DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 09 de outubro de 2009 Páx. 16.016

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2009, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se dita a normativa para a pesca da lamprea no río Ulla e se fixa o período e condicións para presentar solicitudes para a súa adxudicación no ano 2010.

De conformidade coa disposición transitoria segunda do Decreto 245/2009, do 30 de abril (DOG do 1 de maio) e coa disposición adicional cuarta da Orde do 25 de febreiro de 2009, pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a temporada 2009, na que se faculta o delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en Pontevedra para ditar cantas normas sexan necesarias para a regulación da pesca da lamprea no río Ulla e, co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado desta pesca, establécese un réxime especial de pesca da antedita especie para o vindeiro ano 2010 nos tramos e coas limitacións que a continuación se indican, ás cales se deberán ater as persoas autorizadas como titulares, así como as autorizadas para pescar nelas:

-Nas pesqueiras das Areas e As Vellas deberán deixar libre o canal central do río e, non se poderá traballar na denominada vea.

-O período de pesca será: nas pesqueiras das Areas (Herbón), do día 4 de xaneiro ao 30 de marzo; e no tramo comprendido desde a pesqueira As Vellas (Herbón) ata a pesqueira da Trapa (Herbón) ambas incluídas, do 1 de febreiro ao 30 de abril; e no tramo comprendido desde as pesqueiras A Caseta e Furado (Carcacía) ata a pesqueira Lampreeiro, no lugar das Pesqueiras (Reis) todas incluídas, do 15 de febreiro ata o 14 de maio.

-A pesca só poderá practicarse desde as pesqueiras tradicionais, detalladas no anexo, debendo empregar redes que non causen dano a outras especies piscícolas.

-As redes só poderán estar colocadas desde as 20.00 ata as 8.00 horas.

-Prohíbese a realización dos labores de pesca, debendo levantarse as redes das pesqueiras, desde as 8.00 horas dos sábados ata as 20.00 dos luns.

-Toda persoa que traballe nas pesqueiras deberá estar en posesión da correspondente licenza de pesca e do permiso de 4ª categoría para cada día e pesqueira, documentos que deberán levar consigo xunto co DNI durante a práctica desta actividade.

-Serán devoltos ás augas ou entregadas aos axentes que o soliciten, todos aqueles exemplares piscícolas que non sexan as lampreas capturadas nas pesqueiras.

-En todo momento, deberán colaborar coa gardaría de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, seguindo as súas instrucións.

-O mesmo día que remate o réxime especial, procederase a retirar as artes de pesca.

As infraccións contra esta regulación serán sancionadas de conformidade co establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial. Polo uso indebido da pesqueira responderá o seu titular; se nun mesmo posto hai varios titulares responderán conxunta e solidariamente.

Xunto cos permisos entregarase un cuestionario de rexistro de capturas que deberá ser debidamente cuberto e deberá estar sempre á disposición da gardaría de Conservación da Natureza. Unha vez rematada a temporada será entregado no Servizo de Conservación da Natureza.

No caso de que a pesqueira a traballe unha persoa distinta do seu titular, para a obtención dos citados permisos, deberá acreditar no Servizo de Conservación da Natureza estar autorizado polo seu titular.

O Servizo de Conservación da Natureza, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá modificar o contido desta normativa adoptando medidas axeitadas.

Prazo para presentar as solicitudes:

Co obxecto de adxudicar as pesqueiras para a pesca da lamprea, acordo abrir o prazo para que os titulares das pesqueiras do río Ulla presenten a súa solicitude:

-O dito prazo estará aberto desde a publicación desta resolución ata as 14.00 horas do día 30 de novembro de 2009.

-Coa solicitude deberán presentar copia do DNI e a documentación que acredite a titularidade da pesqueira no Servizo Provincial de Conservación da Natureza, rúa Fernández Ladreda, 43 de Pontevedra.

-A pesqueiras solicitadas serán as que se relacionan no anexo.

Pontevedra, 24 de setembro de 2009.

Gerardo Zugasti Enrique

Xefe territorial de Pontevedra

Ver referencia pdf "19900D008P032.PDF"