DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 09 de outubro de 2009 Páx. 15.991

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2009, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre aprobación definitiva do proxecto de delimitación do solo do núcleo rural das Ratoeiras, na parroquia das Chás, concello de Montederramo (Ourense).

O Concello de Montederramo remitiu o expediente de delimitación do núcleo rural das Ratoeiras, tramitado ao abeiro do punto 2 da disposición adicional 2ª da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, (en diante LOUG) solicitando a súa aprobación definitiva.

I. Antecedentes

1. O Concello de Montederramo non dispón de ningún instrumento de planeamento xeral municipal.

2. O expediente foi tramitado de acordo co previsto no inciso terceiro do número 2 da disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, na redacción dada pola Lei 15/2004, e nel constan:

-O sometemento ao trámite de información pública, que se levou a cabo mediante a publicación de anuncios no DOG nº 47, do 9 de marzo de 2009, e nos xornais La Región, o 5 de marzo de 2009, e La Voz de Galicia, o 6 de marzo de 2009.

-Certificación do secretario municipal do 10 de abril de 2009 no cal se reflicte que no devandito período non se presentaron alegacións.

-Certificado do acordo de aprobación provisional, adoptado polo pleno do concello na súa sesión do 23 de abril de 2009.

II. Consideracións e motivación.

Logo de analizar o expediente remitido polo Concello e á vista do informe elaborado no Servizo de Urbanismo do Departamento Territorial de Ourense, cómpre facer as seguintes consideracións:

1. No proxecto remitido queda xustificada a preexistencia e o recoñecemento do núcleo rural das Ratoeiras.

2. Á vista da ordenación aplicable, a delimitación proposta para o asentamento tradicional é admisible, xa que cumpre os requisitos establecidos no artigo 13.3º da Lei 9/2002. O réxime xurídico aplicable aos terreos incluídos na delimitación será o establecido pola Lei 9/2002 para o solo de núcleo rural; seralle igualmente aplicable, en todo o que non vulnere nin vaia contra o devandito réxime xurídico, o contido da ordenanza do solo non urbanizable de núcleo rural das vixentes normas provinciais.

3. De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, (modificada pola Lei 15/2004), e coa Orde do 11 de maio de 2009 sobre adscrición de órganos e delegación de competencias como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleo rural correspóndelle a secretaría xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución:

1º Visto canto antecede, apróbase definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural das Ratoeiras, na parroquia das Chás, concello de Montederramo (Ourense).

2º Contra esta resolución non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, podendo interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

3ª Notifíquese esta resolución ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2009.

María Encarnación Rivas Díaz

Secretaria xeral de Ordenación do Territorio

e Urbanismo

Ver referencia pdf "19900D003P007.PDF"