DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 09 de outubro de 2009 Páx. 15.990

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 21 de setembro de 2009 pola que se modifica a Orde do 19 de setembro de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para 2008 axudas ás comunidades de propietarios, en réxime de concorrencia competitiva, para a reparación, rehabilitación e adaptación de edificios de vivendas de protección oficial de promoción pública.

O 29 de setembro de 2008, publicouse no DOG a orde da Consellería de Vivenda e Solo do 19 de setembro de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o 2008 axudas ás comunidades de propietarios, en réxime de concorrencia competitiva, para a reparación, rehabilitación e adaptación de edificios de vivendas de protección oficial de promoción pública.

O Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, adscribe o Instituto Galego da Vivenda e Solo á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O Decreto 317/2009, do 4 de xuño, establece a estrutura orgánica do IGVS. De conformidade co artigo 1 do dito decreto correspóndelle ao IGVS a realización das políticas de vivenda e solo da Xunta de Galicia.

A citada orde, no seu artigo 31, establece, para estas axudas, un importe total dispoñible para o exercicio 2008, de 123.853,62€, 2.500.000 € para o exercicio 2009 e 800.000 € para o 2010, con cargo á aplicación 17.90.451A.781.0. Así mesmo, establece que excepcionalmente o crédito orzamentario destinado a estas axudas poderá ser incrementado de conformidade co establecido no artigo 31.2º a) e b) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En consideración á situación de necesidade urxente de abordar as obras segundo se desprende das memorias e informes e o prazo para desenvolver as obras para as que se solicitan as axudas, que alcanza en moitos casos o ano 2010, estímase a necesidade de reaxustar e ampliar os importes previstos na antedita orde.

En consecuencia, ante a existencia de dispoñibilidades orzamentarias que poden ser utilizadas para os mesmos fins, cómpre ampliar e reaxustar o importe dos créditos correspondentes, destinados ao financiamento das subvencións que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 19 de setembro de 2008, coa finalidade de facer chegar as ditas subvencións ao maior número de beneficiarios posible.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o artigo 31 da orde da Consellería de Vivenda e Solo do 19 de setembro de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o 2008 axudas ás comunidades de propietarios, en réxime de concorrencia competitiva, para a reparación, rehabilitación e adaptación de edificios de vivendas de protección oficial de promoción pública, que queda redactado nos seguintes termos:

Artigo 31º

«Aplicación orzamentaria e contía total máxima das subvencións.

O importe máximo das subvencións reguladas nesta orde para o ano 2009 será de 1.964.000 € e de 2.000.000 € para 2010 e instrumentarase financeiramente con cargo á aplicación 17.90.451A.781.00 do orzamento do IGVS.

Excepcionalmente, o crédito orzamentario destinado a estas axudas poderá ser incrementado de conformidade co establecido no artigo 31.2º a) e b) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas