

-Ser español/a ou nacional de calquera país membro da Unión Europea, legalmente establecido en España e con residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

-Non ter cumpridos os 25 anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

-Estar cursando ou ter rematados estudos de formación profesional de grao superior en animación sociocultural, animación de actividades físicas e deportivas e integración social, ou estudos universitarios de psicoloxía, pedagoxía, psicopedagoxía, mestre de educación primaria ou educación física, traballo social e educación social.

-Non realizar actividades profesionais remuneradas por conta propia ou allea, nin recibir bolsas similares ás desta convocatoria.

-Non ter aproveitado en anteriores convocatorias estas ou outras bolsas de similares características por un período superior a un ano.

-Non padecer defecto físico que impida o desenvolvemento normal da actividade do centro.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. Os interesados deberán presentar a solicitude, que figura como anexo I a esta orde de convocatoria, no departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar que corresponda ao lugar onde estea/n situado/s o/s centro/s nos que solicita a realización da bolsa, ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O solicitante poderá optar unicamente por centros radicados na mesma provincia.

2. A presentación da solicitude polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, para acreditar o cumprimento dalgún dos requisitos establecidos nesta orde.

Xunto coa solicitude deberán presentar a seguinte documentación:

-Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante ou da tarxeta de residencia en réxime comunitario, no suposto de nacionais da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo legalmente establecidos en España.

-Acreditación da residencia habitual ou temporal na Comunidade Autónoma de Galicia.

-Fotocopia compulsada da matrícula en facultades, escolas universitarias ou centros de formación profesional ou do título que acredite os estudos realizados.

-Orixinal ou fotocopia compulsada do expediente académico.

-Xustificación de ingresos da unidade familiar: dúas últimas nóminas, certificación positiva ou negativa de percepción da prestación económica do Inem e xustificación doutros ingresos familiares, se fora o caso.

-Proxecto de obradoiro que se vai realizar cos menores residentes nos centros que se soliciten.

-Acreditación, se é o caso, das solicitudes efectuadas e/ou da concesión destas ou similares bolsas en anos anteriores, de acordo co disposto no artigo 2º letra d) desta orde.

-Certificado médico que acredite non padecer defecto físico que impida o normal desenvolvemento da actividade do centro.

-Declaración de non realizar actividades profesionais remuneradas por conta propia ou allea, nin recibir bolsas similares ás desta convocatoria.

-Certificado de minusvalidez, de ser o caso, que acredite un grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Enténdese como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento no houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se presentase a documentación a que se refire o punto 2 deste artigo requirirase ao interesado por escrito a emenda dos defectos que houbese, con indicación de que, se así non o fixese no prazo de 10 días, teráselle por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

En todo caso, e ao abeiro do disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, (DOG nº 221, do 13 de novembro) non se lles exixirá a fotocopia do documento nacional de identidade, certificado de empadroamento e de documentos xerados pola Administración autonómica, nos termos que nos artigos 2, 3 e 4 do citado decreto se establecen.

Artigo 4º.-Contido da axuda.

A concesión da bolsa comporta para o beneficiario:

O aloxamento e mantenza gratuítos no centro durante todo o tempo de realización das prácticas, de tal xeito que se lle permita o/a bolseiro/a a normal realización dos seus estudos.

A asunción pola Consellería de Traballo e Benestar dos gastos seguintes:

-Custos de matrícula ata un importe máximo de 210 euros, logo da correspondente xustificación de terse matriculado nos estudos detallados no artigo 2º desta orde.

-Custos derivados da adquisición de libros relacionados cos estudos cursados, ata un importe máximo de 120 euros, logo da súa xustificación a través da presentación da correspondente factura no prazo de un mes desde que tivo lugar a adquisición.

-O pagamento dunha contía mensual de 120 euros durante nove meses en concepto de bolsa, logo da xustificación polo director do centro da realización das prácticas nos meses correspondentes.

A obtención, unha vez rematada a estadía no centro, dun diploma acreditativo das prácticas realizadas, que lles será entregado polo/a xefe/a territorial do departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar logo do informe favorable do director do centro.

A posibilidade de solicitude ás universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, no caso de ser alumnos destas, do recoñecemento de 2 créditos de libre elección curricular.

Para o recoñecemento destes créditos, os alumnos deberán presentar na universidade correspondente a seguinte documentación:

-Diploma ou certificación acreditativa da superación das prácticas realizadas.

-Unha memoria da actividade realizada no centro.

Estes créditos recoñeceranse como de libre configuración curricular, sen que sexa posible superar os límites que, para estes efectos, establecen os correspondentes plans de estudos.

Artigo 5º.-Obrigas dos adxudicatarios.

