DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Xoves, 15 de outubro de 2009 Páx. 16.186

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 393/2009, do 24 de setembro, polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado da conexión do corredor Brión-Noia coa estrada AC-550 en Taramancos (Noia), de clave AC/09/112.01.

A directora xeral de Infraestruturas, actuando por delegación do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, aprobou, con data do 23 de setembro de 2009, o proxecto de trazado da conexión do corredor Brión-Noia coa estrada AC-550 en Taramancos (Noia), de clave AC/09/112.01.

O mencionado proxecto de trazado desenvolve a opción considerada como máis recomendable no estudo informativo que se redactou, a denominada alternativa 2, cunha lonxitude de 4.857 metros, e que ten como obxectivo facilitar as comunicacións na zona evitando, ao mesmo tempo, que unha parte moi importante do tráfico atravese a localidade.

Mediante o trazado aprobado acadaranse dous obxectivos fundamentais. Por unha parte, unha mellora da seguridade viaria, pois o tráfico de medio e longo percorrido deixará de circular polo centro da localidade. Por outra parte, o trazado constitúe un instrumento fundamental para facilitar as comunicacións entre as dúas marxes da ría e entre Santiago de Compostela e a marxe sur daquela, comunicación esta última, de especial importancia en época estival.

A xustificación da urxencia da ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución do proxecto de trazado da conexión do corredor Brión-Noia coa estrada AC-550 en Taramancos (Noia), de clave AC/09/112.01 vén motivada, ademais de pola necesidade de mellora da seguridade viaria, pola conveniencia de afrontar de maneira urxente a construción dunha infraestrutura que se considera de vital importancia para a potenciación e promoción dos recursos económicos dos concellos da zona. Esta motivación cobra máis importancia se temos en conta que o proxecto supón darlles continuidade ás obras do corredor Brión-Noia, que presentan actualmente un importante grao de execución.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia a teor do previsto no artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas.

En virtude de todo o exposto, e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa en relación co previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo dE deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e catro de setembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios, e que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a súa execución, para os efectos de expropiación, no proxecto de trazado da conexión do corredor Brión-Noia coa estrada AC-550 en Taramancos (Noia), de clave AC/09/112.01.

Lugo, vinte e catro de setembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas