DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Xoves, 15 de outubro de 2009 Páx. 16.178

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2009 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 2009 polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, debido á integración dos postos de traballo de condutores/as doutras consellerías no Parque Móbil da Xunta de Galicia.

A aprobación da modificación da relación de postos de traballo da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza xustifícase polas necesidades organizativas e funcionais da consellería.

O Decreto 327/1994, do 3 de novembro, polo que se regulan os servizos de automobilismo da Xunta de Galicia. O dito decreto ademais de establecer no seu artigo 1 unha clasificación e dependencia dos servizos de automobilismo da Xunta de Galicia, dispón o ámbito do Parque Móbil da Xunta de Galicia adscrito á Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e o ámbito dos parques móbiles das distintas consellerías, adscritos ás respectivas secretarías xerais que prestarán os servizos correspondentes ás funcións sectoriais específicas, sen que, en ningún caso, poidan realizar funcións de representación nin de servizo a altos cargos ou delegados territoriais.

O mesmo decreto establece que os servizos clasificados no grupo C (incidencias) serán cubertos polo Parque Móbil da Xunta ou, se é o caso, polo parque móbil correspondente a cada consellería.

Do total de prazas de condutores/as nas distintas consellerías da Xunta de Galicia pódense dividir seguindo os seguintes criterios:

-Condutores/as de altos cargos.

-Condutores/as de persoal ao servizo da Administración no exercicio das súas funcións.

-Condutores/as que desenvolven labores específicos en materias propias da consellería que polas súas especiais características, función ou cometido sectorial desempeñan servizos de transportes singulares.

Os correspondentes aos dous primeiros grupos sinalados no punto anterior son os que modificaran a súa dependencia orgánica, sendo o último grupo o que permanecerá no ámbito de dependencia orgánica da consellería correspondente.

No caso dos condutores/as das antigas delegacións provinciais tamén pasan a depender da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza respectando, en todo caso, a localidade de orixe do seu posto.

En consecuencia, por proposta da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación da Comunidade Autónoma e a Comisión de Persoal, o Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de outubro de dous mil nove, adoptou o seguinte

ACORDO:

Primeiro.-Apróbase a modificación da relación de postos de traballo da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos termos seguintes:

a) Modificación da dependencia orgánica dos postos de traballo de condutores/as de altos cargos e de condutores/as do persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia no exercicio das súas funcións, de conformidade co Decreto 327/1994, do 3 de novembro, polo que se regulan os servizos de automobilismo da Xunta de Galicia.

b) Os postos de traballo dos condutores/as que desenvolven labores específicos en materias propias da consellería que polas súas especiais características, función ou cometido sectorial desempeñan servizos de transportes singulares seguirán permanecendo no ámbito de dependencia orgánica da consellería correspondente.

Segundo.-Ordénase a publicación da mesma no Diario Oficial de Galicia para os efectos da súa entrada en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do un de outubro de dous mil nove, relativo á aprobación da modificación da relación de postos de traballo da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, debido á integración dos postos de traballo de condutores/as doutras consellerías no Parque Móbil da Xunta de Galicia, coa finalidade de cumprir o dito acordo, dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2009.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda

Ver referencia pdf "20200D003P010.PDF"

Ver referencia pdf "20200D004P018.PDF"