A condición de bolseiro obriga ao seguinte:

Realizar as tarefas encomendadas pola dirección do centro que se consideren acordes coa natureza da bolsa en horario de actividade extraescolar, debéndose realizar de tal xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio bolseiro. Estes contarán co asesoramento e orientación dun titor encargado de coordinar, definir e dirixir as tarefas do bolseiro, papel que será desempeñado polo director do centro onde se realicen as prácticas.

Gardar absoluta confidencialidade sobre a documentación, datos persoais e familiares aos que teñan acceso como consecuencia das actividades desenvolvidas consonte o previsto na Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e da adolescencia e na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Non facer públicos de ningún xeito e en ningún medio de comunicación público ou privado, agás autorización expresa da Consellería de Traballo e Benestar, os datos obtidos ou observados dos que se teña constancia por medio das prácticas realizadas, relativos ás diferentes materias xurídico-administrativas referentes aos centros (funcionamento, actividades, programas, persoal, etc.) que se puidesen coñecer e utilizar en traballos de natureza académica.

Presentar unha memoria da actividade realizada no centro ao termo do período de prácticas e estadía no centro, que lle será remitida ao departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde radique o centro no que o bolseiro teña desenvolvido as prácticas.

Realizar unha declaración de conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, polo mesmo concepto, das distintas administracións públicas competentes.

Cumprir todas as demais obrigas que se establecen no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 14.1º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A concesión e desfrute da bolsa non suporá vinculación contractual ou estatutaria algunha entre o bolseiro e o centro ao que quede adscrito, nin implicará ningún compromiso en canto á posterior incorporación do interesado ao cadro de persoal do centro, aínda que si a necesaria e natural coordinación co horario, normas e disciplina deste.

Artigo 6º.-Duración das prácticas.

A duración das prácticas e, polo tanto, as estadías nos centros dos adxudicatarios das bolsas, será do 1 de outubro de 2009 ao 30 de xuño de 2010.

Artigo 7º.-Procedemento para a avaliación das solicitudes.

Para a adxudicación das bolsas procederase da seguinte maneira:

Constituirase unha Comisión Provincial de Valoración en cada departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar, encargada da instrución do procedemento nos termos establecidos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A dita comisión estará presidida polo respectivo xefe do servizo do órgano administrativo responsable en materia de menores e na que actuarán como vogais, un funcionario designado polo xefe territorial e os directores dos centros que deban recibir os bolseiros.

2. A comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando no seu conxunto os seguintes datos:

Expediente académico relativo á formación exixida (de 0 a 6 puntos).

Situación económica da unidade familiar (de 0 a 10 puntos).

Grao de coñecemento do idioma galego:

-Iniciación ao galego.

-Perfeccionamento do galego.

-Outros cursos, estudos ou titulacións de galego.

Só se lle concederá validez, no que se refire á acreditación do coñecemento do galego, aos cursos, estudos ou titulacións homologadas polo órgano administrativo competente en materia de política lingüística (de 0 a 4 puntos).

A puntuación máxima total será de 20 puntos.

3. A comisión confeccionará unha lista, por orde de preferencia, das solicitudes recibidas para cada centro, correspondéndolle a esta comisión a realización dos actos de instrución que procedan nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A comisión elevará a correspondente proposta de resolución ao xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar no prazo máximo de quince días, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que algún solicitante fose seleccionado para máis dun centro, seralle comunicada esta circunstancia, para que no prazo de 10 días, contados desde o seguinte ao da data de recepción da comunicación, opte por un dos centros para os que foi seleccionado.

4. Reservaranse tres bolsas a solicitantes que acrediten un grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%, sempre que, consonte o establecido no artigo 3.2º letra h) non padezan defecto físico que impida o normal desenvolvemento da actividade do centro. No caso de non seren cubertas, adxudicaranse xunto coas demais bolsas.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A concesión das bolsas, unha vez fiscalizadas pola Intervención, corresponderalles, por delegación do conselleiro de Traballo e Benestar, aos xefes territoriais dos departamentos territoriais, segundo o disposto no artigo 7.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia que, consonte ao establecido no artigo 23.4º da mesma lei, deberán resolver e notificar no prazo máximo de tres meses. O prazo computarase a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención segundo o previsto no artigo 23.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o órgano a ditou, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da dita resolución, segundo o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Enténdese como último día do prazo para a interposición dos recursos o correspondente ao mesmo ordinal do día da notificación da resolución. Se o último día de prazo fuere inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

A resolución establecerá os bolseiros adxudicatarios e suplentes por orde de puntuación. Estes últimos serán chamados automaticamente e pola orde establecida, cando por calquera circunstancia algún dos adxudicatarios non puidese formalizar a aceptación da bolsa ou, unha vez iniciadas as actividades, non continuase coa súa execución.

Excepcionalmente, e por causas de índole académica debidamente xustificadas ponderadas pola Comisión Provincial de Valoración, como pode ser o traslado de matrícula a outra universidade, o aspirante poderá solicitar, nos casos en que isto sexa posible, a realización das prácticas en centros doutras provincias.

