DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 09 de outubro de 2009 Páx. 16.014

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2009, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se dita a normativa para a pesca da lamprea no río Tea e se fixa o período e condicións para presentar as solicitudes para participar no sorteo de postos de pesca no ano 2010.

De conformidade coa disposición transitoria segunda do Decreto 245/2009, do 30 de abril (DOG do 1 de maio), e coa disposición adicional cuarta da Orde do 25 de febreiro de 2009, pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a temporada de 2009, na cal se faculta o delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en Pontevedra para ditar cantas normas sexan necesarias para a regulación da pesca da lamprea no río Tea e, co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado da dita pesca, se establece un réxime especial para o vindeiro ano 2010 que só poderá practicarse desde 700 metros augas abaixo da ponte romana de Ponteareas ata a confluencia do Tea co río Miño, coas limitacións que a continuación se indican:

-Os pescadores interesados nesta pesca deberán participar no sorteo público que celebre o Servizo de Conservación da Natureza, na data, a hora e o lugar que se fará público, no cal se indicarán os postos de pesca para a colocación das estacadas.

-Os medios que se empreguen serán a estacada, fisga (1 por pescador) e luz artificial. Enténdese por estacada a ponte ou pasarela de madeira situada en beiril sobre o río, perpendicularmente á dirección da corrente e cunha lonxitude máxima que non superará a metade do leito fluvial, apoiándose nun extremo na marxe do río e o resto sobre pilotes ou postes de madeira ou ferro, de xeito que non se impida a libre circulación das augas baixo ela.

No caso de que a suxeición da estacada a terra sexa ás árbores de ribeira, deberán tomarse as medidas necesarias para que as ditas árbores non resultan danadas.

-Antes de proceder á instalación das estacadas deberán estar en posesión de licenza de pesca e autorizados cos permisos de 4ª categoría para cada día, documentos que deberán levar consigo xunto co DNI durante a práctica desta actividade.

-Prohíbese ter na estacada un número superior de fisgas a pescadores con permiso presentes nela, así como pedras ou calquera outro instrumento que sirva para bater as augas ou espantar os peixes de xeito que se facilite a súa captura; serán todos eles responsables do incumprimento destas condicións.

-Así mesmo, prohíbese a atadura das fisgas a calquera tipo de cordeis.

-O período hábil de pesca será desde o 18 de xaneiro ata o 30 de abril.

-A pesca realizarase en días alternos, pescando os luns, mércores e venres desde as estacadas impares e os martes, xoves e sábados desde as pares. As persoas que pesquen os luns, mércores e venres comezarán ás 21.00 horas destes días e poderán facelo ata as 8.00 horas do día seguinte. As persoas que o fagan os martes, xoves e sábados comezarán ás 21.00 horas destes días e poderán facelo ata as 8.00 horas do día seguinte.

-Prohíbese a pesca desde as 21.00 horas dos domingos ata as 21.00 horas dos luns.

Requisitos que hai que seguir na instalación das estacadas:

-Deberán estar debidamente numeradas e situadas, de conformidade co recollido no anexo, onde as fixen sobre o terreo o persoal da Consellería do Medio Rural. En ningún caso se poderán montar fóra do lugar establecido, salvo por razóns excepcionais e logo de solicitude e autorización; e tampouco se poderá cambiar de marxe. No caso de que os adxudicatarios de dúas estacadas contiguas queiran montalas conxuntamente solicitarano previamente e, se é o caso, montarase no lugar correspondente á sinalada máis augas abaixo.

-Deberán ter acceso desde terra e, en ningún caso, as dimensións das estacadas superarán a metade do río.

-Non se poderá cortar vexetación de ribeira sen autorización do Servizo de Conservación da Natureza, de acordo co establecido na vixente Lei 7/1992, de pesca fluvial.

-Na iluminación da estacada só se poderán utilizar bombillas, quedando prohibido focos ou similares.

