DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 09 de outubro de 2009 Páx. 16.019

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO CONSULTIVO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 2009 pola que se convoca un curso sobre A función de control da Administración consultiva: o Consello Consultivo de Galicia, organizado polo Consello Consultivo de Galicia en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública.

Tendo en conta o acordo de colaboración subscrito o 26 de marzo de 2009 entre o Consello Consultivo de Galicia e a Escola Galega de Administración Pública, convócase o curso sobre A función de control da administración consultiva: O Consello Consultivo de Galicia, conforme as seguintes bases:

Primeira.-Destinatarios.

Esta actividade formativa está destinada ao persoal dos grupos A1, A2 e C1 ao servizo da Administración xeral da Xunta de Galicia, dos seus organismos públicos e demais entes dela dependentes, e a súa selección faraa o Consello Consultivo de Galicia respectando en todo caso os criterios selectivos sinalados con carácter xeral na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 (DOG nº 7, do 10 de xaneiro).

Segunda.-Obxectivos.

O curso pretende, por unha banda, constituír unha canle de divulgación da doutrina sentada polo Consello Consultivo nas materias obxecto da súa competencia e, por outra, permitir a apertura dun foro de debate sobre elas, logo de transcorridos trece anos desde a súa creación e tendo en conta a experiencia acumulada ao longo deste tempo no seu labor de asesoramento e control preventivo da actividade administrativa autonómica.

Terceira.-Programa.

O curso estrutúrase nos seguintes módulos:

-Módulo I. A Administración consultiva da Comunidade Autónoma de Galicia: o Consello Consultivo de Galicia.

-Módulo II. O control da potestade regulamentaria. O regulamento. Relacións entre lei e regulamento. Titularidade da potestade regulamentaria. O principio de reserva de lei.

-Módulo III. Procedemento de elaboración de disposicións de carácter xeral. Normativa reguladora.

-Módulo IV. A responsabilidade patrimonial da Administración pública.

-Módulo V. A contratación administrativa: modificación e resolución dos contratos.

-Módulo VI. A revisión de oficio dos actos e disposicións administrativas de carácter xeral.

Cuarta.-Desenvolvemento.

Datas: 2, 3, 4, 5, 9 e 10 de novembro de 2009.

Horario previsto: das 17.00 ás 20.00 horas.

O curso convocado desenvolverase na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), situada na rúa Madrid, 2-4, Polígono das Fontiñas, en Santiago de Compostela, agás a primeira sesión que terá lugar tras o acto inaugural o día 2 de novembro na sede do Consello Consultivo de Galicia sita na rúa Algalia de Abaixo, nº 24, Santiago de Compostela.

Quinta.-Prazas.

40.

Sexta.-Prazo de inscrición e presentación de instancias.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o venres 16 de outubro de 2009.

O persoal que desexe participar no curso que se convoca nesta resolución deberá cubrir a solicitude de inscrición que se pode atopar no portal web do Consello Consultivo de Galicia no seguinte enderezo: http://ccgalicia.es/pages/novas.html.

As solicitudes irán dirixidas á Secretaría Xeral do Consello Consultivo de Galicia (rúa Algalia de Abaixo, nº 24, CP 15704 Santiago de Compostela (A Coruña), e serán presentadas no rexistro do Consello Consultivo, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 58 33 15 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo secretaria@ccgalicia.es.

Para máis información respecto a aspectos organizativos ou docentes do curso poden chamar ao teléfono 981 55 21 10.

Sétima.-Selección.

Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG nº 7, do 10 de xaneiro). A selección dos participantes será realizada polo Consello Consultivo de Galicia.

O Consello Consultivo de Galicia publicará na súa páxina web a relación de admitidos no curso, e comunicará, así mesmo, ás persoas solicitantes a confirmación da súa admisión no curso ao enderezo de correo electrónico que figure na solicitude de inscrición.

Oitava.-Modificacións.

O Consello Consultivo de Galicia conxuntamente coa EGAP reservan para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Novena.-Certificados.

A actividade formativa terá un recoñecemento oficial por parte da EGAP, que se plasmará no correspondente documento xustificativo da súa realización, a aquelas persoas inscritas que participasen con regularidade e dedicación no desevolvemento do curso, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa a natureza da actividade e a data de realización.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2009.

Mª Teresa Conde-Pumpido Tourón

Presidenta do Consello Consultivo de Galicia