2. O beneficiario disporá dun prazo de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión para remitir ao departamento territorial correspondente unha comunicación da aceptación da bolsa. De non facelo no prazo indicado, entenderase que se acepta esta.

Non obstante, dentro do prazo indicado, deberán achegar ao departamento territorial unha certificación bancaria comprensiva dun número de conta do que sexa titular para os efectos do pagamento da bolsa. Do mesmo xeito e no mesmo prazo deberá achegar unha declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias que impiden obter a condición de beneficiario de subvencións ao abeiro do establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como calquera outra documentación alegada na solicitude, que lle fose requirida polo departamento territorial correspondente.

A non presentación en prazo da documentación referida no parágrafo anterior ou a falta de acreditación dos méritos alegados na solicitude suporá a perda do dereito á bolsa, procedéndose a adxudicar esta ao seguinte solicitante que figure por orde de puntuación como suplente na resolución de concesión.

3. Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se produza algunha renuncia ou baixa nas bolsas ofertadas.

4. No caso de que non houbese solicitudes para un centro ou as que houbese fosen valoradas negativamente a bolsa quedará sen adxudicar.

5. Unha vez sexa asignada a bolsa para a realización das prácticas nun centro determinado, deberase pór en marcha o proxecto presentado para ese centro.

6. O beneficiario deberá incorporarse ao centro adxudicado na data sinalada na notificación da resolución. A non incorporación nesa data implicará a perda automática dos dereitos inherentes á bolsa concedida. Non obstante, poderase autorizar un aprazamento de ata un máximo de 15 días hábiles, a partir do día seguinte ao da data sinalada na notificación da resolución, na incorporación á bolsa por petición expresa do beneficiario e por causa debidamente xustificada e acreditada.

No suposto de incorporación tardía, aínda xustificada, reducirase proporcionalmente o importe da contía que se vai percibir.

7. O departamento territorial poderá autorizar a interrupción temporal da bolsa, logo da incorporación do bolseiro/a ao destino adxudicado por motivos de enfermidade, accidente ou outras circunstancias, que deberán estar debidamente xustificadas. En todo caso, este tempo non poderá exceder do 20% do tempo total da duración da bolsa.

8. A renuncia, durante o período de goce da bolsa, inhabilitará o seu adxudicatario/a para efectos de presentación na seguinte convocatoria, agás nos casos de forza maior, que serán valorados polo departamento territorial.

Artigo 9º.-Concorrencia con outras axudas.

Consonte o establecido no artigo 2 letra d) desta orde a concesión dunha bolsa é incompatible co aproveitamento doutras bolsas similares ás desta convocatoria.

Artigo 10º.-Natureza da relación entre o bolseiro e a Xunta de Galicia.

A concesión da bolsa non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra orde entre a Xunta de Galicia e o adxudicatario.

Artigo 11º.-Perda da condición de bolseiro.

A condición de bolseiro extínguese ao rematar o período ao que se fai referencia no artigo 6º desta convocatoria e por renuncia expresa do interesado.

O incumprimento por parte do bolseiro das súas obrigas, a ausencia inxustificada, ou o incumprimento da disciplina do centro, a obtención da bolsa sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou a súa utilización para finalidade distinta para a que foi concedida, serán causas da perda da condición de bolseiro para todos os efectos, logo de audiencia do interesado nos termos do artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2 A resolución pola que se acorde esta decisión correspóndelle aos xefes territoriais desta Consellería de Traballo e Benestar, logo de instrución do oportuno expediente, de conformidade coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, e dos xuros de mora devengados desde o momento do seu pagamento, nos casos establecidos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no previsto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para os efectos do establecido no paragrafo anterior entenderase como causa de reintegro o non cumprimento dalgunha das obrigas establecidas no artigo 5º desta orde.

Artigo 13º.-Actuacións de comprobación.

Os bolseiros, como receptores de axudas, estarán sometidos a todas as actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Traballo e Benestar. Así mesmo, quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control no destino das axudas.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

No caso de obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais haberá que aterse ao disposto no artigo 9º desta orde.

Artigo 15º.-Publicidade das axudas.

De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cos números 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería de Traballo e Benestar publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde; e incluirá igualmente as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

Disposicións adicionais

Primeira.-Apróbase a delegación de competencias nos xefes territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, ao abeiro do establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co obxecto de resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos, dispoñer o crédito, ordenar os correspondentes pagamentos e o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos en relación co disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda.-As persoas que teñan a condición de bolseiro, como receptores das axudas ou subvencións, estarán sometidos ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establece a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais; o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Secretaría Xeral de Familia e Benestar para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "20200D008P027.PDF"

Ver referencia pdf "20200D010P033.PDF"