-Finalizado o réxime especial o día 30 de abril, os pescadores disporán dun prazo de 15 días para retirar as estacadas e demais instalacións, deixando o contorno libre de lixo, e presentar debidamente cubertos os libros de rexistro de capturas na oficina do Distrito Ambiental de Ponteareas, na rúa Paseo Matutino, nº 35-1º A, ou no Servizo Conservación da Natureza en Pontevedra, rúa Fernández Ladreda, 43.

Do incumprimento dos anteditos requisitos de instalación e retirada das estacadas responderán todas as persoas autorizadas conxunta e solidariamente.

A pesca desde as estacadas enténdese selectiva para a lamprea e non poderá causar dano a outras especies piscícolas.

As barcas empregadas polos pescadores para os labores auxiliares da pesca da lamprea deberán estar en posesión de licenza especial para embarcación (licenza clase E). Estas embarcacións deberán levar en lugar ben visible o número de estacada que lles correspondera no sorteo. En ningún caso, estas barcas poderán ser accionadas con motor.

O persoal que designe o Servizo de Conservación da Natureza revisará cada estacada e, cando non se axuste ás condicións fixadas ou non exista persoa autorizada para a pesca desde ela, procederase ao seu levantamento.

Se durante a temporada de pesca da lamprea os gardas observan que algún pescador incumpre calquera outra condición desta normativa poderanlle retirar, nese intre, os permisos que lle queden, sen dereito á devolución do seu importe.

O Servizo de Conservación da Natureza, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá modificar o contido desta normativa adoptando as medidas necesarias.

Sorteo de postos de pesca para a captura da lamprea no río Tea.

Para poder participar neste sorteo os interesados deberán presentar:

-Solicitude segundo modelo oficial.

-Fotocopia cotexada do DNI.

O sorteo para a posesión dos postos correspondentes terá lugar no refuxio da Freixa (Ponteareas) o día 8 de xaneiro de 2010, ás 11.00 horas, á vista das solicitudes que para este fin se reciban no Servizo de Conservación da Natureza, rúa Fernández Ladreda, 43, de Pontevedra, desde o día seguinte ao da publicación desta normativa ata ás 14.00 horas do 30 de novembro de 2009.

A zona de pesca está comprendida entre a ponte do ferrocarril e a praia da Moscadeira, cun número de 48 estacadas.

Cada solicitante elixirá, logo de presentación do DNI, pola orde obtida no sorteo.

De acordo co número obtido no sorteo, cada pescador retirará un lote de permisos de 4ª categoría para toda a temporada, logo de pagamento do prezo público que corresponda e presentación da licenza de pesca.

A cada posto de pesca deberán optar catro pescadores que se xuntarán na mesma solicitude. Se se comprobase que o nome dun pescador aparece reflectido en máis dunha solicitude, procederase á súa anulación.

Os permisos serán persoais e intransferibles, polo que ningún pescador poderá facer uso doutro permiso que non fose o seu propio, nin pescar desde un posto distinto a aquel que figura no seu permiso.

Se queda algún posto vacante, sortearase entre os pescadores que, por razón do sorteo e incluídos nel, non tivesen opción de escoller posto, sempre que o número de solicitudes supere o número de postos autorizados e que se indican no anexo desta resolución.

Non se cambiará ningún posto despois da elección do sorteo.

Os pescadores que teñan pendente o pagamento dalgunha sanción administrativa da lexislación de pesca non poderán optar ao sorteo das estacadas.

Xunto cos permisos entregaranse uns libros de rexistro de capturas, que deberán ser debidamente cubertos e estar sempre á disposición dos gardas de Conservación da Natureza. O cumprimento deste requisito será indispensable para optar ao sorteo da próxima temporada.

Pontevedra, 24 de setembro de 2009.

Gerardo Zugasti Enrique

Xefe territorial de Pontevedra

Ver referencia pdf "19900D007P030.PDF"