DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 09 de outubro de 2009 Páx. 15.990

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 30 de setembro de 2009 pola que se modifica a Orde do 16 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para 2008 e 2009 as axudas aos traballadores residentes en Galicia para a contratación dun seguro de pagamentos protexidos.

O día 24 de decembro de 2008 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 16 de decembro de 2008 pola que se establecían as bases reguladoras e se convocaban para 2008 e 2009 as axudas aos traballadores residentes en Galicia para a contratación dun seguro de pagamentos protexidos.

Segundo o previsto no artigo 19º da orde, as axudas reguladas nela financiaríanse con cargo á aplicación orzamentaria 0705.621A.480.0 cun crédito plurianual por un importe de 500.000 euros para o exercicio 2008 e de 9.500.000 euros para o exercicio 2009. Actualmente a partida orzamentaria denomínase 4205.621A.480.0.

Tendo en conta que o número de solicitudes de axudas presentado resulta moi inferior ás previsións iniciais, procede modificar o dito artigo 19º co fin de adaptar o importe orzado ás previsións actualizadas das axudas a pagar ata o final do ano 2009, permitindo, ademais, a utilización dos fondos liberados para financiar determinadas actuacións do Plan de medidas de actuación urxente fronte á crise económica.

Por todo o exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 19 da Orde do 16 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para 2008 e 2009 as axudas aos traballadores residentes en Galicia para a contratación dun seguro de pagamentos protexidos, que quedan redactado do seguinte xeito:

«Artigo 19º.-Dotación orzamentaria.

As axudas reguladas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 4205.621A.480.0 por un importe de 500.000 € para o exercicio 2009. O dito crédito, á vista das solicitudes presentadas, poderá ser modificado e/ou ampliado pola Consellería de Economía e Facenda, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Polo menos o 20% dos créditos orzamentarios destinaranse a axudas para o pagamento de pólizas de seguros correspondentes a préstamos hipotecarios para a adquisición de vivendas protexidas.»

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2009.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda